Publicado por: MontePituco | 04/10/2012

ANDAINA ENTRE CASTROS E PETROGLIFOS POR SILLEDA

Tivemos noticia hai uns días de que nunha parroquia do Concello de Silleda, San Miguel de Oleiros, ía poñerse en marcha un proxecto moi semellante ao que Defende o Monte Pituco e un feixe de colectivos máis do ámbito do Morrazo e Pontevedra, vimos arelando dende hai tempo. É unha sorte de Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, “á silledense”. Neste caso, reúne un conxunto de petroglifos, mámoas e castros que se queren poñer en valor para darlle un impulso a esta zona dende o punto de vista turístico, social e cultural. Este sábado día 6, a partir das 10:30 horas, organízase unha andaina pola zona, guiada polo arqueólogo Israel Picón que, xunto co xeógrafo Afonso Leal, está entre os promotores desta encomiable iniciativa.

Mais non é ouro todo o que reloce. A valía dos elementos arqueolóxicos (o Castro Montaz e Castro das Orelas, máis unha ducia de petroglifos e dúas mámoas) está máis que xustificada pero, unha vez máis, é o compoñente humano o que falla. Malia que o proxecto ten o apoio do Concello de Silleda a través do seu departamento de Cultura e Turismo, e que foi presentado á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para que apoie a súa materialización, de quen depende que este roteiro exista, se sinalice e se dote das ferramentas de promoción necesarias, é dos propietarios das 400 fincas inscritas no radio de acción do espazo arqueolóxico. Só unha pequena parte aceptan ceder o uso -nada que ver coa propiedade, da que sempre serían titulares- dos terreos. A maioría teñen unha concepción moi “utilitarista” da terra: hai moito tempo que non a cultivan nin lle sacan máis proveito que a caza de xeito esporádico, descoñecen a riqueza patrimonial dun lugar tan privilexiado, mais, coma o can do hortelán, que nin come nin deixa comer, non ven con bos ollos que se leve a cabo un plan de acondicionamento do espazo para que reciba visitas.

Ogallá esta andaina teña tanto éxito de público que lle abra os ollos a quen non ten a altura de miras suficiente para apreciar os efectos beneficiosos deste proxecto: porque a afluencia de xente contribuirá a un maior control da zona que evite a proliferación de incendios forestais, porque dinamizaría a economía da parroquia coa chegada de potenciais consumidores, porque co tempo estableceríanse lazos identitarios entre a terra e a veciñanza que a habita, orgullosa de dispór tan preto dunha herdanza histórica e cultural tan valiosa, e implicada por tanto na súa conservación.

Todo isto poderíase aplicar ao ámbito xeográfico do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, con algunhas diferenzas:

-non engloba unha única parroquia, senón un terreo que abrangue tres concellos: Marín, Pontevedra e Vilaboa, o que redunda en maiores posibilidades de obter financiamento ao tratarse dun proxecto supramunicipal e mesmo supracomarcal.

-non só contempla elementos arqueolóxicos, senón tamén enclaves de interese paisaxístico con espectaculares panorámicas sobre a ría, no ámbito dun espazo protexido como son os Montes do Morrazo.

-malia todo, a relativa falta de interese por parte dos propietarios de terreos en San Miguel de Oleiros en que se leve a cabo esta iniciativa, é un “mal menor” que non ten punto de comparación coa grave problemática que lle afecta ao Espazo Sete Camiños: dunha parte, a intención do Concello de Marín de instalar un polígono industrial no ámbito nesta zona, e doutra, a actitude inxustificable da Comunidade de Montes de San Xulián, que en vez de defender o seu monte, está a favor da urbanización do terreo para obter a cambio unha compensación económica.

-e todo isto, a pesar de que no ámbito de incidencia do polígono existen gravados rupestres perfectamente catalogados e protexidos a nivel legal como Bens de Interese Cultural; e máis aínda, que a orografía natural da zona caracterízase polo seu forte desnivel que obrigaría a construir taludes e a modificar a fisonomía do terreo de tal maneira que se provocaría un impacto paisaxístico brutal, amén da afectación doutros bens, como os mananciais subterráneos de auga que fornecen os habitantes da zona.

Grazas á iniciativa de Afonso Leal e Israel Picón, e á boa predisposición da Asociación de Veciños de San Miguel de Oleiros, esta parroquia vai figurar no mapa por unha boa causa. Pola contra, San Xulián de Marín vaise converter nunha mancha escura, en vez de brillar con luz propia se apostara por converter o monte no seu mellor activo a nivel forestal, pisaxístico e cultural: como continuación dos visitantes que inician o percorrido nos petroglifos de Mogor, que seguen no castro da Subidá e rematan no Monte Pituco e nos Sete Camiños; ou mesmo como alternativa ao turismo de sol e praia.

…Como di o refrán, Deus dálle pan a quen non ten dentes.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: