A asemblea da remoción impulsada polo grupo de opositores á directiva actual que gañara as eleccións o pasado mes de xaneiro viña precedida por un clima de tensión previo: ao longo da semana varios integrantes deste sector crítico reuníronse na oficina da empresa de aluminios da que é titular o candidato alternativo, Gonzalo Macenlle, e contan os veciños da Grela que os berros oíanse dende fóra. Nas horas previas ao domingo distribuíron varios panfletos polos paneis informativos da parroquia con acusacións de manipulación dirixidas á directiva da Comunidade de Montes; e mesmo procuraron caldear máis o ambiente cunha nota informativa dirixida aos medios de comunicación con expresións tan incisivas como “purga ilegal” ou censo “feito á medida dos seus intereses”.
Por outra parte, na Casa de Montes de San Xulián, a directiva xa velaba armas dende había tempo. No panel acristalado que se atopa mesmo na entrada do edificio, podíase ler un escrito encabezado pola palabra “LAMENTABLE”, no que se defendían das “calumnias” dos opositores, que supostamente os tildaban de “dictadores”, de actuar de forma “ilegal” e de modificar o censo “por capricho”. A directiva tamén arremetía contra as “malas artes” dos opositores para poñer a veciñanza “na contra” da xunta rectora. Fronte a iso, os dirixentes da Comunidade sacaban peito da súa xestión “seria” e das contas “detalladas”, aínda que recoñecían ter “fallos” e aceptar as “críticas e recomendacións para facelo mellor”.
“É unha mágoa que en vez de estar unidos, de traballar todos polo ben da parroquia, algúns se empecinen en batallas que nos desgastan e non conducen a nada”, remataba ese comunicado público.
Pois con este panorama chegamos á asemblea do domingo, ás 16:00 horas en primeira convocatoria e ás 18:00 horas en segunda, que foi á hora á que comezou logo de que os comuneiros e comuneiras foran chegando e acreditándose na porta, co seu DNI e mais co carnet da Comunidade de Montes. Houbo amagos puntuais de enfrontamento, que non pasaron do verbal, cando algúns veciños pretendían facer constar a súa condición de comuneiro malia estar dados de baixa no censo ou non figurar nese listado.
O presidente, Manuel Estévez, tomou a palabra para presentar a Ángeles Otero, notaria de Marín que ocupou un posto na mesa, a carón de Miguel Lamela, o avogado da Comunidade de Montes de San Xulián dende hai 15 anos, que foi quen conduciu a asemblea. En canto este último tomou a palabra, Estévez non volveu intervir. Era a primeira vez en 15 anos, explicou Lamela, que unha asemblea da Comunidade de Montes de San Xulián tiña que realizarse en presenza dun funcionario público que dera fe do que ocorrese na xuntanza. Algún día non moi lonxano poderemos saber a canto ascende o custe desta asemblea, entre os honorarios da notaria e os do letrado. As suspicacias dos opositores e o seu empeño en xudicializar a xestión da Comunidade levaron a directiva a tomar esta decisión.
Foi dicir que o censo que se tomaría para realizar a votación era o que consta na Xunta, e xa se armou a primeira trifulca. Apenas transcorreran 3 minutos dende o inicio.
[O ex-vicepresidente, dirixíndose á notaria de Marín. Foto: J. Santos Álvarez]
–Cuánto hace que nos conocemos, Laureano! -exclamou o avogado da Comunidade dirixíndose ao ex-vicepresidente, que foi quen máis interrompeu, protestou, vociferou e alborotou.
Sen medo a trabucarnos, o seu nome debeu ser a palabra máis pronunciada en toda a tarde, tanto por boca de Miguel Lamela cun ton entre a pacencia e o hastío, ata os propios comuneiros, moitos dos cales reprendían a Laureano Allariz pola súa actitude e pedíanlle insistentemente que calara e deixase falar.
–¿Me deja hablar? Hable lo que quiera. Se lo repito. Diga lo que tenga que decir… -insistía Lamela, que cada vez que quería expoñer a dinámica da asemblea vía como Laureano Allariz, o contra-candidato Gonzalo Macenlle ou calquera outro do grupo dos opositores facían barullo.
Máis que dificultar a comunicación por parte do avogado, o que máis molestaba no público era o ambiente caótico e as dificultades para entender o que dicían os dous bandos.
Macenlle ergueuse para denunciar que 200 comuneiros estaban fóra do censo e para esixir o restablecemento de “todos” os que foran apartados dese listado.
[Gonzalo Macenlle, candidato dos opositores. Foto: J. Santos Álvarez]
–Se tomará nota de quien no deje hacer la asamblea -advertiu Miguel Lamela, ante a indignación dos opositores.
–¡Y con amenazas! -replicoulle dende as primeiras filas unha muller de Arealonga pertencente ao bando opositor.
–Ven mucha televisión -espetoulle con retranca o avogado, que debía estar pensando nalgún programa de telelixo da sobremesa, polo nivel de decibelios e de pouca cordura que estaba acadando a asemblea en tan breve espazo de tempo. Cualquiera que entienda que se comete alguna ilegalidad, la mayor garantía que tiene es el acta. Que impugne en el juzgado y ya le digo yo que lo pierde. Aquí se va a votar el censo aprobado en la Xunta, que es el único válido -engadiu Lamela.
Ante as acusacións de Laureano e compañía de que a directiva paralizaba a xestión da Comunidade, o avogado terciou:
–La Comunidad no ha paralizado nada -explicou o avogado, lembrando que entre os últimos logros acadados pola Comunidade estaba ter gañado o pleito pola “famosa finca” -dixo- de Romero.
Foi pronunciar as palabras máxicas -Romero, pleito- e a veciña de Arealonga saltou como un resorte da cadeira e comezou, visiblemente alterada, a berrarlle ao avogado e á directiva. As persoas que estaban nas filas de asentos posteriores non puideron entender practicamente nada do cirio que había montado, máis aló de intuír que os opositores se estaban atribuíndo o mérito desa victoria xudicial.
[Simpatizante do grupo opositor. Foto: J. Santos Álvarez]
–La vida de la Comunidad no se paraliza; si hay remoción seguirá habiendo junta rectora -intentaba aclarar Miguel Lamela fronte á confusión que os críticos trataban de sementar.
O avogado explicou que se pasaría lista do censo oficial para verificar que había quorum.
–O que non estea de acordo, quedará constancia da súa discrepancia -matizou Lamela.
Tamén emprazou os comuneiros que tiveran representación doutros comuneiros para exercer o voto no seu lugar, a comunicar esa circunstancia. Logo anunciou que había unha lista de 66 persoas que solicitaran o seu ingreso no censo daComunidade de Montes e que a asemblea votaría se se aprobaba ou non a súa inclusión. A maiores, remarcou a importancia do seguinte punto da orde do día: aprobar ou suprimir un apartado dos estatutos sobre a obrigatoriedade de non faltar a tres asembleas consecutivas para seguir formando parte do censo de comuneiros.
Laureano Allariz seguía montando o seu espectáculo paralelo…
–Por favor, Laureano… Pues no vote y vaya al juzgado -o ton de voz de Lamela denotaba unha crecente fartura ante as interrupcións constantes e reiteradas do ex-vicepresidente.
Chegou un punto no que Allariz empezaba a actuar como se levase toda a vida vestindo unha toga, citaba sentenzas como se o seu habitat natural fosen os tribunais, e interpelaba o avogado con argumentos peregrinos.
–Pues si usted sabe más que yo… -comentaba con incredulidade o avogado da Comunidade ante a verborrea de Laureano que, no cénit da súa empanada mental, chegou ao extremo de comparar a Comunidade de Montes co goberno de Nicolás Maduro en Venezuela, o que motivou as risotadas do público. Uns non daban creto ao nivel de disparate que estaba acadando o anti-discurso dos promotores da remoción, mentres outros era precisamente o que agardaban por parte do dúo Allariz-Macenlle: espectáculo pseudo-circense e de balde.
Por fin comezaron a pasar lista: o avogado ía lendo os nomes dos comuneiros/as e a notaria anotaba se estaban presentes ou non. Deuse a circunstancia de que no repaso ao censo citáronse os nomes de varias persoas falecidas. Mentres os opositores “celebraban” o nomeamento dos finados, facendo todo o posible por facer esaxerar a existencia de anomalías e irregularidades, o avogado explicaba que lía a lista tal e como figuraba por escrito, se ben no caso dos comuneiros falecidos, estes estaban marcados cun sinal e ao seu carón figuraba o nome do familiar ou representante que os sustituía.
A opositora da Arealonga reclamou varias veces a lista dos falecidos. Pola súa parte, Laureano Allariz quixo entregarlle á notaria un dossier que o avogado asegurou que figuraría na acta.
Sobre Laureano Allariz cabe salientar o seu comportamento maleducado e agresivo cunha veciña do Carballal que lle levou a contraria nunha das queixas formuladas polo ex-vicepresidente, ao que este último reaccionou dirixíndose a ela de malas maneiras e dándolle na cara cos papeis que portaba na man, como ela mesma nos confirmou.
Outra veciña da Grela chegou a erguerse do asento no medio da sala para reprender a Gonzalo Macenlle porque este non deixaba de facer comentarios polo feito de que o pai desta veciña, falecido, aínda seguía inscrito no censo.
–Non digas nada máis do meu pai! -dixo ela, moi enoxada, ante a actitude de Macenlle, tan gratuitamente incisiva e de mal gusto.
Seguidamente, pasouse lista ás 66 persoas que se apuntaran como novos comuneiros durante o periodo de renovación do censo.
E cando o avogado preguntou se algún dos presentes estaba en contra de que se incluíran estas persoas no censo, ocorreu algo insólito.
A todo isto, había un enésimo motivo de balbordo, moita confusión… Macelle e Laureano seguían porfiando nas súas teimas, non se entendía nada desa bronca en estéreo que mantiñan eles dous. Entón Macenlle ergueu o brazo… e con el tamén Laureano… e por contaxio os membros do grupo dos opositores que estaban nas primeiras filas imitaron a Macenlle e a Laureano. Estaban votando en contra da inclusión dos novos comuneiros no censo!
Como é posible que a candidatura crítica, que segundo a directiva oficial fixo todo o posible por carretar novos comuneiros afíns a eles -unhas veces con criterios legais; noutros casos con criterios dubidosos ou directamente inválidos, nun intento por inflar artificialmente o censo- en chegando o momento de votar se entran ou non entran novos comuneiros, votan en contra! O colmo da terquedade…
Comezaron entón as votacións para aprobar ou rexeitar a remoción. Todos os comuneiros/as con dereito a votar dirixíronse á cabina para tomar unha das dúas papeletas: SI a favor de que continuase a actual directiva; ou NON, para que se destituíra a xunta rectora vixente.
–De verdad que es usted cansino, Laureano! -oíuselle dicir a Lamela nun enésimo intento do ex-vicepresidente por entorpecer o desenvolvemento da sesión. Esa actitude tan negativa só podía ser un síntoma de nerviosismo, intranquilidade e inseguridade nas posibilidades dos propios opositores, como así se confirmaría ao final da asemblea. Esa maneira de actuar tan irrespetuosa era o preludio do desastre para o sector crítico. E se algunha posibilidade tiveron de convencer a algún dos asistentes sobre esas supostas razóns para expulsar a directiva vixente, a postura do boicot non fixo outra cousa que botar para atrás a veciñanza e gañar o rexeitamento dos dubidosos. Ningún veciño/a nos seus cabais podía confiar o goberno da Comunidade de Montes a un grupo de persoas que funcionan a berro pelado, que van “á contra” para todo, e que están instalados permanentemente no “non”. A estratexia era ben pouco intelixente.
Eran as 20:40h cando comezou o reconto dos votos. Se as dúas horas e media previas se caracterizaran polo ruído, pola falta de diálogo coherente, pola desorde, durante o reconto das papeletas reinou un silencio e unha expectación fóra do común. Tardouse algo máis de media hora en emitir o resultado das votacións:
154… SI
66… NON
12 votos nulos (máis dunha papeleta no sobre, ou unha papeleta solta sen sobre)
15 en branco
Aínda non rematara a asemblea; faltaba a decisión sobre o apartado E do artigo 23 dos estatutos. Pero os opositores xa quedaran sen fuelle. Achantaran ante a derrota aplastante e o fracaso estrepitoso da remoción que impulsaran.
–Esta Comunidad siempre tuvo problemas con el quorum -apuntou o avogado. Es una Comunidad que hace cosas, está el convenio con la Brilat, funciona y se hacen acciones importantes. Si van a acudir y a participar, de acuerdo, cuanta más gente mejor. En ese caso, que levante la mano quien quiera modificar los estatutos para suprimir ese punto del artículo 23 sobre las asistencias -engadiu Miguel Lamela.
–Una cosa es dar de baja y otra cosa es expulsar a alguien de la Comunidad -aclarou Lamela, dirixíndose a Laureano Allariz. Se lo explico ahora porque antes no me dejó -recriminoulle o avogado ao ex-vicepresidente, agora que xa se lle aplacaran os fumes. La condición de comunero es un derecho fundamental; otra cosa es que la organización de la Comunidad permita que se le dé de baja -concluíu o letrado.
Feita esta precisión, voutouse a favor de anular ou manter ese punto do artigo 23:
27 votos a favor de MANTER os estatutos tal e como están
4 abstencións
Por descarte, xa non se chegou a votar quen estaba en contra da supresión dese aspecto dos estatutos, porque o posicionamento da asemblea era claramente partidario de non tocar o regulamento da Comunidade
Rematou por fin a asemblea. Foi o momento no que o presidente, Manuel Estévez, volveu tomar a palabra para dar as grazas polo apoio recibido e para comprometerse a non defraudar os comuneiros/as nesta nova etapa da Comunidade de Montes de San Xulián.
Houbo unha última mensaxe para o público. Que menos que rematar esa longa e tediosa xuntanza cunha boa nova: a felicitación á veciña e comuneira Ana Acuña, profesora da Universidade de Vigo, que acababa de recibir o Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio polo seu último libro. Démoslle un merecido aplauso, que Ana recibiu coa modestia e coa timidez que a caracteriza, e varios veciños achegáronselle para felicitala…
Entraramos ás 4 da tarde case sen tempo de ter feito a sobremesa e saiamos da Casa de Montes cando xa se metía o sol.
Deixar unha resposta