
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou unha andaina que, con saída e chegada no adro da igrexa románica de Cela, percorreu os montes de Cela (Bueu) e Ardán (Marín).
O itinerario pasamos pola área de lecer de Chans, os lugares de A Pena, Paradela, Borras, Chans de Cela, Outeiro da Teixugueira, Chans Maiores, Alto da Telleira, Costa Grande e A Costiña.
Un espazo con numerosos lugares de interese natural entre carballeiras, brañas e bosque de ribeira: o rego da Pena, as uceiras, de Chans de Cela e Chans Maiores; os restos do poboado castrexo e altomedieval de Monte Castelo en Ardán, o miradoiro de Outeiro da Teixugueira (a 348 metros de altitude sobre a ría), o miradoiro do Alto da Telleira (a 375 metros), as sobreiras de Costa Grande.
Pola súa importancia ambiental como corredor ecolóxico, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo dirixiuse á Xunta en marzo de 2012 para solicitarlle que se incluira os montes destas dúas parroquias nunha posible ampliación da Rede Natura, constituíndo un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) abranguendo os Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro.
Estes ecosistemas forestais, húmos e espazos abertos teñen unha importante fauna e flora asociada, con endemismos do noroeste ibérico, ademais de especies ameazadas e vulnerables.
Entre as ameazas que lle afectan a esta zona, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo advirte dos monocultivos forestais, a eucaliptización e a introdución de especies alóctonas, pirófitas e invasoras. Tamén son perxudiciais as cortas de arborado autóctono, a apertura de pistas forestais, os verquidos incontrolados de lixo, os recheos e a circulación de vehículos motorizados fóra dos espazos autorizados.
Actualmente estes montes están catalogados como solo rústico de protección forestal, de augas e patrimonial, pero a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo reclama unha protección maior, acorde ao seu auténtico valor ambiental.

Anécdotas da andaina: un hórreo de cemento e tixolo.

A Plataforma Montes do Morrazo critica que as cortas de eucalipto tamén levan por diante carballos. A nosa árbore autóctona por excelencia, o carballo, non está protexido como especie. Os propietarios de carballos teñen que contar con autorización para botalos abaixo, pero a Administración concede permisos.


As cores do outono nos Montes do Morrazo.


Por desgraza, moitas saramagantas acaban esmagadas nas estradas. Sería necesario instalar cartaces de advertencia nas vías de comunicación que atravesan as rutas de paso natural destas especies tan beneficiosas, medidores da boa calidade das augas.


Mensaxes apelando ao “sentidiño” dos usuarios da área de lecer de Chans.

Non había néboa. Tampouco é un efecto dixital. Tanta era a humidade, que o obxectivo da cámara empañábase…

Ascendendo ao Monte Castelo de Ardán. A Plataforma Montes do Morrazo critica que o Concello de Marín ten completamente abandonado este xacemento castrexo, reocupado na época altomedieval.


Conta a lenda que existiu un túnel que comunicaba o Monte Castelo co mar…

Un refuxio de pastores no Monte Castelo?




Abundan os liques, que indican a boa calidade do aire.


Peido de lobo.

Logo da corta de madeira é obrigatorio triturar o material sobrante. Neste caso, o resultado é moi satisfactorio.

No Alto da Telleira, zona de despegue de parapente.


Sobreira ou corticeira.

Malia a chuvia intensa, a pista parece soportar o descenso da auga. O chan está ben compactado. Xa nos gustaría que a pista do Monte Pituco estivera a metade de ben…


Reivindicando a importancia dos antigos camiños de pés…

…Malia que hai xente incívica que aproveita que son lugares recónditos para botar lixo e entullos. Como dicía un dos participantes na andaina, dálles máis traballo levar o lixo ata alí que ir depositala a un contenedor ou punto limpo.

O arquipélago de Ons ao fondo, a praia de Portomaior máis preto.


A igrexa de Cela, do século XII.












Deixar un comentario