Van a calquera hora do día, pola mañá, pola noitiña, en días laborables, en fin de semana… Collen o coche, a furgoneta ou o tractor. Cargan os escombros en capachos, en lonas de obra… e chegan ao monte. Uns entran polo túnel que hai baixo a variante, entre os lugares de Pena e Caeiro… outros van pola pista forestal do Monte Pituco. Os primeiros, nada máis saír do túnel, xa basculan a carga contra o muro , o bótano contra a beira do camiño. A cantidade de cascallos -de obra, maioritariamente: ladrillo, pedra, lousa, uralita…- que se acumularon nesta zona chegou a ser escandaloso. A forza de denuncias ante o Seprona, o Concello e a Xunta, algunha das cales derivou en sanción económica, logrouse que se foran retirando; non en van, a acumulación de verquido sobre verquido non facía máis que consolidar o vertedoiro ilegal e converter a zona nun foco de contaminación nun espazo sensible polo que discurren as augas que fornecen os habitantes da zona e as veigas de regadío dende A Curxeira ata Vilafíns.
Así vanse “consolidando” os verquidos, cando a vexetación os coloniza porque non son retirados.
Entre os bárbaros que se adentran no monte pola pista hainos que teñen tanta présa que nada máis avanzar uns poucos metros e verse parapetados por algo de vexetación, xa se desfán da carga: restos de podas e de limpeza de fincas, rodas, lousas de alicatar paredes, anacos de cemento… Se pasaran 2000 anos e os arqueólogos do futuro deran con ese noxento depósito de vergoñas, sacarían capas e máis capas de lixo de todo tipo, mesturadas coa vexetación que medra por riba. Porque a natureza, na súa inxenuidade, favorece que uns verquidos se superpoñan sobre outros que quedan ocultos á vista.
Antes
Despois
Tamén os hai tan cómodos, pero tan irresponsables, que aproveitan os surcos laterais polos que en teoría deberían discurrir as augas pluviais, para botar neles os seus cascallos: abren de porta traseira, baleiran o contido do recipiente ou botan o lixo con bolsa e todo. E aí queda, atascando as canalizacións, de maneira que a auga en vez de ir polos regos, arrasa pola pista, erosionando o firme e deixando o terreo moi irregular. Xa dende o pasado ano se viñan acumulando nesa zona escombros de obra, incluidos materiais contaminantes e prohibidos como a uralita, pero en xaneiro o cupo quedou “cuberto” ao aparecer sanitarios rotos procedentes da reforma dalgún cuarto de baño. Nesta ocasión, parece ser que os servizos municipais ocupáronse da retirada dunha parte do verquido -que non todo, á vista de que quedaron outros restos, a non ser que foran posteriores- e de despexar a canle para o paso da auga.
…A intención era boa. Mágoa que, ao incivismo galopante que padece esta parte do monte por parte das persoas que o usan de escombreira, se una a falta de mantemento da pista por parte da Comunidade de Montes, que consinte ter os regos atascados de terra, pedras e restos de vexetación que cae das árbores. Nese sentido, a Comunidade de Montes é tan responsable ou máis do mal estado da pista, o que perxudica o tránsito de vehículos e tamén dificulta o desprazamento das persoas, que carecen dunha superficie en condicións para camiñar ou facer deporte sen risco de sufrir unha caída ou unha lesión.
O cruce co camiño que baixa á área recreativa -destrozada polos actos de vandalismo- tamén é outro punto sensible. Dende un contenedor volcado e cheo de restos da limpeza dunha caldeira, unha das agresións máis graves que se produciron no monte; ata restos de azulexo que leven meses tirados no chan; pasando por pequenos mobles, como sillas rotas, ou varios colchóns, que tamén desapareceron despois de pasar unhas semanas metidos entre a broza; ou pequenos montóns de entullos que alguén se encarga de botar sobre o propio firme da pista, aproveitando as irregularidades do terreo causadas pola potente erosión da auga.
E para descarados, os que chegan máis arriba, atopan unha pequena planicie na que deter o vehículo marcha atrás, e descargar o lixo para botalo polo terraplén, ou chantar alí mesmo as bolsas co material de obra, a terra, os restos do desbroce… o que cadre. Ou para colmo, o montón de pedras que o último senvergoña volcou no medio e medio da pista. Moita cantidade de escombros se levan tirado neste punto, cando aínda non derrubaran os eucaliptos que tapaban o deplorable espectáculo. Outro punto máis de interese para os antropólogos do futuro, cando queiran investigar as miserias dos humanos que colonizaron estes lares a estas alturas de finais do século XX e principios do XXI.
E de aí para arriba, máis do mesmo: máis restos de poda, máis escombros de obras, persianas vellas como as que apareceron tempo atrás, máis regos atascados e torrentes de auga que rebordan… Unha mágoa e unha mostra de deixadez, de desidia e de pasotismo por parte de quen ten a responsabilidade -e os medios económicos todo sexa dito, porque os rodais de madeira ben que se talan por aquí e por acolá- de velar polo bo estado do monte en xeral e das súas vías de comunicación en particular, con especial énfase na protección do medio ambiente e na eliminación destes verquidos que fan dano á vista. Non é cuestión de “durmir no monte”, senón de incrementar a vixiancia, de sensibilizar a poboación e de actuar de forma contundente contra quen agrede o monte de todos, como aconteceu coa empresa que foi sancionada por depositar documentación, materiais de oficina, plásticos, rodas e outros residuos contaminantes na pista a carón do regato das Presas.
Con instalar un par de carteis -que non están de máis- NON ABONDA. Cómpre unha actitude máis proactiva que verdadeiramente redunde nunha mellora do monte.
Deixar unha resposta