
Algo nos chamou a atención nunha recente andaina polo Monte Pituco, na zona do val que conduce ao miradoiro: un feixe de plumas ciscadas enriba da herba.
As redes sociais volveron ser boas aliadas para adquirir coñecementos sobre as especies de animais que habitan neste espazo natural. Os expertos en fauna avícola explicáronnos que se as plumas estiveran partidas tería significado que o depredador fora un mamífero; sen embargo, observando as plumas con detalle, vese que están enteiras, o que supón que neste caso o depredador foi unha ave rapaz.
Pola cor branca das plumas, os ornitólogos chegaron á conclusión de que a “vítima” puido ter sido unha pomba doméstica, capturada noutro lugar e trasladada polo depredador ata o Monte Pituco para alimentarse con ela.

Unha cousa levou a outra e así foi como, grazas á achega do marinense J.C. Epifanio, experto en aves rapaces, recibimos a imaxe que segue: un exemplar adulto de azor femia que residía habitualmente na zona do Monte Pituco. Ocúltase na espesura da floresta e dende as árbores vixía as súas potenciais presas.

Hai moitos mundos no Monte Pituco. Algunhas persoas pasan de longo, camiñan, pero non aprecian o que hai ao redor. No blogue DEFENDE O MONTE PITUCO levamos tempo dando a coñecer pequenos descubrimentos: plantas, insectos, pequenos inquilinos deste espazo natural ameazado.
Grazas a esta inesperada anécdota descubrimos unha nova razón para seguir acudindo ao Monte Pituco; mais non só fixándonos nos seres que habitan a ras do chan, senón tamén para erguer a mirada ao ceo e descubrir, entre outras grandes aves, o poderoso azor.



Deixar un comentario