
Baixamar na ría. Vento suave no miradoiro do Pornedo. O ceo limpo na hora do solpor. Dous barcos zarparon do muelle e van deixando un ronsel ondulante. Arde o horizonte, perfilando as illas cunha bruma dourada. Xa prendeu o faro de Tambo e no Alto da Encavada érguese a lúa, solemne. Os grilos anuncian que mañá volverá facer calor.
Outrora os seus febles cadrís impedíanlle chegar a este outeiro para admirar tanta beleza. Os xeonllos protestaban no pedregal da costaneira . Na eternidade xa non hai achaques nin barreiras.
Empaparémonos de luz e de brisa canda ela, que xa sempre camiñará connosco. Acendemos as farolas da vila e o facho no Alto do Cucorno, fronte ao Atlántico. Saudaremos a Madama, ao centinela de Cotorredondo. Dirixiremos con batuta de salgueiro o canto da chicharra e do chasco. Bautizaremos as estrelas coa chuvia acumulada en cada pía. Contaremos os ovos do niño da merla e da avenoiteira. Trazaremos no aire os sucos dos gravados milenarios que atesouran estas terras.
…Todo iso faremos con Esmeralda, xa eterna.
E honraremos cada palabra que pronunciou na defensa do Pornedo; na súa aba viviu os seus anos derradeiros. Heroína da emigración, espello de sacrificio e loita por un futuro soñado que a vida lle empañou.
-Que tal, meu fillo!
-Ben, señora Esmeralda, imos ao monte.
-Con coidado, meu fillo. Moita suerte!



[…] ás persoas que xa non a poden celebrar connosco: os veciños Xan Montenegro, Saturno Vidal e Esmeralda Ruibal, que nos deixaron sabendo que o “balcón da ría” ten valores ambientais, culturais e […]
By: SOBRE A SENTENZA DO TSXG CONTRA O POLÍGONO INDUSTRIAL DO PXOM | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 30/11/2017
at 18:10