Aínda que houbera que gardar os disfraces ata o ano vindeiro, a Sociedade Antropolóxica Galega invita a toda a cidadanía a comezar xa a preparar o Entroido de 2014. Porque entre tantas noticias de corrupción e espionaxe, de abuso por parte dos bancos e das empresas poderosas, de indefensión ante as Administracións públicas que actúan de costas ao sentido común, cómpre manter o espírito ledo, a imaxinación activa e iniciativa firme. A cultura nunca está de máis; o contrario é o despilfarro, a desmemoria, a ignorancia.
A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) celebrará en Pontevedra as “I Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, que terán lugar esta semana na Casa das Campás, os días 21 e 22 de febreiro, a base de relatorios impartidos por diversos expertos na materia e dunha exposición de fotografías e atuendos tradicionais desta celebración que se locen nas localidades onde o Entroido ten máis raigame.
O xoves 21, a partir das 19:00 horas, Antonio Vázquez impartirá unha charla titulada “O entroido urbano en Pontevedra”, dende a súa orixe no século XIX e o xurdimento da figura do Rei Urco, que preside os festexos na cidade. Seguiralle José Ángel Rodríguez, cunha ponencia sobre “O Entroido en Vilaboa” e o protagonismo das madamas e galáns, que percorren as parroquias de San Andrés e Santa Cristina representando unha danza ancestral e lucindo chamativas vestimentas e tocados.
Por último, o etnógrafo Miguel Losada abordará “O Entroido en terras de Ourense”, onde destacan as pantallas, os cigarróns e os peliqueiros no triángulo máxico que conforman as localidades de Xinzo, Verín e Laza.
Ao día seguinte intervirán, a partir da mesma hora, Nelson Salgado e Benito Salgado, que disertarán sobre “A fabricación de máscaras de cigarrón” e “O traxe de cigarrón”, respectivamente. Trátase dunha das figuras centrais do Entroido ourensán, cunha continuidade que se transmite de xeración en xeración.
Paralelamente ás xornadas -nas que colabora o Concello de Pontevedra- permanecerá aberta ao público a exposición “O Entroido en Galiza”, que se poderá visitar tamén os días 21 e 22, en horario de 17:00 a 21:00 horas.
A mostra consta de fotografías, vestimentas e complementos das distintas modalidades do Entroido galego.







Deixar un comentario