No Día Mundial das Aves, achegámonos ata o río Lérez, onde atopamos este exemplar de corvo mariño buceando. As plumas das ás móllanse e fan de peso para que a ave se poida sumerxir na auga.

…Entre as gaivotas, un exemplar de andarríos.

Cunha xornada soleada de outono deu comezo a sexta edición de Natureza nos Camiños, un programa da oficina de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra, coordinada por Anxo Rajó e con Miguel Anxo Fernández entre os guías destas rutas de sendeirismo que combinan o coñecemento da flora e da fauna, coa cultura, a arquitectura, a etnografía, a historia e a cultura en xeral.

O espazo natural das ribeiras do Lérez foi o primeiro escenario destas andainas. O punto de partida foi a Illa do Covo, ou Illa das Esculturas.

“Os fentos, a miúdo chamados pteridófitos, forman un grupo que contén ao redor de 10.000 especies e ten unha distribución mundial”. Así comeza a Guía dos Fentos de Pontevedra preparada para esta ocasión.

Ao longo do itinerario tamén puidemos comprobar os efectos “curativos” do lume -feito de forma controlada- para combater os fungos nos castiñeiros. Así foi como puideron sobrevivir durante centos de anos ata os nosos días.



Sorpresas dos camiños: os restos dunha bolboreta esfinxe, orixinaria de África e que migra a terras europeas, coa súa enorme lingua.


Máis fauna dos camiños: minúsculos caracois que habitan nos valados, entre os brións ou musgos.

E por fin, no mosteiro de Lérez.
“Ordoño II era fillo do rei Afonso III e foi rei de Galicia entre os anos 910 e 914 e logo tamén de León ata o ano 924. Consolidou o reino leonés e sostivo varias batallas victoriosas contra os moros pero sofriu a derrota de Valdejunquera. Fixo amplas doazóns a igrexas e mosteiros. A súa dona Gelvira era unha dama da alta nobreza galega. Do primeiro abade ,Guntado , pouco se sabe aparte do nome.
O nome dos fundadores aparece tamén nun gravado ,en latín, na parede sur da actual igrexa e que di : Honore Sancti Salbatoris et Sanctae Marie et Marina, Pelagio, Gontato et Bria fratres“.
(Asociación Cedofeita)









“…Acolá enriba as greas de romeiros
rubindo o carreiral de verdes louros;
mais outo inda o mosteiro de bieitos
deitado entre parrales bretemosos
e o badalar dos sinos lereteiros
como estorniños a pregoar nos cotos:
“Si vas a San Benitiño
non vaias ao de Paredes
que é moito máis milagreiro
San Benitiño de Leres”…”
(F. Bouza Brey, en Pontevedra boa vila, 1947)

Ao chegar ao río, paneis e sinaléctica instalada para informar os visitantes do que atoparán: elementos etnográficos, especies diversas de fauna e flora…
[Por dar ideas!]



A continuación, o fento peite (Blechnum spicantt): “Perenne, de rizoma avultado e curto. Atópase no interior dos bosques húmidos e sombrizos formando parte do estrato herbáceo. A beleza deste fento e a escasa luz que precisa para vivir fai que se empregue para as decoracións de interiores”.



Fento das boticas.










“…Pontes do río Lérez,
onde os ventos xostregan,
onde morden os lazos do xaneiro
e tamborilean as sarabias marceñas;
vin polos vosos arcos,
pontes vedras,
xurdir castelos de xacinto,
meigos arcos da vella,
o foguete do martín pescador,
a fror das ameixeiras…”
(X. Otero Espasandín, en As pontes do Lérez, 1987)



Deixar un comentario