Publicado por: MontePituco | 26/12/2013

ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE (DES)MONTES III: NOVO PLAN DE XESTIÓN

Dentro do ambiguo epígrafe de “informe de xestión”, a directiva tamén informou da elaboración dun novo plan de xestión do monte, planificado a 10 anos, porque o anterior caducara. Segundo a normativa da Xunta, é obrigatorio investir no monte o 40% dos cartos. O presidente explicou que chamaran a dúas empresas para pedirlles orzamento, pero non precisou cales nin dixo cal delas fora a elixida para redactar ese plan.

Segundo ese documento, a superficie do monte comunal de San Xulián é de 288 hectáreas, das cales 206 está poboadas de arboreda. Son 8 as parcelas nas que está dividido: Pedralonga, Penizas, Carrasqueira, Macenlle, Castro da Subidade, Chans, Arealonga-Carregal e a Casa de Montes.

Chama a atención que ese plan de xestión do monte xa contempla as 18,5 hectáreas de monte que San Xulián lle vai ceder á Brilat. Iso significa que os redactores do plan, por indicación da directiva, traballaron coa encomenda de dar por feito que a asemblea aprobaría o acordo.

Non podían agardar a que os comuneiros decidiran o futuro dese terreo; xa a directiva decidiu con antelación polo conxunto dos comuneiros. Por máis que finalmente se aprobou a cesión, non tiñan dereito a saltar desa maneira os protocolos e os procedementos. Se xa esta asemblea sería impugnable polas irregularidades cometidas na convocatoria, este é outro motivo polo que tamén sería motivo de reprobación.

A prepotencia coa que actúa a directiva non queda aí. Non contentos con restar 18,5 hectáreas á superficie do monte veciñal susceptible de ordenación, ese plan tamén ten en conta que o PXOM de Marín prevé construir un polígono industrial de 20,5 hectáreas no Pituco. A directiva de San Xulián é a primeira en dar por “perdido” -é dicir, rentabilizado na súa conta corrente- un espazo polo que a Asociación Defende o Monte Pituco, a Asociación de Veciños de San Xulián e outros colectivos estamos a loitar a prol da súa conservación.

A xunta rectora da Comunidade de Montes non respecta o dereito de outras organizacións a protexer o que se supón que eles deberían estar custodiando. Ignoran por completo as circunstancias xurídicas nas que se atopan eses terreos, coa petición de medidas cautelares que impiden dispoñer deles e moito menos presupoñer cal será o seu destino final antes de que se agoten as vías legais que a Asociación Monte Pituco estea disposta a levar a cabo.

En resume, se a empresa redactora do plan de xestión forestal cobra por hectárea de monte analizado, non é de estrañar que a Comunidade de San Xulián abogue por desfacerse de canto máis terreo mellor con tal de reducir a factura: entre a Brilat e o proxecto de polígono, case 40 hectáreas menos. E máis infraestruturas, expropiacións, terreos alugados, liñas de alta tensión que viñeran, para ter menos monte que xestionar e máis euros que gastar en a saber que.

Un plan forestal segundo o cal o 35% da superficie arborada de San Xulián é eucalipto e outro 29,5% é piñeiro. Cero mención a especies nobres, caducifolias, frondosas, árbores autóctonas… especies, en definitiva, que abundan cada vez máis en comunidades de montes que apostan por unha xestión sostible e baseada na recuperación do monte propiamente galego.

Eses datos poñen de manifesto que, por unha banda, predomina un concepto de monte entregado á especulación, ao diñeiro rápido, a exprimir o chan co veleno dos eucaliptos; e por outra, que existe unha “ausencia case total” -dito literalmente no documento- de coidados silvícolas no que respecta á superficie ocupada por piñeiros. É dicir, unha mostra flagrante de abandono e de asilvestramento. A que se dedicou durante todos estes anos a Comunidade de Montes? De que lle valía ter un plan de xestión forestal -por moi vixente ou moi caducado que estivera- se o que conta é que o diagnóstico da situación actual se describe con palabras como abandono, desidia, improvisación.

Mentres o presidente da Comunidade de Montes ía expoñendo apuntes soltos, explicacións vagas e mal feitas, na pantalla do proxector había unha imaxe fixa dunha táboa chea de números sen sentido que nin sequera se vían ao final da sala. O presidente e os seus compinches deben crer que por poñer un ordenador, unha pantalla grande, un powerpoint trapalleiro cunhas poucas fotos sobre un fondo verdequetequieroverde, como se fosen os máis ecoloxistas do mundomundial, e un plano indescifrable cheo de curvas de nivel, ou a fotocopia dun informe cheo de números, xa o que digan vai a misa, xa é incuestionable, e os demais van quedar coa boca aberta dándolles a razón coma aos tolos sen máis razón que unha simple cuestión de fe.

O tratamento deste punto tivo momentos absolutamente hilarantes, como a insistencia do presidente en explicar que o monte de San Xulián non é “unísono”. Máis lle valía dicir que o monte de San Xulián non é uniforme: que hai parcelas particulares inscritas no ámbito do monte veciñal, ou que é necesario facer plans de corta bianuais para igualar os rendementos. Pero non, para o presidente esas medidas son necesarias para que o monte “veña todo ao unísono”.

E cando un veciño criticou que en San Xulián lévase moito tempo de atraso na aplicación dun plan de xestión forestal mentres que en Santomé xa levan anos aplicándoo, a resposta do presidente é: “é que o monte deles é unísono!”.

…Que cada quen faga a súa propia valoración.

Tamén houbo momentos dignos de borrar, de esquecer e de lamentar: como a insistencia do presidente en mencionar as vantaxes que suporán os ingresos polo acordo coa Brilat; que se non fose polos cartos do Exército o monte de San Xulián daría perdas, que grazas á aprobación da cesión habería diñeiro… Como se nos 40 anos que a Brilat estivo de gratis facendo manobras, marchas e acampadas, o monte non lle dese de comer aos nosos pais e nais, avós e avoas, que recolleron leña, toxo e todo canto podían aproveitar para consumo propio ou para vender no mercado; como se grazas aos recursos deste monte -a toda a madeira que se botou abaixo- que agora se despreza e se tilda de deficitario non fose posible construir unha casa de montes a todo trapo…

“O monte deu moita ganancia”, aclaroulle Lucinda Montenegro para pararlle os pés ante semellante desprezo

“Do que se trata é de poñer o monte ben xa. Entendedes o que vos quero dicir? Ben!”, enfatizaba o presidente. A que se dedicaron entón no anterior mandato no que el xa era presidente? A pasar o tempo, a enredar en causas perdidas, a pagar custosísimas obras de fontanería na casa de montes equivalentes ao equipamento dun edificio de varias plantas… Todo menos xestionar o monte que, aínda ahora, se comprometen en poñer a punto. Porque mamá Xunta obriga, cabe engadir.

Un veciño queixouse de que “levamos tres anos perdendo o tempo en Penizas”. Unha veciña criticou que os montes a baldío non dan diñeiro mentres que en Vilaboa e noutros lugares fanse repoboacións. Tamén protestou porque hai pistas que, despois do paso das máquinas dos madeireiros, quedan impracticables: “Hai boquetes nos que te tumbas, pasa un coche por riba e non te pillan”, afirmou.

As respostas do presidente claman ao ceo: “Que cada un pense o que queira” é un dos seus argumentos preferidos. Como naquela ocasión na que non lle aprobaban as contas e exclamou o famoso “alá vós!”.

Tamén se lle dá ben botar balóns fóra: “Cando eu cheguei non había paus para tirar, estaba todo arrasado. E os gastos que hai, págalos ti?” afirma en ton desafiante dirixíndose a quen o interpela.

Por suposto, volveu responsabilizar a Xunta das deficiencias nas pistas con motivo das cortas, como se a Comunidade de Montes non tivese ningunha capacidade para advertir da existencia de deficiencias, ou de validar ou non que a extensión de madeira talada se axusta aos valores predeterminados.

E para máis ridículo, quedoi patente que o presidente non coñece os topónimos cos que se denomina cada sitio cando quixo explicar que o plan de xestión forestal contemplaba a apertura dunha nova pista de 1,8 quilómetros que saíndo dende Sete Camiños ía dar a un sitio que non soubo concretar.

Calquera controversia á que se teña que enfrontar o presidente a preguntas, críticas ou comentarios dos comuneiros, e da que non saiba saír ou non teña interese en abordar, resólvese cunha frase lapidaria: “Eu non veño aquí a discutir”.

E o mesmo desinterese que sementa é o que logo recolle por parte dos comuneiros: o plan de xestión “aprobouse” -é un dicir, porque a maioría dos asistentes quedaron igual de desinformados que estaban- con 1 voto en contra e 1 abstención.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: