Di o refrán que “non hai dúas sen tres”. Hai outro dito segundo o cal “quen a segue, conséguea”. O seguinte será poñerlle unha vela a Santa Rita, valedora das causas imposible. E así seguiremos, a escrito por mes -igual que se fixo durante o anterior bipartito Psoe/Bng- mentres o Goberno local do PP non resposte as peticións de DEFENDE O MONTE PITUCO para manter unha xuntanza co obxectivo de expoñer asuntos de tanta importancia como a desprotección do patrimonio arqueolóxico na parroquia de San Xulián, a afección ao Pituco do proxecto de instalación da rede de abastecemento de auga de ACUAES e, máis recentemente, a aprobación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais que pretende machacar o monte por arriba e por abaixo, do dereito e do revés, pola esquerda e pola dereita.
Aquela primeira visita de María Ramallo e parte do seu equipo ao Pituco en xullo de 2011 quedoulle ben para sacar a foto, pero dende entón, CERO actuacións, por non falar de que o actual equipo de Goberno segue empeñado en escangallar o monte cun polígono industrial.
O acoso por parte das Administracións local e autonómica a este contorno da xeografía marinense é inexplicable, irracional e carece de fundamento porque todos os argumentos que se poden barallar están do lado da conservación do Monte: o desnivel do terreo e a difícil viabilidade económica do proxecto, o impacto paisaxístico, a afección ao patrimonio cultural catalogado, o perxuízo á biodiversidade dunha zona cunha clasificación de Espazo Natural onde non ser permiten os usos urbanísticos nin industriais.
Só polo capricho/irresponsabilidade política e o interese económico/especulativo se pode explicar tanto despropósito.
Deixar unha resposta