Publicado por: MontePituco | 03/12/2012

ASEMBLEA ANTI-PARQUE EÓLICO EN MOAÑA

Vistas dende Pedras Negras ata o Outeiro da Charamiza, pasando por Chan de Goa e o rio Miñouva, en zonas afectadas pola construción do parque eólico. (Foto, Cándido Martínez, de Luita Verde).

Mañá martes, 4 de decembro, a partir das 20:00 horas, os colectivos e particulares que rexeitan a instalación do parque eólico de Pedras Negras están convocados a unha xuntanza na Casa da Xuventude de Moaña (As Barxas). O proxecto está en fase de exposición pública, polo que o motivo da asemblea é artellar as alegacións en contra da instalación dos aeroxeneradores nos Montes do Morrazo. Tamén está previsto programar un novo roteiro pola zona afectada e deseñar mecanismos de protesta, como pancartas e outros métodos de propaganda contra o parque.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén de pronunciarse nos seguintes termos:

Despois do anuncio de información pública do proxecto de parque eólico de Pedras Negras e do saído en relación co mesmo nos medios de comunicación esta semana, queremos salientar:

El parque eólico se somete a exposición pública y recibe las primeras alegaciones“, Faro de Vigo, 30 de novembro de 2012.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo somos unha organización de colectivos e veciños/as non só críticos senón, na realidade, contrarios/as frontalmente á instalación do parque eólico.

A maioría das afeccións extraídas na prensa do proxecto actualmente en exposición pública (área de lecer e mámoa de Chan de Arquiña, mámoas de Chan de Fonteseca e Lagucheiros, petróglifo de Outeiro do Gorgullo, nacementos de regos, paisaxe…) xa se lle deron a entender en setembro do ano pasado á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na fase de consulta do Documento de Inicio da avaliación de impacto ambiental do proxecto, que na síntese segue a ser o mesmo que agora se expón a información pública (14 aeroxeneradores de 119 metros de altura de buxe por 112 metros de diámetro de rotor e ocupación dunha explanada de 17×17 metros de superficie por cada aeroxenerador, a apertura de novos viais e ampliación en ancho de pistas forestais existentes, que en total suman 17.302 metros lineais de viais entre os de acceso e interiores, 15.702 metros de gabias para instalación de cableado eléctrico e de comunicacións e unha subestación eléctrica).

Aqueles comentarios feitos foron presentados non para intentar minimizar o impacto senón para rexeitar de pleno o proxecto, solicitando finalmente o seu rexeitamento e a alternativa 0 (que non se faga ningún parque eólico), e que imos voltar facer agora con alegacións e con máis argumentos.

No canto que segundo o proxecto plantéxase a mellora da área de lecer de Chan de Arquiña e do firme do vial de acceso, a posibilidade de propoñer á Dirección Xeral de Patrimonio actuacións co fin de mellorar o aspecto dos xacementos arqueolóxicos, son facetas que lles corresponde por Lei e con fondos públicos ás distintas Administracións públicas e Comunidades de montes competentes, e non da man dunha empresa privada e a costa de afectar todo o entorno con pistas, gabias, aeroxeneradores, unha subestación eléctrica e cableados.

E no de realizar rutas de sendeirismo e bicicleta, outro tanto do mesmo, do que ademais temos que resaltar que xa existe un sendeiro de Bicis Todo Terreo de Marín, que ademais sería directamente afectado.

Para nada se falou nesas redaccións do grande impacto acústico que producen as pás dos aeroxeneradores en movemento, da elevada mortandade de aves pola súa forza centrífuga, das interferencias nas ondas electromagnéticas nunha zona con alta presenza de antenas de telecomunicacións, da cercanía do parque ao Lugar de Importacia Comunitaria da Enseada de San Simón, do perxuízo que conleva a nivel da xestión forestal coa imposibilidade de reforestar na ubicación dos aeroxeneradores en liña, da imposibilidade da práctica social e deportiva do parapente con punto de despegue e área de voo actual nas zonas afectadas, do impacto paisaxístico nas zonas máis altas dunha península entre dúas rías e que, por engadido, quedaría rodeada por dous parques eólicos máis no Monte Castrove e na Serra do Galiñeiro, co que o impacto na paisaxe sería contínua.

Dentro dunha comunidade autónoma con excedencia en produción de electricidade, onde grande parte dela, incluída a eólica, é exportada para fóra da Galiza, onde as áreas de máximo potencial eólico xa foron explotadas cun enorme impacto ambiental para o territorio, dándose a demostrar que unha cousa é o beneficio do vento como fonte de enerxía renovable e outra moi distinta é o elevado impacto da construcción dos parques eólicos, e onde non se están levar a cabo políticas efectivas de aforro e de eficiencia enerxética malia ser Galiza unha comunidade autónoma despilfarradora.

E de que a italiana Enel, como promotora do parque eólico, é a que controla o 92% das accións de Endesa, e é das grandes empresas multinacionais que -dentro do sector enerxético- xestionan tamén as altamente contaminantes centrais nucleares ou térmicas que, xunto coas hidroeléctricas, son onde sacan a maioría da produción da electricidade, e no caso da enerxía eólica, de moita menor produción e de imposible suplantación das outras, dados os insustentables índices de consumo enerxético actuais, o que máis lles interesa é especular co movemento de capital que supón as primas con fondos públicos.

Despois de instalado o parque eólico, a xeneración de postos de emprego no seu mantemento é moi limitado, dado que a súa xestión é automatizada e informatizada, todo o contrario do que á inversa perxudica a nivel da xestión ambiental, forestal e agrogandeira coa ocupación e privatización dos terreos.

Estamos en contra da industrialización e impacto ambiental, social, económico e cultural que suporía este proxecto de parque eólico para as zonas afectadas (Monte Formigoso, Serra Domego, Coto do Home, Pedras Negras e Serra Basil) dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo.

A Plataforma, alén de elaborar alegacións, tanto colectivas como individuais, vai promover mobilizacións sociais contra o proxecto, tales como un novo roteiro reivindicativo polas zonas afectadas, charlas e postos informativos de recollida de alegacións, visualización social opositora… do que ademais vai intentar sumar colectivos sociais e veciñais a nivel comarcal nesta loita contra o xigante dos muíños.

Por outra banda, en solidariedade cos colectivos sociais que se opoñen ao parque eólico na Serra do Galiñeiro, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo presentou diante da Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galiza a alegación xenérica elaborada pola Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro.

Cándido Martínez, de Luita Verde, na charla informativa celebrada en Marín sobre o parque eólico proxectado en Pedras Negras.

Nestes días, o Colectivo Nacionalista de Marín tamén expresou a súa oposición ao parque eólico que proxecta Enel Green a cabalo dos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. Segue un extracto do seu comunicado:

…De se levar adiante afectaría negativamente os Montes do Morrazo, un importante espazo natural, actualmente protexido polas normas subsidiarias provinciais. Este proxecto está promovido por unha multinacional italiana, Enel Green Power, que xa foi condenada por delito ambiental na construcción doutros parques eólicos noutras zonas do Estado español, polo que non está garantida a preservación do medio nin dos importantes xacementos arqueolóxicos afectados.

Temos que lembrar que no primeiro documento elaborado pola empresa incluía Marín, Vilaboa e Moaña na provincia de A Coruña, o que pon de manifesto a falla de rigor dos documentos elaborados por esta empresa.

A construción de 14 muíños vai alterar gravemente unha zona de importantes restos arqueolóxicos, valores naturais e paisaxísticos. No propio proxecto en exposición pública recoñécese a afectación de catorce xacementos de xeito “moderado” e severo.

As áreas naturais de monte Formigoso, Chan de Arquiña, Chan de Gagán, Chan de Xestoso, Serra Domego, Chan da Carqueixa, Chan de Pedras Negras, Os Candóns, Chan de Goa, Serra Basil e Outeiro da Charamiza, así como Monte Faro de Domaio e Coto do Home -os montes máis altos da península do Morrazo- veríanse afectados polos movementos de terra e a construción de pistas de acceso. Así como os nacementos dos ríos Loira, da Fraga, Miñouba e Riomaior, estes dous últimos con saída na súa desembocadoura dentro do LIC da enseada de San Simón.

Por moitas medidas correctoras que propoña a empresa para protexer o entorno natural e os xacementos arqueolóxicos, estes non van estar exentos de alteración e perigo de desaparición. Ademais, está recoñecida a gran mortandade de aves que provocan os aeroxeneradores sen que existan medidas correctoras que o eviten.

Desde o punto de vista económico estamos ante un proxecto especulativo baseado nas cuantiosas subvencións que pode recibir a empresa por construír o parque eólico, cartos que non se van reinvestir na comarca. Pola contra, a afectación económica ás comunidades de montes de Marín, Vilaboa e Moaña sería grande ao non poder desenvolver a explotación forestal e perder o uso dunha grande extensión de terreo. Na práctica, e amparada pola lexislación existente, a empresa farase cos terreos que precise por un prezo irrisorio. Ben pola expropiación ou por un arrendamento, en función dos intereses de Enel Green. Economicamente para os nosos concellos sería un investimento gravoso.

Temos que ter en conta, a maiores, que a enerxía producida vai ser adicada á exportación e non beneficiará ao consumo doméstico ou empresarial do Morrazo, nin tan sequera cunha redución no prezo da electricidade.

Temos que lembrar que a zona é empregada para a práctica do parapente, sendo Pedras Negras unha zona de despegue habitual. O Morrazo conta cunha das asociacións máis importantes para a práctica desta actividade de toda Galiza con socios do Morrazo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e Ourense que se desprazan á nosa comarca, sendo uns magníficos embaixadores dos nosos valores naturais e paisaxísticos.

Demandamos dos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa que se posicionen contra este negativo proxecto e demanden da Xunta de Galiza, que é a Administración que o ten que autorizar finalmente, que non permita a instalación na península do Morrazo deste parque eólico. Preservando unha zona de grande interese medioambiental e paisaxístico. Queremos animar a todas as persoas interesadas en coñecer esta “monstruosidade” a que acudan aos concellos onde está exposto o proxecto e a presentar alegacións solicitando a súa retirada.

Proxecto do parque eólico en Pedras Negras.Proxecto do parque eólico de Pedras Negras.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: