Publicado por: MontePituco | 21/10/2013

PRECAUCIÓN: COMEZOU A TEMPADA DE CAZA

Comezou a tempada de caza. Volveron ao monte os vehículos con remolques para cans.

“La caza es una actividad segura, pero tenemos que recordar que llevamos un arma en nuestras manos. Hay que actuar siempre con la máxima precaución y sentido común; no tirar nunca si no se ve la pieza completamente. Hay que volver satisfechos, pero volver todos”.

O ex-presidente a Federación Galega de Caza, José María Gómez Cortón, daba por “inaugurada” a tempada de caza cun artigo que remataba cun chamamento á precaución por parte dos cazadores. Non en van, na xornada inaugural o Monte Pituco parecía o plató do programa Jara y Sedal, con numerosos vehículos dispersos ao longo da pista forestal, e grupos de tiradores apostados en puntos estratéxicos.

E cos cazadores volvían tamén -nos seus remolques- os cadelos, procurando co seu olfato o rastro das presas, ambientando o monte cos seus ladridos e atravesando os camiños ao galope. As asociacións protectoras de animais, unha vez máis, porán necesariamente o acento na elevada taxa de abandonos que soen producirse cando se peche a veda.

As mandas de cans de caza volven correr polo Monte Pituco.

Ata o 6 de xaneiro, cando toque volver gardar as escopetas, será habitual que teñan que coexistir no monte cazadores con outros usuarios que van facer sendeirismo ou recoller froitos silvestres. Por iso é oportuno que se respecten as distancias, que non se escatime en prudencia e que cunda o sentido común, sobre todo por parte dos que portan armas de fogo.

Hai quen, nas redes sociais, suxire nestes días que os visitantes do monte que sexan alleos á actividade cinexética vaian provistos de chaleco reflectante para facerse ver. Por se un cesto de vimbios no que depositar cogomelos ou castañas, unha cámara de fotos ou un bastón para camiñar non son complementos inequívocos para distinguir suficientemente a quen vai cazar de quen vai dar un simple paseo.

Cazadores, recolectores de cogomelos, sendeiristas... o monte ten que ser un lugar seguro para todos.

Na web da Federación Galega de Caza hai dispoñible un “Manual do cazador” ben amplo, do que se se extractan a continuación algúns parágrafos útiles.

A Lei de caza de Galicia establece como requisito para poder practicar a caza ter concertado un contrato de seguro de responsabilidade civil do cazador. (…) Este seguro non cobre os danos producidos voluntariamente polo cazador ou derivados da súa imprudencia ou temeridade.

Defínense como zonas de seguridade aquelas nas que deban adoptarse medidas precautorias especiais, co fin de garantir a protección das persoas e dos seus bens. Considéranse zonas de seguridade: As marxes e zonas de servidume que se atopen cercadas das vías e camiños de uso público e as vías férreas, as augas públicas, incluídos os seus leitos e marxes (…) O exercicio da caza nas zonas de seguridade, como norma xeral, está prohibido.

Cando se está practicando a caza nas proximidades dunha zona de seguridade, debe considerarse: – Que non se pode disparar en dirección á zona de seguridade cando exista a posibilidade de que o proxectil poida alcanzala ou que a configuración do terreo intermedio imposibilite que a zona de seguridade poida ser alcanzada. (…) – Que se pode cazar nos carreiros e camiños rurais pouco transitados, destina-

dos ao paso a pé e ao uso agrícola ou forestal, sempre que as condicións de seguridade o permitan.

Ser un cazador competente e responsable:

• Ter o mellor coñecemento posible sobre os aspectos ecolóxicos das especies cinexéticas.

• Informarse sobre a lexislación que é de aplicación no exercicio da caza e na conservación da vida silvestre.

• Participar en accións asociativas que non defendan unicamente os intereses dos cazadores, senón tamén a promoción da vida silvestre.

• Manter relación con autoridades e asociacións responsables da caza e da protección da natureza.

• Evitar discusións sobre a posesión das pezas de caza naquelas situacións nas que non está suficientemente claro a quen lle pertencen, tratando deportivamente de coñecer mediante o diálogo a que cazador lle corresponden.

• Colaborar cos técnicos na recollida de información, contribuíndo na xestión cinexética.

• Colaborar nos plans e proxectos de conservación da natureza, dado que soamente nun espazo ben conservado poderá promoverse a existencia de variedade e calidade en especies cinexéticas.

• Facilitar consello e exemplo, educación e adecuado comportamento aos novos cazadores.

• Cando se atope ou capture algunha peza portadora de aneis ou marcas utilizadas para a identificación de animais, deberá comunicárselle á consellería.

• Cumprir as regras de seguridade.

• Respectar as propiedades alleas e reparar os posibles danos que se poden ocasionar co exercicio da caza.

• Coidar os bens públicos, non danando a sinalización existente.

• O cazador non é o único usuario da natureza, non lle corresponde en exclusiva o seu beneficio.

• Non contaminar, recollendo as vaíñas dos cartuchos empregados.

• Manter unhas densidades adecuadas das diferentes poboacións cinexéticas, que aseguren unhas existencias suficientes e permitan a súa conservación e aproveitamento sostido.

• Respectar os depredadores, xa que asumen un papel importante no funcionamento do ecosistema.

• No caso de xurdir algún problema sanitario nas pezas de caza, informar as autoridades ou os seus axentes.

• O cazador debe velar pola pureza xenética das especies de caza, non permitindo a liberación de exemplares que impliquen riscos sanitarios e xenéticos.

• Favorecer e colaborar na loita contra as actividades de furtivismo.

• Manter os animais empregados como auxiliares no exercicio da caza nunhas adecuadas condicións, tanto físicas como de habitabilidade.

• Non empregar o campo para o tiro ao branco ou proba de armas.

• Amosar unha actitude de colaboración cos axentes da autoridade, acatando os seus requirimentos e atendendo en todo momento as súas indicacións.

Debemos ser transixentes e respectuosos con outras persoas que utilizan tamén o monte; pensemos que poden estar entre nós durante a cacería. A nosa ordenación legal permítenos ter postos durante as cacerías nas marxes dos camiños rurais. Teñamos especial precaución con outras persoas que poden transitar por esas vías.

Os chalecos reflectores melloran a seguridade nas cacerías. Os animais non teñen unha visión tan nítida das cores como os humanos, presentan unha grande agudeza visual fronte aos movementos e un finísimo oído e olfacto, polo tanto é tan importante non moverse como camuflarse. Os chalecos de cores vivas (vermella ou amarela) melloran a visión da situación dos compañeiros de cacería. É preferible perder un pouco de eficacia para aumentar a seguridade.

Non dispare nunca cara ao mato nin en dirección a outra persoa, aínda cando pareza que está fóra de alcance; pense sempre no destino final do proxectil. O disparo farase cando se vexa a peza completa, nunca cara a unha sombra, un movemento ou un ruído no monte.

Nunca se debe disparar ao vulto que se move sen telo identificado antes. Pódese tratar dun can, un batedor, un garda, camiñantes ou incluso dun cazador que, desatendendo as normas de seguridade, abandonase o seu posto para rastrexar unha res ou, simplemente, para comprobar que a matou. Ante a dúbida, non dispare. Sempre é mellor previr.

Cando dispare sobre unha peza de caza menor ou maior, sempre deberemos tela á vista, coa suficiente visibilidade para que no traxecto non atopemos persoas, animais ou obstáculos nos que poidamos impactar. Teña especial coidado nos días de néboa.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: