Publicado por: MontePituco | 03/09/2012

UNHA TARDE NO ALTO DO PORNEDO (II)

Tarde solleira e calurosa, a penas sen brisa que refresque o ambiente. “Verán quente, setembro ledo”, di o sabio refraneiro. Na subida ao Pornedo, coma sempre, en todas as épocas do ano, cores e formas suxerentes. A natureza cambiante, que nunca deixa de sorprender o camiñante curioso.

No sendeiro do ascenso, en cambio, seguimos comprobando con certo pesar que persisten algunhas asignaturas pendentes. Lacras que non son alleas a outros montes, pero que no Pornedo custa especialmente erradicar. A presenza de verquidos denota que vivimos rodeados de individuos que carecen do máis mínimo sentido da responsabilidade; que son a antítese da elegancia e do civismo, que fan da zafiedade e do vandalismo o seu patético sinal de identidade.

Por outra banda, na recta final do verán tería sido oportuno que a Comunidade de Montes puxera en marcha un plan de acondicionamento de pistas forestais. A do Pornedo leva moito tempo urxindo tarefas de acondicionamento: non só do firme, que está moi erosionado polo tránsito de vehículos e, sobre todo, pola baixada de augas pluviais; senón tamén das canalizacións laterais, que están obturadas por desprendementos de terra, por verquidos ilegais que os desaprensivos volcan a mantenta, e polo exceso de vexetación, como xestas, fentos ou silveiras, algunhas mesmo do grosor dun dedo.

A mediados do pasado mes de agosto, descubriamos que se realizaran tarefas de colleita de herba, fento e toxo que cubrían o campo do Pornedo (ler o artigo “Unha tarde de domingo no Alto do Pornedo“), tal vez para destinalo a estrume. Proba de que o monte segue cumprindo unha función agrícola, positiva. Uns días despois, o Alto do Pornedo xa está reverdecendo, renovándose.

O pasado mes de agosto descubriamos varios buratos excavados no camiño, de pouca profundidade, con algunhas plumas e pegadas de animais ao redor. Algúns expertos atribúen a súa autoría a raposos en fase próxima a abandonar a raposeira. Nesta ocasión, ante unha das excavacións de maior profundidade, preguntabámonos que podería haber no interior, escuro e inaccesible a simple vista. Introducimos a cámara, prememos no disparador, e actívase o flash…

…N-a-d-a…

Outras pegadas, en cambio, son inconfundibles. Todos os indicios apunta a unha única especie: Mecanicae tracto vehiculorum.

O que nunca deixa de chamar a atención é a cantidade de bolboretas de diferentes variedades que revoan no Pornedo, entre a vexetación. Buscarán o néctar dos carrascos e das flores do toxo, ou será cuestión da temperatura, pero a todas horas, diurnas e nocturnas, é raro non atopalas -todas interesantes e de cores chamativas- batendo as alas. Os afeccionados a estes insectos teñen aquí un punto de observación moi atractivo.

(Dúas bolboretas en actitude de confraternización).

(Bolboreta nocturna, imaxe tomada con flash automático).

Os penedos son un dos elementos característicos do Monte Pornedo, que antano debeu ter rochas monumentais. As máis das que puido haber non chegaron aos nosos días debido á acción humana. Moitas das vivendas construidas nas aldeas próximas probablemente se ergueron grazas aos bloques de pedra extraídos das canteiras que houbo neste lugar. Afortunadamente os canteiros respectaron gravados rupestres como os do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro. Nembargantes, aínda que outros foran parar aos muros dalgunha casa, os restos das canteiras constitúen tamén un sinal identitario da historia de Marín e da súa economía local. Os historiadores teñen aquí un tema inédito no que pagaría a pena investigar.

Pola tranquilidade do lugar, pola súa cercanía, pola paisaxe que se divisa dende o miradoiro, pola unión de patrimonio e natureza… hai moitas razóns para visitar o Pornedo. Pero cando veñas…

…Leva de volta o teu lixo, non o deixes tirado!

Cando se achega o momento máxico do solpor, a luz vaise tornando horizontal, o monte ilumínase de matices dourados.

O sol acariciando o dourado do trigo

quizais diga a palabra que eu non che sei dicir.

A sombra dunha dalia nun espello,

vagabunda sorrisa.

¿PENSOU ALGUÉN QUE A LUZ NON SE TOCABA?

[Miguel González Garcés: “Sede e luz” (1986)]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: