Festexamos o V aniversario da Asociación Almuinha, un dos colectivos cos que conta DEFENDE O MONTE PITUCO na causa a prol da conservación deste enclave da xeografía marinense que, lle pese a quen lle pese, é un Espazo Natural Protexido.
E lemos versos de Vítor Vaqueiro: reivindicativos, enxalzadores da natureza, da paisaxe e do patrimonio cultural que os poderes económico e político -sempre da man, e cunha corte de criados á súa disposición- se empeñan en estragar.
Fremoso como un doncel era
iste mundo.
MÉNDEZ FERRIN
Denantes da correola, da barbela,
do carromeiro mol
aboiando nos cons de Ortegal,
ou nas praias do norte do Morrazo;
Denantes das escumas estoupando
no fociño da foz,
onde a mestura xusta, equidistante
de milleiros de fontes
(augas antergas, freixas devanceiras)
co estronicio salgado
que arrinca dende o medio do océano,
fai agromar as incontábeis cores
do vello arco da vella;
Denantes de medrar a xilbarbeira
ou o estralote:
confrade silandeiro
caviloso sino polos camiños,
ledicia de foguetes nun ollos pequenechos,
e cando aínda
os frescos chuchameles
eran sinxelamente
un pequeno proxecto que agromaba,
bulindo, nos miolos
da Natureza, a nosa nai teimuda,
e cando aínda
o fento
non daba esnaquizada a tona do planeta
(esa cativa uva ensarillada
no morno acio de estrelas que pendura
do mantelo do moucho e da curuxa)
Denantes dos abrentes
de rechouchíos mestos de paxaros
que interrompían:
o crime do raposo,
a soneca da avoa donosiña
Denantes mesmo que a aguia vixiante
no curuto do ceo
subliñara a sutil raia da morte
dende o seu trono azul
ao pescozo dun año arrepiado;
Denantes de que o seixo
fixera realidade as súas agullas, espetándoas
nas entrañas da terra, e que aquelas agullas
viraran lama, area, arxilas
de cores, recollidas por mans agarimosas
que bicando, cocendo, aloumiñando
(como o amante aloumiña o corpo do amante,
como o asasino aloumiña na súa man o coitelo)
fixeran os tarecos que chegaron a hoxe,
verbi gratia:
Santa Tegra,
O Neixón,
Borneiro,
Viladonga
Denantes de que condes,
emperadores,
xefes,
reis,
caudillos,
triparan as vellísimas
chairas da nosa Terra,
metendo lume ás xestas e á poalla,
ao melro e á cerdeira,
deixándonos a patria tolleita, esnaquizada,
sementada de Arousa a Pedrafita
dunha baza borralla, dunha brétema
enchoupando os nosos corazóns calcificados
sen azos
para o latexo
sen mans
para encetaren un anaco de queixo, unha cunca de viño,
sen forzas
para a seitura e a vendima:
fermoso como un doncel
era este mundo.
[VITOR VAQUEIRO: Denantes. “Lideiras entre a paisaxe”, 1979]
E tivemos a oportunidade de escoitar a música e a voz do cantor guardés Tino Baz: versos de Rosalía a ritmo de tango, historias dun pasado marcado pola falta de liberdade, a emocinante homenaxe á activista Luz Fandiño cunha canción a capella na que o peito se converteu nunha caixa de resonancia e sentimento, ou os versos chorando polas lapas que arrasaron parte das Fragas do Eume…




Deixar un comentario