Mámoa de Chan de Armada 1
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo segue programando novas andainas. En abril será polo Monte Pituco e os Sete Camiños. Este mes de marzo comezámolo percorrendo a senda que vai dende Chan de Armada ata a a área natural das sobreiras do Monte das Barreiras e A Pereiriña, entre os concellos de Marín e Vilaboa, dentro dos espazos naturais de Cotorredondo e dos Montes do Morrazo.
O percorrido transcorreu por corredoiras, pistas forestais, vias rurais e o GR-59 do sendeiro ecolóxico de longo percorrido do Morrazo.
Os primeiros elementos de interese que atopamos no itinerario son as mámoas megalíticas e dolmen de Chan de Armada, xunto coas mámoas de Outeiro de Ombra.
En Chan de Armada existen dous túmulos: un deles, co dolmen de cámara poligonal e corredor, foi escavado en 2008 e conserva varios dos esteos en pé, presentando a singularidade de que se utilizou xisto -predominante no lugar e nos arredores- para a súa construción, cando o tipo de pedra empregado maioritariamente era o granito. Tamén destaca porque, entre o enxoval funerario, atopouse unha lámina grande e cortante elaborada en sílex, unha rocha sedimentaria de orixe mariña, practicamente inexistente no Morrazo e moi escasa en Galicia.
A outra mámoa atópase moi deteriorada xa que, como a maioría destas construcións prehistóricas, foi espoliada no pasado en busca de tesouros.
Mámoa de Chan de Armada 2
Moi preto, no lugar de Outeiro de Ombra, existen os restos doutros cinco túmulos funerarios, coa particularidade de que están situados nunha pequena elevación sobre o terreo, en vez de localizarse nun lugar chan.
Outeiro de Ombra
As mámoas de Chan de Armada e de Outeiro de Ombra forman parte do proxecto de posta en valor ambiental e cultural da Ruta das Mámoas do Morrazo, cunha lonxitude de 7,5 quilómetros. Nesta iniciativa, que incluía unha vintena de monumentos megalíticos, colaboraron varias comunidades de montes da bisbarra, a Fundación Comarcal do Morrazo, xunto coas Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura. Malia contar con financiación de fondos europeos PRODER, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo denuncia que o proxecto leva paralizado dende o ano 2008.
Na contorna de Chan de Armada e Outeiro de Ombra delimitan os montes comunais de San Tomé de Piñeiro, en Marín, e de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa. As comunidades de montes realizaron plantacións de frondosas: carballos, castiñeiros, cerdeiras e freixos forman un corredor verde da área patrimonial e arqueolóxica. Aínda así, a zona presenta numerosos exemplares de especies invasoras, como eucaliptos e acacias.
Na baixada ao Monte das Barreiras
Baixando polo Monte das Barreiras ata A Pereiriña, na parroquia vilaboense do mesmo nome, existen varios puntos que, a modo de atalaia, ofrecen amplas vistas panorámicas da enseada de San Simón, coa illa no centro, no fondo da ría de Vigo. Desafortunadamente, o día estaba pechado de néboa e dunha pertinaz poalla, polo que non foi posible recrearse na paisaxe.
Entre o Monte das Barreiras e A Pereiriña atópase un bosque de sobreiras, tamén chamadas corcheiras ou corticeiras. A súa cobertura utilízase de forma tradicional para facer tapóns e colmeas. Estas sobreiras conforman a agrupación arbórea ao natural desta especie máis extensa da península do Morrazo que, dentro da denominación fitosociolóxica de Rusco aculeati–Quercetum roboris (subasociación Quercetosum suberis), predomina como influencia mediterránea en zonas solleiras como esta, mesturándose coa carballeira termófila e caducifolia, dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas.
O rego do Portiño é o afluente do Río Maior de Vilaboa, que desemboca dentro da Zona de Especial Conservación do espazo natural protexido pola Rede Natura da Enseada de San Simón.
Preto do nacemento do regato, ademais de bosque aluvial, hai unha incipiente carballeira e un excepcional sotobosque onde sobresae a presenza -e con exemplares de bo porte- de pereira brava, unha especie que forma parte do topónimo dun dos destes montes.
Pereira brava
Unha das notas negativas da andaina foi a presenza, en varios puntos da ruta, de motoristas que circulaban por sendeiros destinados ao paseo a pé. En vez de pilotar por pistas forestais, tal e como lles marca a normativa, algúns destes motoristas atravesaban mesmo polo medio do monte. O colmo foi coincidir cun vehículo todoterreo que ocupaba a totalidade do camiño, e cuxo condutor fixo soar a bocina ao paso dos sendeiristas, reclamando primeiro unha prioridade que non lle correspondía, e acelerando despois a marcha dunha maneira agresiva. Por desgraza, hai pilotos que desprestixian o colectivo dos afeccionados ao motor con comportamentos deste tipo, que non só lle faltan ao respecto á veciñanza, senón tamén ao medio ambiente.
Rego do Portiño
Fento de peite
Cabriña
Carballeira galego-portuguesa
Verquido ilegal de lixo
Outro motivo de preocupación son os verquidos ilegais, tanto de electrodomésticos vellos e outros residuos sólidos, como de xurro e sustancias contaminantes procedentes -supostamente- dunha granxa de visóns situada na zona.
O efecto negativo do tránsito de vehículos motorizados non autorizados polos camiños tradicionais.
Sobreira -que fai referencia toponímica á importante presenza da sobreira na zona- é un dos núcleos rurais e agropecuarios mellor conservados da península morracense. Posúe unha situación xeográfica moi peculiar nun enclave profundamente encaixonado polo paso do rego do Portiño, entre a Serra Domego -co alto de Coto do Home como referencia- e Cotorredondo.
As principais ameazas desta ampla contorna son a falta de posta en valor das mámoas, os monocultivos forestais, a eucaliptización, a introdución da acacia, as cortas de arborado autóctono, vertedeiros incontrolados de lixo, o parque eólico de Pedras Negras, a área de desenvolvemento eólica do Morrazo, a área de ordenación mineira, e a falta dunha figura de protección ambiental que vaia máis aló da simple protección rústica existente na actualidade.
Por considerarlos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta -en marzo do 2012- a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo.
[…] Mámoas 1 e 2 de Chan de Armada, no artigo “Andaina Armada-Sobreira“ […]
By: A PRECARIA SITUACIÓN DAS MÁMOAS DE CHAN DE ARMADA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 04/08/2015
at 12:42
[…] o mes de marzo de 2015 ciando visitamos a mámoa de Chan de Armada nunha ruta organizada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo. Xa daquela puidemos comprobar o estado de abandono no que se atopan este […]
By: A MÁMOA DE CHAN DE ARMADA, RODEADA DE SILVAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 16/09/2015
at 23:27