Publicado por: MontePituco | 28/04/2013

POLOS SETE CAMIÑOS CON QUEREMOS GALEGO MARÍN

Saíndo da área de lecer a carón do Monte Pornedo.

Hoxe anunciamos unha moi boa nova para a comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e para DEFENDE O MONTE PITUCO: a Asociación Queremos Galego Marín vai subscribir o documentol a prol da creación do Espazo Sete Camiños, sumándose á vintena de colectivos que xa apoiaron esta iniciativa.

A andaina partiu da área de lecer situada a carón do Monte Pituco que, dende que foi desbrozada a petición de Defende o Monte Pituco, presenta un mellor aspecto e recibe moitas máis visitas.

Subindo pola pista forestal do Monte Pornedo.

Unha trintena de persoas participaron no roteiro, que seguiu pola pista forestal do Monte Pituco. O firme do camiño está bastante deteriorado e hai varios verquidos incontrolados de cascallos, restos de poda e lixo. O último, un montón de terra con restos dunha queima.

…Pero tratábase de gozar da xornada, da natureza e do patrimonio. A primeira parada foi nos petroglifos dos Sete Camiños, que destacan pola representación duns cérvidos. Neste punto cómpre unha actuación para desbrozar a laxe e acondicionar un pequeno sendeiro para facilitar o acceso.

Nos petróglifos de Sete Camiños.

Tamén visitamos a mámoa de Sete Camiños, recentemente descuberta; proba da importancia patrimonial deste espazo. A instalación dun polígono industrial que, dende o Monte Pituco, extenderíase ata máis aló de Sete Camiños, estragaría este legado ancestral que está protexido por lei. O perímetro de seguridade dos xacementos arqueolóxicos non se respecta co rigor que corresponde.

Na mámoa de Sete Camiños.

Ademais do patrimonio herdado dos primeiros poboadores destes montes, outros elementos de interese teñen a súa orixe no pasado máis recente: no século XX ou acaso no anterior. Das canteiras saíu a materia prima coa que se construíron moitas das vivendas do Marín antigo e das aldeas próximas. O método de traballo nestes outeiros de pedra tamén é digno de estudo e difusión para coñecer mellor a nosa historia.

Restos dunha antiga canteira.

A carón dunha antiga canteira.

No monte de Salcedo atopamos un espeso bosque de acacias, unha especie invasiva que resulta moi difícil e custoso erradicar. Agora que a Comunidade de Montes de Salcedo vai recuperar o uso de 80 hectáreas que ata o momento viña ocupando a Brilat, poderase abordar de maneira urxente e directa a eliminación desta lacra.

Especies invasivas como as mimosas, unha das lacras do monte.

Especies invasivas como as mimosas, unha das lacras do monte.

E así como hai aspectos mellorables, o monte tamén nos ofrece espazos agradables que deberían perdurar, como un nacemento de auga, ao pé dun robusto carballo.

No Monte de San Martiño de Salcedo.

No Monte de San Martiño de Salcedo.

No nacemento dun dos regatos do monte de Salcedo.

Permaneceron “secuestrados” durante anos debido a que se atopan nun espazo militarizado. Pero os petroglifos de Regato dos Buratos/Outeiro da Mina, do Outeiro dos Apañados e a Pedra do Fundamento, xa se poden volver visitar con normalidade.

Nos petroglifos de Outeiro da Mina.

Gravados rupestres de Outeiro da Moura.

No Outeiro da Moura, coa Brilat ao fondo.

Gravados do Outeiro da Moura

Nos petroglifos de Regato dos Buratos.

Outros elementos, por desgraza, son irrecuperables: a construcción da aldea afgana arrasou a mámoa de Louredo.

Onde a Brilat recreou unha aldea afgana, destruíndo coas obras a mámoa de Louredo.

E preto do Monte Catadoiro, en Lourizán, destacan o miradoiro dende o que se divisa parte da ría, coa illa de Tambo como elemento central. Tamén se atopa a pedra “escorregadoiro” na que moitos rapaces xogaban antano a deslizarse pola súa superficie, e unha laxe gravada cuns aliñamentos de coviñas.

Aliñamento de coviñas a carón da pedra "escorregadoiro".

No miradoiro do Monte Catadoiro.

Vista de Tambo dende o Monte Catadoiro.

A mámoa de Catadoiro tamén foi agredida co paso do tendido la liña de alta tensión. No chan pódense apreciar aínda os restos dalgúns ortostatos que formarían parte da cámara funeraria. Outros, polos saqueos, acabarían converténdose nos lindeiros dos matos privados dos arredores. Pero sábese da existencia doutras mámoas catalogadas como Chan de Lagoa.

Na mámoa de Catadoiro.

Outro elemento interesante do Espazo Sete Camiños é a Pedra do Sapo: un penedo zoomorfo que na parte superior presenta varias pías fondas e que na parte inferior ten un abrigo que posiblemente servira de refuxio para pastores ou para canteiros. Porque neste outeiro tamén hai vestixios dunha vella canteira e hai pedras que aínda conservan as marcas das ferramentas utilizadas para desprender os bloques graníticos ou perpiaños.

Na Pedra do Sapo, un penedo zoomorfo.

A carón da Pedra do Sapo, falando sobre as canteiras.

Marcas de cantería a carón da Pedra do Sapo.

O tempo foi bastante agradable durante a andaina a pesar de que o pronóstico non era favorable. As nubes non dificultaron en exceso a observación dos gravados e o único treito no que a chuvia estivo presente foi atravesando un bosque de piñeiros no monte de Lourizán.

...E caeron unhas pingueiras durante a andaina.

E no treito final da andaina, cunha luz espléndida, os participantes no roteiro chegaron ao Monte Pornedo, onde se atopa un conxunto de arte rupestre bastante ben conservado, a carón dun val no que medra a herba e onde é habitual ver cabalos pastando e veciños recollendo fento e toxo.

A pesar do seu valor arqueolóxico, da súa ubicación en plena fachada da ría, da pendente do terreo e da beleza desta extensión, o Monte Pornedo sairía moi mal parado se prospera o proxecto do Concello de Marín de instalar nesta zona un polígono industrial.

No Monte Pornedo.

Nos gravados rupestres do Pornedo.

Nos petroglifos do Pornedo non só hai círculos concéntricos, senón tamén o gravado dunha arma.

Os petroglifos do Pornedo pódense apreciar con moita claridade cando a luz rasante do solpor ilumina a pedra e as sombras delimitan os surcos dos gravados. Hai varias teorías sobre os motivos polos que os primitivos habitantes desta zona representaban figuras xeométricas. Neste caso son círculos concéntricos, aínda que nesta laxe tamén se aprecia a forma dunha arma alongada e rectangular, tal vez unha espada.

POLÍGONO NO PORNEDO... NON!!!

Admirando as vistas da ría dende o Alto do Pornedo.

“Solpor nos Sete Camiños” era o lema -nada casual- desta andaina organizada por Queremos Galego Marín no marco das I Xornadas sobre Patrimonio, co presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafa Quintía, como guía e intérprete de todos os elementos históricos e etnográficos que abundan no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

…Un proxecto que é incompatible coa instalación do polígono proxectado no planeamento urbanístico marinense. A súa ubicación é absolutamente desaconsellable por razóns técnicas, económicas, patrimoniais, medioambientais, mesmo legais. É inconcebible que poidan convivir neste contorno dúas actividades tan antitéticas: o uso industrial e a apreciación dos bens arqueolóxicos, a protección da fachada litoral marinense que se pode estragar de forma irreversible, por non falar dos mananciais que suministran as traídas de augas das vivendas próximas e das veigas.

Non é cuestión de máis ou menos sensibilidade, senón de sentido común. POLÍGONO NO PITUCO, NON.

Chegando ao miradoiro natural do Pornedo.

Solpor dende o Monte Pornedo.

Tres horas e media despois, voltamos á casa. GRAZAS POLA VISITA.

“…A alma anda nestes inve

ntos porque non lle abonda

o que é como é do mundo

quixer facer pombas con auga e amieiros de pruma

e en vez de carro que polos camiños do monte

baixase cantando a lúa arrastrada

por un tiro de peixes prateados…”

Álvaro Cunqueiro: Herba de aquí ou acolá, 1980.

Faro, 28 de abril de 2013.


Responses

  1. Foi un roteiro cheo de interés polo variado patrimonio arqueolóxico que se atopa en toda esa zoa, petroglifos, mámoas, que maxistralmente foron interpretadas por un excelente guía, fontes con auga de manantial moi saborosa, unhas vistas panorámicas fermosísimas e moitas historias e lendas misteriosas de toda a zona que foron escoitadas con gran expectación. Foron catro horas de roteiro que máxicamente pasaron voando e quedamos con ganas de volver. Dou as grazas aos organizadores Asociación Queremos Galego Marín por todo o traballo feito nas xornadas antropolóxicas levadas a cabo e por suposto a un guía dunha calidade cultural e humana, tan grande como a copa dun pino, esto é o que se di, aínda que eu prefiro dicir como a copa dun carballo, refírome ao presidente da Sociedade Antropolóxica de Galicia, Rafa Quintía. Por todo o que vivín e descubrín, o Proxecto dos Sete Camiños, páreceme dunha gran responsabilidade cultural e que non so débese defender, senon conseguir. Valentina García Abalo

    • Moitísimas grazas, Valentina. Alegrámonos de que a visita ao Monte Pornedo, os Sete Camiños, e os demais recunchos desde proxecto de Espazo Natural e Arqueolóxico foran do teu interese, e que poidamos contar co teu apoio para reivindicar que se poña en marcha e, sobre todo, que se conserve esta contorna con todo o seu patrimonio histórico, cultural e paisaxístico. Ogallá nos sigas visitando. Ocasións haberá, porque seguiremos organizando máis andainas. Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: