
A Volta a España pasou por Marín. Toda España puido gozar de estupendas imaxes aéreas da vila; unha promoción que lle pode reportar importantes beneficios ao Concello, cunha achega económica por parte das Administracións públicas que por activa e por pasiva califican como “un investimento, non un gasto”. Pero calquera que estivera atento á retransmisión en directo da TVE, decataríase de que os realizadores evitaron emitir imaxes pouco favorecedoras da paisaxe. Alguén viu a fábrica de Ence? Moitas praias, moita panorámica aérea da cámara situada no helicóptero que sobrevoaba o trazado da carreira, moito plano secuencia a pé de asfalto dos corredores ao seu paso polos puntos máis emblemáticos, pero estampas como a da fábrica non pasaron o filtro do esteticamente correcto. Non pode ser casual que puxeran publicidade nese preciso momento no que o pelotón circulaba por detrás do complexo industrial.
A cuestión é que o Monte Pornedo está -visualmente falando- por encima da Casa do Concello. Segundo os ciclistas avanzaban dende a Praza de España á Avenida de Ourense, a pouco que levantaran a mirada estarían vendo o Pornedo; o mesmo que as cámaras instaladas nas motos que seguen a evolución da carreira a pé de estrada. Marín non podería presumir -a nivel nacional e mesmo internacional, tendo en conta a audiencia potencial dun acontecemento deportivo destas dimensións- dun Concello onde unha das zonas máis visibles dende numerosos puntos de vista -dende o propio centro da vila, dende a beira da ría- alterara considerablemente a súa fisonomía para convertela nun polígono industrial dun impacto brutal. A imaxe de Marín sería absolutamente INVENDIBLE.
Cómpre lembrar, neste sentido, as conclusións do informe técnico presentado nas alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais:
“A localización do parque empresarial no alto dun coto fai que sexa visible desde unha ampla zona. Analízase a intervisibilidade, os puntos dende os que se podería contemplar o perímetro do parque empresarial sobre o conxunto da ría de Pontevedra, realizando unha análise mediante un sistema de información xeográfica. O parque empresarial, sería visible dende todo o litoral norte da ría de Pontevedra (Combarro, Sanxenxo, etc) e parte do núcleo urbano de Marín e Pontevedra. Estímase en 15.300 ha. a superficie dende a cal sería visible o polígono empresarial. Estas son zonas de elevada poboación e uso turístico, polo que a afección á paisaxe e ao desenvolvemento turístico do territorio é moi elevada“.




Se a volta ciclista pasara polo Monte Pornedo sería unha marabillosa publicidade turística para Marín, porque as vistas non teñen nada que envexarlle a calqueira mirador que haixa en Galicia.
Certamente, o Concello non sabe o que se perde se non promociona esas vistas nos routeiros turísticos da nosa vila.
By: pasaba por aquí on 30/08/2012
at 12:58
Por sorte, hai veciñanza que xa goza das paisaxes do Pornedo, dos sendeiros e dos aires deste recuncho sen que ningunha guía lle indique o camiño. Pero por desgraza, tamén, porque as moedas teñen cara e cruz, esta invisibilidade serve para que os desaprensivos se ceben facendo mal neste contorno, cando debería ser un referente de coidado da natureza e do patrimonio.
Grazas, todo se andará.
By: MontePituco on 03/09/2012
at 16:35