
Cuneta no lugar da Bouza, 27 de agosto de 2013.

Cuneta da Bouza (ángulo contrario), en xullo de 2013.
Entre a primeira imaxe e a segunda hai un mes de diferenza; trátase da mesma estrada, vista dende ángulos opostos. Hoxe un grupo de operarios do centro de educación especial Juan XXIII estivo desbrozando a cuneta no lugar entre a Bouza e o Caeiro. A beiravía era un auténtico perigo para os peóns, porque a vexetación invadía completamente o pouco espazo dispoñible para camiñar nunha zona con moitas curvas onde algúns condutores cometen a imprudencia de circular a unha velocidade superior á debida. A Deputación de Pontevedra é a titular da estrada, aínda que semella ter sido o Concello de Marín -a través do convenio coa Asociación Juan XXIII- o que tomou a iniciativa de acondicionar este treito.
Nalgunhas partes do itinerario non cómpre que sexa a Administración a que actúe porque xa son os propios veciños os que -facendo gala dunha actitude responsable e solidaria- se ocupan de manter a raia a maleza dos muros que lindan co vial. Noutros casos nos que a finca está en estado de abandono, é moi difícil contar coa colaboración veciñal.
Non sen tempo, benvida sexa esta mellora tan necesaria e urxente da seguridade vial.



Deixar un comentario