Publicado por: MontePituco | 05/09/2012

‘TERRAS DE PONTEVEDRA’ APOSTA POLO PATRIMONIO RUPESTRE

Esta tarde celebrouse o pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra, á que pertence o Concello de Marín xunto cos de Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro. Son tempos difíciles nos que cómpre renovar a oferta turística con produtos novidosos que atraian a atención dos visitantes; e o patrimonio cultural parece ser, segundo os expertos, un dos principais reclamos. Terras de Pontevedra vén de trazar unha oferta turística estratéxica fundamentada nas potencialidades do territorio. O Plan de Actuación 2012, que contempla a posta en marcha de novas medidas de promoción ata fin de ano, será ratificado nos vindeiros días pola comisión de seguemento do convenio asinado coa Secretaría Xeral de Turismo, cun investimento total de 145.000 euros.

…Un bo puñado de euros que se deberían investir en proxectos solventes e demandados pola sociedade. Chega ao peirao de cruceiros de Vigo un barco de pasaxeiros cunha curiosidade voraz e cunha elevada capacidade adquisitiva. Que se lles viña ofrecendo? Saír de excursión por Vigo, por Baiona, por Santiago. Por que non atraer ese público cara ao contorno de Pontevedra, onde hai fitos ben interesantes que visitar?

Artellarase unha promoción conxunta baseada no patrimonio histórico e na arte rupestre dos concellos, así como nos seus elementos etnográficos, segundo trascendeu do pleno. Na xuntanza tamén se decidiu artellar visitas guiadas a diversos recursos culturais e naturais a través de roteiros accesibles para persoas con mobilidade reducida. E reforzarase o turismo familiar que, segundo os datos estatísticos, é dos que maior oferta global require e máis gasto deixa nos lugares polos que pasa.

As decisións adoptadas pola Mancomunidade de Terras de Pontevedra son o marco para reivindicar novamente, dende DEFENDE O MONTE PITUCO, que cese o tratamento discriminatorio que dende Administracións como o Concello de Marín se dispensa a conxuntos arqueolóxicos perfectamente catalogados como os de Pornedo, Sete Camiños ou Pinal de Caeiro, malia o estado de abandono no que subsisten, e o descoñecemento que ten a poboación sobre a existencia destes recursos. Xa se denunciou o pasado mes de xullo no artigo titulado “As eivas no plano turístico do Concello de Marín“, que só ten en conta os petroglifos de Mogor, o castro da Subidá e as mámoas de Pedralonga e Chan da Armada, obviando estoutros gravados ubicados na parroquia de San Xulián.

Fronte á inacción do concello de Marín ante a súa obriga cultural e legal de velar pola conservación do patrimonio histórico, o concello veciño de Pontevedra está potenciando cada vez máis os seus recursos, en liña cos plantexamentos que se adoptan na Mancomunidade Terras de Pontevedra. Pero máis aló dunha suposta rivalidade política, ou mesmo das diferenzas ideolóxicas entre gobernos de distinta cor, é a propia sociedade a que está demandando a protección e a posta en valor destes elementos, xa non só polo factor identitario que leven asociado, senón como motor de desenvolvemento económico. E aí Marín está desaproveitando unha cuestión que noutros municipios con máis intelixencia e maior perspectiva de futuro aproveitarían sen dubidalo: porque Marín non partiría de cero, senón que existe un colectivo social, a comisión técnica para a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que xa ten un proxecto desenvolvido.

Un proxecto que non se limita aos recursos arqueolóxicos dunha única localidade, senón que abarca o patrimonio arqueolóxico de Marín, Pontevedra e Vilaboa, os tres integrados na Mancomunidade Terras de Pontevedra. Non é de recibo, pois, que os recursos económicos dispoñibles para potenciar a arte rupestre se destinen a elementos que están suficientemente amortizados -Mogor, Subidá-. Por máis que estes precisen un mantemento continuo na súa conservación, outros en cambio están na máis absoluta deixadez e teñen mérito abondo para formar parte dun circuito oficial de sendeirismo que uniría todos eses obxectivos que persegue Terras de Pontevedra: turismo cultural, turismo familiar, turismo accesible. Hai que ser negad@ para non velo.

O goberno local de Marín non ten excusa. Cando noutras localidades hai colectivos que sen a penas mediación institucional ou directamente sen axuda de ningún tipo -Capitán Gosende en Cerdedo, Outeiro en Ourense, o Instituto de Estudos Miñoranos no Val Miñor, por citar uns exemplos- están traballando a prol dun ben común como é o patrimonio histórico, este concello non pode alegar falta de implicación social cando hai unha vintena de organizacións veciñais e culturais da bisbarra apoiando a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

…Que para máis, ten unha ubicación estratéxica próxima ao centro de Marín, de Pontevedra e ao Lago de Castiñeiras. E que lle ofrece aos visitantes espazos de lecer ou de recepción que, no caso do monte de San Xulián, ben poderían ser a área arborada a carón da estrada de Figueirido -recentemente desbrozada despois de moito insistir nesta petición-, e a área recreativa que, aí si, procede un mínimo investimento para acondicionar o espazo que leva varios anos  destrozado a consecuencia dos actos vandálicos e da deixadez da Comunidade de Montes.

Máis doado, imposible. O que hai é unha evidente ausencia de vontade política.

* Máis información dos elementos arqueolóxicos situados no ámbito do Pornedo, na sección Arte Rupestre.


Deixar un comentario

Categorías