“Salcedo ten hectáreas e hectáreas de monte abandonado, a produción cero, e sen embargo, non son capaces de xerar beneficio para a comunidade. Nin sequera ten unha casa de cultura digna”, dixo o presidente da Deputación.
Louzán, non se pode ser tan arrogante, nin falar dende o descoñecemento. Nos últimos meses a comunidade de montes de Salcedo fixo plantacións forestais, sinalizou os xacementos arqueolóxicos, organizou andainas para darlle a coñecer á cidadanía o patrimonio comunal, colaborou na rehabilitación de muíños… e terá unha casa de cultura digna coa axuda do Concello, que non da Administración provincial.
“Hai que ser prudentes e xogar limpo”, dixo o presidente da Comunidade de Salcedo, Fernando Pintos.
Fernando Pintos explicou que a xunta da comunidade realizou unha valoración por debaixo do valor real dos terreos, asentada en informes técnicos e oficiais, e “sendo sensibles” ás particulares circunstancias que afectan a esta negociación.
O voceiro dos comuneiros destacou a labor realizada pola parroquia nestes catro anos nos que se tumbou unha liña de afección imposta polo ministerio aos veciños e se recuperaron os montes comunais para a parroquia. Pintos afirmou que Salcedo converteuse nunha comunidade “de referencia” polo que invitou os veciños a manter o espírito que lles levou a obter eses logros.
Hai unha sentenza xudicial que decide sobre a titularidade dun terreo. Recoñécese o dereito dun colectivo a ser recompensado polo uso da súa propiedade. Que menos que respectar o seu “espazo”, as decisións da comunidade. Por máis que se trata dun colectivo “minoritario” con respecto á poboación total de Pontevedra, está lexitimado para actuar na defensa dos seus intereses. E merece unha marxe de confianza nun proceso negociador que se presume cheo de presións políticas e económicas. Porque onde partidos e cartos, de forma directa ou indirecta mediante emisarios, todo se embarulla e sempre ten máis que dicir quen menos pinta nese “enterro”.
Se algo se lle ten reprochado a Defende o Monte Pituco -con desdén por parte dos que se cren donos do poder e da verdade- é o seu carácter minoritario. Como se o feito de ser unha pequena asociación de xente comprometida, concienciada e convencida fose en detrimento dos argumentos que expón: ambientais, patrimoniais, urbanísticos, legais, económicos… Non ten máis razón quen máis berra, nin quen máis promesas fai, nin quen máis cartos cisca para compensar a flebleza das súas ideas, nin para comprar vontades precisamente dos que menos ideas teñen.
Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común subraiou que “a valoración deben facela os comuneiros; é unha decisión democrática de Salcedo” e son eles, mellor que ninguén, os que saben canto vale o seu terreo e que un monte veciñal é por definición, multifuncional”.
Rueda avanzou que unha comunidade de montes, a de San Xulián, aceptou a proposta do Ministerio e instou a máis reticente, a de Salcedo, propietaria da inmensa maioría dos terreos ocupados polo Exército, a que sexa “razoable”.
…Sen asemblea nin contacto previo cos comuneiros, a Comunidade de Montes de San Xulián xa lle dixo “amén” ao Ministerio de Defensa sobre a cesión dunhas 35-40 hectáreas para a base militar da Brilat. A esta xunta directiva non lle quedaba outra, habida conta da ríxida filiación política dos seus membros máis destacados, que farán o que o PP lles mande sempre e en todo lugar.
Caben dúas posibilidades: en caso de cumprirse as xenerosas expectativas do presidente, xa na asemblea do pasado mes de xaneiro contaban con “arañarlle” á Brilat entre 25.000 e 30.000 euros anuais polo arrendamento: “En madeira non os fariamos nin en 15 nin en 20 anos”, dixo daquela o presidente. Ou o que é o mesmo: diñeiro fácil.
Por unha sinxela regra de tres, o prezo da hectárea rondaría os 700 euros. Nada do outro mundo, por outra parte, tendo en conta que Defensa só lle ofrece 400 euros por hectárea á Comunidade de Salcedo, propietaria de 90 hectáreas en moita mellor situación que as de San Xulián. Por máis que, se Salcedo se negase a rebaixar a súa proposta económica, non habería máis que falar e a Brilat tería que facer as maletas.
Porque se a negociación se produce en termos de igualdade e a cantidade ofertada polo Ministerio fose a mesma para Salcedo que para San Xulián, a comunidade de (des)montes de San Xulián non carretaría máis de 14.000 euros ao ano para as súas arcas. Nin a metade das mellores expectativas que se anunciaran. Non porían o carro antes que os bois no anuncio que fixeron a principios de 2013 ante unha veciñanza que, quen máis quen menos, aplaudía coas orellas? Que opinan en Salcedo de que a Comunidade de Montes de San Xulián xa se adiantara aceptando unha cuantía que deixa a Salcedo nunha posición menos forte, a priori?
Non quedan tan lonxe as manifestacións, pancarta en ristre, da directiva anterior (máis ou menos idéntica á actual en cadros e filosofía) “en defensa dos nosos montes”, facendo alarde de dar pouco menos que o sangue por arredar as propiedades comunais das malvadas poutas dos militares acaparadores. Uns preferían dalas de balde para o polígono antes que a Brilat as levase pola cara. Así de facilmente viraron as tornas, que agora é San Xulián a que se desmarca de Salcedo convertíndose na primeira que lle di “si, bwana” ao Exército que antano tildaba pouco menos que de opresor e ocupador.
As nosas fontes aseguran que os directivos de San Xulián chamaban con moita frecuencia aos comuneiros de Salcedo agardando como auga de maio calquera noticia sobre o comezo das negociacións co Ministerio para saber canto ían pedir, como se aquí non houbera idea de defender o propio e houbera que agardar a que os de fóra deran o primeiro paso. Coa experiencia que teñen os comuneiros maiores de San Xulián negociando expropiacións (liña de alta tensión, variante, etc). Total, para que, á primeira de cambio, xa se pregaran á oferta inicial de Defensa, ou do PP, que tanto monta, monta tanto. Para esta viaxe non cumprían tantas alforxas.















Deixar un comentario