[Fotos, Xunta de Galicia]
O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, veu a Marín para anunciar que neste 2015 abrirá ao público -non era sen tempo!- o “centro de acollida de visitantes” dos petroglifos de Mogor.
Na construcción deste chabolo e na súa musealización (palabro fino referido aos paneis informativos colgados no interior da sala), nas sondaxes arqueolóxicas (como se os gravados de Mogor non estiveran abondo investigados!) e na posta en valor dos gravados rupestres (xa nos gustaría a outros xacementos recibiran unha décima parte das accións de posta en valor que se fixeron nestes!) investiuse a friolera de 352.615,27 euros.
Sobre as actuacións realizadas recentemente en Mogor, a nota informativa da Xunta explica:
“Os traballos realizados no ano 2014 correspóndense coa execución do proxecto museográfico e o acondicionamento das pasarelas. Nestes pasados meses construíronse, ademais, dúas novas pasarelas de madeira construídas como complemento á edificación do Centro co obxectivo facilitar o acceso ao petróglifo do labirinto e ao petróglifo nº 3. Asemade realizáronse traballos de acondicionamento dos camiños de acceso, e pequenas tarefas de reparación na pasarela xa construída previamente e nas instalacións do centro, en concreto na súa fachada. A intervención completouse co remate da impermeabilización dun dos muros de formigón que conteñen as terras cara á parte alta da ladeira na que se atopa o xacemento”.
Dende DEFENDE O MONTE PITUCO vimos reivindicando reiteradamente que a Administración aposte dunha vez pola recuperación, posta en valor e promoción do patrimonio arqueolóxico existente no Monte Pituco e na súa contorna, partindo da base de que na parroquia de San Xulián concéntrase a maior densidade de gravados rupestres e mámoas catalogados no Concello de Marín.
Entre a falta de interese da Comunidade de Montes, que lava as mans e elude as obrigas que lle corresponden en virtude da aplicación da Lei de Patrimonio; e a actitude do Concello de Marín, que moito bla-bla e pouco bli-bli, nunha clara manobra de dar largas, os xacementos de Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro, Carrasca e Champás empeoran progresivamente o seu estado, estando cada vez máis expostos ás agresións. Fronte a esta precaria situación, favorecida pola DISCRIMINACIÓN INSTITUCIONAL, a asociación DEFENDE O MONTE PITUCO segue traballando a prol da difusión e da visibilización destes bens culturais, cun recoñecemento social cada vez maior.
Con ou sen conxunción planetaria, á visita do conselleiro de Cultura sumouse na mesma xornada a presentación, no Museo Manuel Torres, do libro “Cartas habidas 1953-1990)” entre o marinense Antonio Blanco Freijeiro -filólogo, catedrátivo de Arqueoloxía, académico de Historia- e o pontevedrés Isidoro Millán González-Pardo, conde de Quirós, profesor e membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, que tamén exerceu o primeiro cargo de Subdirector Xeral de Ensinanza da Lingua Galega no Goberno da Xunta.
Ademais da alcaldesa, María Ramallo, interviron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o editor da obra, Luís Cochón, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e que, coma Blanco Freijeiro, tamén é marinense.
Este volume reúne 80 cartas que Blanco e Millán cruzaron dende que eran un par de universitarios con inquedanzas intelectuais; unha correspondencia que mantiveron ao longo de tres décadas, aínda cando as súas traxectorias personais e profesionais transcorreron afastadas. Coincidiran nas primeiras excavacións do xacemento arqueolóxico da Lanzada, entre os anos 1950 e 1951, tamén con Filgueira Valverde e Alfredo García Alén. O seu epistolario serviu para intercambiar impresións sobre traballos de investigación, artigos, libros…
En 2016 cumpriranse 25 anos do pasamento de Antonio Blanco Freijeiro, en Madrid. O Concello terá que organizar unhas Xornadas de Historia, Patrimonio e Arqueoloxía á altura desta efemérides para volver reunir no Museo Torres a familiares do investigador marinense, discípulos e veciños interesados no pasado da nosa vila e na nosa cultura.
Deixar unha resposta