Publicado por: MontePituco | 20/01/2014

PLENO DE XANEIRO (III): O MERCADO

O Bng presentou unha moción urxente sobre a situación de Dolores Vidal, que levaba 15 anos traballando nun posto de carnicería no Mercado. Vilaboa acusou o Goberno local de facer unha “aplicación arbitraria do regulamento” e instou a concelleira Cristina Acuña a “revisar o expediente” que se lle incoara á afectada para retirarlle a titularidade do posto que viña ocupando. Vilaboa expuxo que Dolores Vidal descoñecía que puidera perder o seu posto de traballo por ter o posto pechado dous meses e que “o último día que tiña presentou un escrito dicindo que se traspasaba”; un escrito que “non foi tido en conta”. Dende o Bng tamén criticaron a “persecución” da Policía Local por terse presentado no domicilio da afectada e referíronse a este trámite como un “expediente exprés” pola aplicación “estricta” do regulamente sen ter en conta o escrito que se presentara en tempo e forma.

Por contra, Vilaboa citou o caso dun bazar que permaneceu pechado uns 8 meses e que, seguindo o regulamento, “tamén había que recuperalo”. Un bazar convertido logo en bar “e sen licenza”, engadiu o voceiro do Bng, que “chegou a abrir ata a 1 da mañá”.

“No sé por qué motivo el Bng hace política con este tema”, replicoulle Cristina Acuña, que explicou que o expediente xurdira a raíz da denuncia dun veciño advertindo de que o “peche inxustificado” prolongábase por “máis de dous meses”, o que deu lugar a un informe por parte do encargado. “Me duele que usen este tema”, lamentou a concelleira do PP, argumentando que lle dera “varios consellos” a Dolores Vidal, malia o cal a súa situación era de “difícil solución”. Non obstante, Cristina Acuña anunciou que o Goberno local pediríalle un informe á Secretaría para levalo á próxima comisión.

Ciscando mocos durante todo o pleno, a conxestión non deixaba pensar a Francisco Veiga, que quixo lucirse cunha floritura das súas pero, unha vez máis, acabou liándose co refraneiro: “Aquí paz y adiós gloria”. E tan pancho…

“Esto es muy extraño, en la vida hubo tanta celeridad”, criticou o voceiro do Psoe reiterando as críticas do Bng. Veiga queixouse de que o Goberno local non contestara ás “quejas de la oposición por el funcionamiento del Mercado” e acusouno de “incumplir el reglamento y no dar explicaciones, adaptando la ordenanza a sus gustos, necesidades o amigos”.

…Estaba claro que Veiga ía dicir algo así buscando o aplauso da afectada, que estivo á altura das expectativas.

Isabel Martínez Epifanio incidiu en que “na Praza hai máis dun incumprimento do regulamento” e protestou porque “se non denuncia un veciño, hai tabla rasa”. Por iso, a voceira de Mar-In lembroulle á concelleira do PP que a ordenanza é “para que se cumpla”.

A continuación fixo un comentario que, máis en broma ou máis en serio, fai pensar cal é o trato que se lle dispensa aos veciños segundo quen sexan, o motivo polo que se fagan oír, ou a perna -dito sexa en plan metafórico- da que coxeen: “En Secretaría hai un arquivador onde van caer as denuncias dos veciños”, dixo Isabel Martínez. Moitas das formuladas por Defende o Monte Pituco están nesa carpeta. Pero non só de agora, senón tamén de antes, durante unha lexislatura que presumía de dialogante, respectuosa coa cultura, co medio ambiente e bla-bla-bla.

A voceira de Mar-In amosou a súa satisfacción pola revisión do expediente.

O único no que insistiu Cristina Acuña para defenderse das críticas foi en aclarar que “el escrito de traspaso no tiene nada que ver con el expediente por el puesto cerrado”. Tamén intentou -aínda sen convencer- explicar que a situación do bar era legal, que se tratara dun “traspaso corriente, de bazar a bazar y luego a bar pidiendo un cambio de actividad”. E en canto á denuncia de que dito bar excedera o horario que lle correspondía, asegurou que a Policía Local fixera “2 o 3 informes” e que os axentes “din que está cerrado fóra do horario”.

A afectada polo expediente e as persoas que a acompañaran ao pleno botáronse a rir.

Na recta final do debate, Veiga recriminoulle á concelleira que non estaba capacitada para asegurar se o escrito presentado por Dolores Vidal era válido ou non porque “usted no es jurídica”. Ao voceiro do Psoe semella dárselle ben iso de ver a palla no ollo alleo e non ver a viga no propio ollo. Cando se dirixiu á concelleira popular dicindo que “alguien tiene que vigilar al vigilador” esquece que ata non moito, era el o obxecto da vixiancia, e daquela non admitía as críticas da oposición con tanta deportividade.

Vilaboa puxo o punto e final intentando sacarlle os colores a Cristina Acuña e, por extensión, á Policía Local, asegurando que “todo Marín sabe que o bar abría ata a 1 da mañá”.

A moción aprobouse por unanimidade, co aplauso da afectada e dos seus acompañantes.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: