Publicado por: MontePituco | 12/01/2013

PLENO DE XANEIRO (I): PORTO E CHAN INDUSTRIAL

No Monte Pituco, POLÍGONO NON.

Outro pleno maratoniano, de 8 da tarde a 12 da noite. Pleno bronco, non exento de incidentes. Pleno de postureo, con debates cheos de verborrea para logo reflectirse artificiosamente na prensa.

E para mostra, a previsible irrupción do tema do chan industrial, a raíz da reunión na que o alcalde de Ponte Caldelas lle ofertou o parque empresarial da Reigosa ao presidente da Autoridade Portuaria para a ubicación de empresas. Francisco Veiga atizou pola vía do enfrontamento, dirixíndose a María Ramallo:

“Está en la agenda de los ayuntamientos de Pontevedra, de Vilaboa, de Barro, de Ponte Caldelas, pero no está en la agenda de la alcaldesa. Aquí no se hace nada para que las empresas del puerto sigan en Marín, paguen sus impuestos en Marín y que los jóvenes trabajen. Cuáles son sus prioridades? Cuál es su postura sobre el área logística?”, preguntoulle.

“Sobre las prioridades de este gobierno le contesto por escrito”, respondeulle María Ramallo.

Xosé María Vilaboa tamén lle deu unhas cantas reviravoltas ao tema de moda, acusando o departamento de Urbanismo de ter “durmidos os expedentes de Safricope” e doutras empresas ás que lles din que “non se pode dar licencia”, ao que se engade que o Porto carece de Plan Especial. “Que fixo para crear emprego? Denegar licencias”, ironizou o do Bloque, que vai aos plenos coa prensa do día, ou da semana pasada, ou de cando cadra, e ponse a ler os artigos e as entrevistas coa súa retórica e os seus aspaventos: “En que se basea Perfecto Rodríguez para afirmar que as propostas realizadas no seu día para un porto seco en Vilaboa, Cerponzóns ou no termo municipal de Marín son inasumibles economicamente a curto e medio prazo? A Xunta dá por perdido dotar Marín de parque empresarial?”

Despois seguiu lendo as declaracións de María Ramallo e de José Benito Suárez Costa ao Faro de Vigo e continuou filosofando: “E se non hai demanda, Marín non contará con parque empresarial? E o presidente da Autoridade Portuaria recoñece que tivo que rexeitar a instalació dunha empresa multinacional, e Marín ten 3.000 parados e a flota pesqueira amarrada?”

…Vilaboa levaba xa 10 minutos liando o palangre, ciscando demagoxia e escenificando o seu papel de estrela. “Me estoy perdiendo”, interrumpiuno a alcaldesa. E coa mesma, o concelleiro do Bng por fin concretou as preguntas que tiña preparadas: “Se respalda as declaracións de Suárez Costa, a onde foi remitida a empresa multinacional, que fixo a alcaldesa por entrevistarse coa empresa?”.

Logo pasou o de sempre: María Ramallo fixo ademán de empezar a contestarlle, Vilaboa interfería constantemente levantando a voz para que non se oíran as palabras da alcaldesa. “Si usted no me deja hablar y no respeta mi turno, no le contesto nada más en este pleno”. Pero aí non quedou a cousa.

Cando por fin lle chegou a vez a Isabel Martínez Epifanio, a concelleira de Mar-In tamén preguntou polas declaracións de Perfecto Rodríguez: “O alcalde de Ponte Caldelas é do PP, ten máis información él que nós sobre se Marín non vai ter chan industrial?”. Sobre o Plan Especial do Porto, amosou a súa preocupación a respecto de que a única perspectiva para a dotación de chan industrial en Marín se limite a “facer máis recheos”. Finalmente, pediulle a María Ramallo o seu posicionamento sobre a posibilidade de crear chan industrial en Cruz da Maceira e se fixo algunha xestión para que, a curto ou medio prazo, Marín poida ter un polígono “en condicións”.

Posto que, a diferencia de Francisco Veiga e de Xosé María Vilaboa, a interpelación de Isabel Martínez tivo o ton correcto e razoable do que careceron os seus compañeiros de oposición, nesta ocasión non houbo ningún atranco para que María Ramallo puidera atender no momento o plantexado pola edil independente. Non obstante, a contestación da alcaldesa non ofreceu ningunha novidade alentadora para o futuro do Monte Pituco.

“Nuestra postura es la misma. Buscar un área logística requiere condiciones que ninguno de los terrenos reúne”, dixo, en relación á necesidade de que actúen como “modo nodal de transportes”, motivo polo ocal “no se le puede llamar zona logística”. “Seguimos apostando por el área empresarial del Pituco y está incluido también la zona Marín-Moaña”, engadiu María Ramallo, quen tamén matizou que neste momento “a Xunta ten pouco orzamento”, polo que “se non hai demanda, non se van executar máis parques porque hay outros que non están ocupados”. Tamén falou da existencia de conversas entre o Concello de Marín e a Autoridade Portuaria a respecto de que hai empresas con expectativas de crecemento, pero que “o tema económico non invita a canalizar demasiadas iniciativas”. E a maiores, María Ramallo referiuse tamén ás reunións mantidas coa dirección da Zona Franca sobre o estudo que este organismo público realizara sobre a zona de Pastoriza. “A iniciativa privada ten que encauzar cara a onde investir e o Concello ten que canalizar”, concluiu a alcaldesa.

…Chove sobre mollado. DEFENDE O MONTE PITUCO seguirá rexeitando por todos os medios posibles a construcción dunha área empresarial neste emprazamento, por moito PXOM que o teña clasificado como industrial. Porque esa clasificación, en aras do “consenso” ao que se abrazaron os grupos municipais para sacar adiante o Planeamento, non respecta a lexislación medioambiental, nin respecta a lexislación en materia de patrimonio, nin respecta as Normas Subsidiarias que determinaron que o Monte Pituco é un espazo natural protexido pertencente aos Montes do Morrazo, a segunda maior área de protección ambiental da provincia de Pontevedra despois da Serra de Argallo. Por moito que lles pese ao Psoe e ao Bng de Marín, dous partidos “verdes e progres” de pacotilla, que cando formaban goberno pretendían desafectar o Monte Pituco do ámbito dos Montes do Morrazo para lexitimar a ilegalidade que contribuiron a forxar entre os dous.

Os iluminados e os que pretenden bombardear a fachada litoral de Marín son os que collen o plano da vila e fan da súa capa un ‘sayo’ para favorecer intereses económicos particulares, que á súa vez agradecen os servizos prestados con certa xenerosidade e, de paso, para gardar as aparencias, tamén fan como que crean emprego. Xa estragaron ata límites practicamente irreparables a beira do “mare” que alimentaba, en pretérito imperfecto, “a nostra fortuna”. E agora pretenden seguir aumentando o seu ronsel destrutivo, ata extremos irreversibles e en dirección ascendente cara ao Monte Pituco, para culminar o seu apetito voraz.

Fronte a quen fai bandeira política do paro e da crise, fronte a quen pontifica dende púlpitos pseudoinstitucionais pintando un futuro negro-negrísimo se non nos axeonllamos ante o deus-Porto, este discurso a favor de cousas tan aparentemente bucólicas como as floriñas do campo, os mananciais, os bechos rabilongos, as “pedras do 2000” e os idílicos solpores dende o miradoiro do Pornedo, vai dirixido a esa parte da veciñanza -máis ampla do que se pensa- que ten algo que non teñen todos eses -políticos do Concello e acólitos varios- que abogan por destruir o Monte Pituco cun polígono industrial. En todos os Plenos quen máis quen menos dos membros da Corporación se arrogan esas cualidades e pronúncianas coa boca moi chea. Pero non as teñen, non: Respecto e Sensibilidade.


Responses

  1. “Buscad la belleza, es la única protesta que merece la pena en este asqueroso mundo”
    (Ramón Trecet)

    • Con esa frase remataba o xornalista Ramón Trecet o seu programa “Diálogos 3” en RNE. Ata que alguén decidiu que ese espazo radiofónico non debía seguir. O locutor, excelente e prestixioso profesional, buscouse a vida por outros camiños. Non lle faltaron vías para seguir traballando e informando; conta con milleiros de seguidores a través de Internet e das redes sociais. Como a Ramón Trecet, a nos tampouco nos van facer calar. As voces críticas e inconformistas, sobre todo cando se basean en argumentos sólidos, non en caprichos nin intereses máis ou menos espúreos, son necesarias.
      Grazas por este magnífico apuntamento, que nos dá máis forza para seguir loitando.

  2. […] Francisco Veiga tamén preguntara sobre as xestións de Marín en relación coas ofertas dos concellos de Ponte Caldelas, Barro, Pontevedra e Vilaboa sobre o chan industrial asociado ao porto. María Ramallo respondeu que lle contestaría por escrito. Este tema xa se plasmou nun artigo anterior titulado “PLENO DE XANEIRO (I): PORTO E CHAN INDUSTRIAL“. […]


Deixa unha resposta a PLENO DE XANEIRO (IV): DOS DESAFIUZAMENTOS ÁS PREFERENTES « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: