
Estamos na Escola Naval de Marín, en fronte ao paseo Antonio Blanco, o porto e, no horizonte, o Monte Pituco e máis arriba o Alto da Encavada.

Pulsamos o ‘zoom’ da cámara para obter unha vista máis detallada do Monte Pituco dende a Escola Naval: apréciase perfectamente o miradoiro do Monte Pituco, situado por riba do edificio Raimundo Vázquez. Tamén se ve, algo máis abaixo, a arboreda do Pituco, a carón da estrada de Figueirido. Dende aquí seriamos capaces mesmo de situar a localización dos gravados rupestres catalogados do Pornedo.

Asistimos á chegada á Escola Naval do buque-escola Juan Sebastián de Elcano. Que paisaxe “mais bonita” que iamos dar aos gardamarinas e á dotación do barco, cunha fachada litoral estragada de xeito irreversible cunha mole de formigón, cunha barreira artificial de antiestéticos taludes…

Se aos responsables do Urbanismo no Concello de Marín lles importa “un comino” a paisaxe e a loita contra o feísmo, se son insensibles ao bo gusto e á xestión racional do territorio, se o único que lles importa é a sumisión aos intereses económicos duns cantos empresarios, ao debate artificial das “forzas vivas” marinenses arredor do chan industrial, ao enriquecemento de certa comunidade de (des)montes, se non respectan as Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento… entón sairán coa súa e construirán un polígono industrial no Monte Pituco, no balcón da ría.
…Para iso “blindaron” esa posibilidade nun PXOM vergoñento.

NON ao polígono industrial no Monte Pituco!
NON á agresión paisaxística na fronte marítima de Marín!
NON a un impacto visual irreversible e innecesario!
…SALVEMOS O MONTE PITUCO!



Deixar un comentario