
Os derrubamentos rexistrados nas últimas semanas no talude do corredor de alta capacidade do Morrazo preto do enlace de Cangas, son tan só o último episodio dunha longa cadea de efectos negativos que arrastra este vial desde a súa posta en funcionamento, unha obra que nunca debeu realizarse, aforrando en impacto ambiental, colapsos viarios, accidentes e siniestralidade humana.
Situado nos montes de Moaña, a arredor dos 250 metros de altitude e entre varios nacentes da conca do rego do Inferno, por enriba do barrio da Xalde da parroquia moañesa de San Martiño, a afección das capas freáticas e a alteración da circulación das augas do subsolo, unido ao profundo corte en vertical de varias ducias de metros no terreo e a pouca consistencia do mesmo, parecen ser os principais responsables dos deslizamentos. A importancia da auga na zona tamén se fixo notoria cando a escasos metros dos derrubamentos tamén existe uns depósitos de traída privada e tubaría de canalización que igualmente se viron afectados.
Non é a primeira vez que se producen caídas do terreo nas proximidades do corredor, sendo unha constante cada ano, e o impacto é cada vez maior produto da forte erosión do terreo causado pola propia construción do corredor e as chuvas torrenciais que, como as deste inverno, rematan por facer fenda no solo nu e de aí a grande magnitude dos derrubamentos deste ano.
Os 400.000 euros que estima agora necesarios a Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio (CMATI) para arranxar os desperfectos do citado talude sumarianse aos gastados anteriormente por outros derrubamentos de taludes, a separación con medianeira e pivotes dos dous carrís ao longo dos 18 kilómetros do vial, e os 72 millóns de euros que custou construír o propio corredor, máis as labores anuais de mantemento e limpeza, co que implica un enorme gasto económico con fondos públicos.
A persistencia da CMATI en licitar o vindeiro ano e por treitos o proxecto de ampliación do corredor en autovía, só aumentaría aínda máis o gasto económico cunha obra que ten un orzamento total de 41,29 millóns de euros para 11,4 kilómetros de desdobramento, supoñendo ademais un novo e irreversible impacto para o territorio e a paisaxe, entre eles os pertencentes aos espazos naturais dos Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro, afondando na problemática xeral actual, e agravando os problemas de tráfico xa que de xeito cíclico e acumulativo os colapsos viarios se producen porque as estradas menores da extensa rede comarcal non poden absorver o aumento de vehículos motorizados que se xera no corredor.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo denuncia que tanto o PP nos gobernos autonómico e municipais, máis o BNG e o PSOE na oposición, sigan apoiando o proxecto do desdobramento do corredor, sabendo que esa infraestrutura de transporte é insustentable, non só polos custes ambientais, sociais, culturais e económicos que implicaría, senón porque está baseado nun modelo de transporte de mobilidade a longas distancias, que favorece o uso e abuso do contaminante automóbil privado, a especulación urbanística e a masificación do turismo estacional, en detrimento do transporte de accesibilidade, o transporte colectivo e a mobilidade a nivel local dos/as que residimos no Morrazo os 365 días do ano.
Unha proba feaciente é que mentras por unha parte non se escatima en prever e prometer inversións para a ampliación do corredor, aínda que sexa por treitos, sen apenas orzamento real e incumprindo os plazos de execución, por outra, todo é renxer e reducir orzamentos cando se trata de fomentar o transporte colectivo, como está sucedendo coa tramitación do plan de transporte metropolitano, ou directamente non actuar, como está sucedendo co devalo e perda de liñas do transporte marítimo da ría produto da súa liberalización empresarial.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita o desdobramento do corredor de alta capacidade, ao que fixo comentarios solicitando a súa retirada na fase de información pública da consulta sobre decisión de avaliación de impacto ambiental, en agosto do 2012, e alegou tamén na súa contra dentro da información pública do plan de mobilidade viaria da península do Morrazo, en setembro do 2012, onde advertíu que casi a metade dos orzamentos serían para o desdobramento do corredor e faría practicamente imposible a consecución doutras alternativas máis sustentables baseadas no transporte de proximidades (mellora, vertebración e humanización de toda a rede viaria comarcal existente), carrís bici máis na potenciación do transporte colectivo.



Deixar un comentario