Velaquí a primeira entrevista de Claudio Quintillán no Diario de Pontevedra tras ser reelixido presidente da Comunidade de Montes de Rega dos Agros, en Combarro. Reproducimos a continuación algúns fragmentos das súas reflexións, por interesantes e por dignas de ter en conta no que respecta á defensa do territorio e do patrimonio natural e arqueolóxico, que tanto vimos reivindicando en DEFENDE O MONTE PITUCO.
Decidimos sustituir o eucalipto polo piñeiro. Iso xunto cunha repoboación que fixera o Estado en todo o Castrove, cando nos tocaran 40 hectáreas de piñeiro, permitiu ir encauzando cara a esta especie. Hoxe temos máis dun 60% de ocupación. Iso dá outra orientación. O piñeiral recibiu traballos de mellora con subvencións e aportacións da comunidade. Tamén temos parcelas de frondosa para crear mosaico e paisaxe, sobre todo ao estar nunha zona moi turística.
Pensamos en que o monte sirva para atraer visitantes. De aí que tamén abriramos dous miradoiros na etapa anterior e queiramos crear unha ruta na nova etapa, con dous máis. Van a distintas alturas sobre o nivel do mar para observar partes diferentes da ría. Grazas a estes dous miradoiros que xa hai, varios centos de persoas botaron máis tempo do que pensaban en Combarro. Foi iniciativa nosa, con fondos propios e de Agader, e é un atractivo máis para o Concello. Tamén é interesante o asunto do patrimonio cultural. Xa recuperamos zonas de interese, como foron a da Cuna da Moura, e temos localizados algúns petroglifos no monte e tamén pensamos arranxar eses espazos. O tema do patrimonio cultural ten moita importancia. En canto a toda esta actividade, economicamente, poderemos sostela grazas á produción forestal, porque non temos nin antenas nin parque eólicos nin nada diso para financiarnos. Pensamos en alternativas complementarias: por unha banda, xente interesada en gandeiría ecolóxica que, unha vez que vai medrando o piñeiro, poderase meter gando como porco celta ou vacún autóctono… Ademais, con iso podemos prever os incendios. O monte debe combinar actividade económica, ecolóxica e social.
Non todas as comunidades son así. Hai xente que non entende que haxa uns comuneiros que decidan sobre o monte, e moitas teñen mala fama, algunhas tamén incumpren, pero para iso hai unha lexislación e a propia Xunta debería controlar que non haxa desmáns. O monte veciñal é unha riqueza patrimonial.
Cando hai moitos cartos apúntanse comuneiros en masa, a ver se cae algo, se se reparte.
En Galicia hai 2.800 comunidades que representan a máis de 280.000 comuneiros. Delas, 400 poden estar ben xestionadas, e desas, 200 moi ben xestionadas. En toda Galicia. Quedan 2.400 que non actúan en condicións.
Temos máis de 30 voluntarios para subir cando faga bo tempo a podar, rarear e facer o que se poida.
O monte é moi sensible. Vento, noite, altas temperaturas, e calquera louco provoca un lume. Seguiremos confiando na colaboración veciñal e na persecución a esta actividade.
O monte é obxecto de todo tipo de verquidos, tamén é importante parte da paisaxe, sobre todo na costa máis turística. Os concellos deberían ternos en conta en consellos ou organismos consultivos para poder coordinarnos mellor.




Deixar un comentario