Publicado por: MontePituco | 09/01/2012

OS ‘CRITERIOS’ PARA ANUNCIARSE NA CASA DE ‘CULTURA’ DE SAN XULIÁN

A calidade da imaxe é mellorable, pero suficiente para percibir o material informativo que se exhibe no tablón de anuncios situado no recibidor da Casa de Cultura de San Xulián: un cartel coas actividades que realiza a Asociación Cultural Airiños de San Xulián nestas instalacións, cartaces que anuncian a escola de baile tradicional, cursos de coiro e de teatro, un plano requetevisto indicando o alcance das diversas franxas de seguridade da Brilat, outro cartelón requeterreseso co calendario de actividades da Casa de Cultura o pasado mes de decembro de 2011, un anuncio ben xeitoso do partido de fútbol no estadio de San Pedro…

…Non me digan que no medio dese batiburrillo de anuncios, uns aínda vixentes, pero outros sobradamente caducados e susceptibles de seren retirados para poñer outros de interese para os comuneiros da parroquia, non cabe a invitación da estrea do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”, que se celebra este venres día 13 ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Con esa inocente intención presentámonos este fin de semana na Casa de Cultura e pedimos permiso para poñer o noso modesto cartaz. Unha camareira do bar indícanos amablemente que non ten acceso á chave que abre o cristal tralo cal está o panel, pero que se o pegamos fóra, máis tarde o poñerá a persoa responsable desa tarefa.

Dous días despois descubrimos con decepción, mais non con sorpresa, que o cartaz dos Sete Camiños non está nin dentro do tablón acristalado, nin fóra, onde o deixaramos pegado. Se pediramos que nos amosaran o cubo do lixo, moi probablemente o papel estivera alí, feito un gurruño. Preguntámoslle á camareira -unha das tres que atenten a taberna- pola persoa responsable de conceder ou denegar eses “permisos”, e guíanos ata a primeira porta á esquerda no primeiro andar do edificio.

Atopámonos un taller de costura -do cal non hai noticia nos anuncios situados no tablón do piso inferior- e a directiva da Comunidade de Montes que está ao cargo responde que no panel só está permitido poñer anuncios “internos” referentes ás actividades que se realizan na Casa de Cultura. Intentando razoar, coméntaselle que o documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo” trata sobre asuntos de interese para os comuneiros da zona, posto que o espazo abarca os montes de Salcedo, Lourizán, Vilaboa e, por suposto, San Xulián.

Non lle parece razón abondo e volve insistir en que “son as normas da casa”. E onde están escritas?, pregúntaselle. Daquela a súa contestación, de forma un tanto airada, é: “…mira que es difícil!”. Que foi como dicir ‘porque o digo eu’, porque o regulamento da Casa da Cultura de San Xulián non está exposto publicamente en ningures, nin se lembra que fora proposto en ningunha asemblea de comuneiros. Haberá unhas normas de “convivencia” lóxicas para os usuarios habituais das instalacións con motivo da celebración de actividades formativas ou lúdicas, no referente ao coidado e bo mantemento das instalacións, pero non parece de recibo que se rexeite a colocación do anuncio dunha actividade concernente aos montes da parroquia, por máis que a Comunidade de Montes non teña que ver coa convocatoria.

A única alternativa que se nos dá é poñer o anuncio nun tablón de madeira que hai fóra, a varios metros da Casa de Cultura, a carón da beirarrúa. Para iso non cómpre pedirlle permiso aos directivos da Casa de Montes nin argumentar o interese da actividade, porque non deixa de ser un panel de madeira, á intemperie, co anuncio exposto a unha ráfaga de vento, á humidade, e ás mans desaprensivas e perversas empeñadas en que non se publicite unha actividade que non conta co apoio da Comunidade de Montes de San Xulián, a diferenza das Comunidades de Montes de Lourizán, de Salcedo e de Vilaboa, que levan dous anos apoiando o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Noutras casas de Cultura dentro deste Concello son benvidos os cartaces, os folletos e os anuncios de actividades sociais e culturais que se promovan na vila ou que teñan Marín como parte implicada. Na Casa de Cultura de Seixo, na Casa de Cultura de San Tomé, todo son facilidades: lembremos o caso de Samaín, o grupo de rock ao que pertence un mozo de San Xulián, e ao que a directiva da Comunidade de Montes lle negou a posibilidade de ensaiar co resto da banda nunha das salas da Casa de Cultura da parroquia, polo que acabaron trasladándose a Seixo, onde lles abriron as portas de par en par.

Antes de abandoar a Casa de Montes de San Xulián, dando por imposible o razoamento con quen nos impide poñer o cartaz dos Sete Camiños, deixamos caer unha oportuna observación: se no panel acristalado só teñen cabida as actividades internas, que fai o aviso do partido de fútbol do domingo pasado no campo de San Pedro? “Está mal posto, e xa o retiro agora”, resposta a “xefa” do tenderete. “Non muller, por nós non o quites”, contestáselle xa, escaleiras abaixo, pensando en que, se cumpre o que di, vai quedar aínda máis espazo baleiro. Por nós, que non prive aos parroquianos de teren ben seco e planchadiño o seu anuncio do partido de turno, mentres outras actividades de tanto ou máis interese para os intereses (valla a redundancia) e para a información dos comuneiros, se teñen que anunciar precariamente nun pedazo de madeira, chova, vente, ou faga sol.

Saímos do edificio e volvemos a vista atrás. A carón da porta da entrada, con letras de metal en relevo, dúas palabras: “Centro Cultural” de San Xulián.

…Perdón, centro que…?


Responses

  1. Moitas veces as aparencias enganan. A de San Xulián é unha Casa de Cultura onde sobra cantería de luxo pero faltan sensibilidade e interés pola Cultura. Os veciños non se merecen iso.
    Non pode ser que tres ou catro persoas manexen ó seu antollo todas as actividades e tomen decisións caprichosas en nome de todo o vecindario sin consultar con ninguén.
    Un Centro Cultural debe atender as necesidades de todos, non sólo as de futbolistas, gaiteiros e costureiras.
    Aínda que non o pareza, hai xente que está interesada nos documentais, na lectura ou en calquera outra expresión cultural.
    Eu animo a tod@s os veciños de San Xulián a que reivindiquen a pluralidade nunha casa Casa que é (ou tería que ser) de tod@s.
    Saúdos

    • Pero usted que di, notase que non ben pola casa da xunta de montes de Xan Xulian, a continuacion boulle redactar as actividades impartidas no centro cultural : Clases de instrumentos tradicionales , gaita , pandereta , tambor , cumchas , piano , acordeón , guitarra , bongos , timbales , etc…. , Clases de baile tradicional e baile latino, clases de pintura , clases de bordado a man , calceta, ganchillo e corte e confección , manualidades varias como pintura , diademas , coiro etc.. Guimnasia cardio bascular , informatica etc.. Aparte de ensallar varias asociaciones de la parroquia como airiños de San Xulian , fentos e frouma e os da caña , asique antes de falar de o que temos ou deixamos de ter INFORMATE! un saludo..

      PD: e perdona intento contestarche na misma linguaxe pero non sei falar o Galego . -DIRIJIDO A PASABA POR AQUÍ.

      • …Señorita Andrea, cabalga de novo. Pois aquí lle vai a miña contestación; supoño que “Pasaba por aquí” tamén terá unhas palabras para vostede…
        Está moi ben toda esa relación de actividades. Mágoa que igual de aquí a pouco tempo a oferta de cursos se reduce drasticamente porque, polos datos que nos transmitiron fontes ben informadas, A COMUNIDADE DE MONTES PRETENDE COBRARLLES AOS PROFESORES QUE IMPARTEN OS OBRADOIROS, POLO USO DAS INSTALACIÓNS. Noutros centros culturais dos arredores, como o da Casa de Montes de San Tomé, a comunidade non só non lle cobra nin un céntimo aos colectivos culturais que realizan aí as súas actividades, senón que lles pagan unha cantidade económica para que sigan dinamizando a parroquia. Cun afán absolutamente RECAUDATORIO, e dun xeito totalmente ARBITRARIO, posto que, polo visto, uns van quedar exentos de pagar e outros non (sen que se saiba cales son os criterios que aplican) a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián, sen convocar ningunha asemblea veciñal e dun xeito UNILATERAL, decide aplicar esa medida que o único que vai conseguir é ESPANTAR ás persoas que daban esas clases, que acabarán marchando cos seus alumnos e alumnas a outros centros culturais onde non teñan que pagar ningún IMPOSTO por contribuir a espallar a cultura, o exercicio físico, a saúde e a formación dos veciños e veciñas da zona.
        Vaia por diante o noso recoñecemento ao labor de Airiños de San Xulián, colectivo do que xa temos falado anteriormente nesta páxina a propósito da celebración do Festival Virxe dos Remedios. Un recoñecemento que facemos tamén extensible a Fentos e Frouma, que leva moitos anos traballando a prol do noso folclore e das nosas tradicións.
        Sen ánimo de faltarlle a ninguén (pero é que non o podo resistir), ogallá a directiva da Comunidade de Montes teña a ben programar unha actividade máis nese amplo abano de cursos do que presume: algún clube de lectura, algún taller de escrita, ou algún obradoiro de primeiros auxilios para os diccionarios da Real Academia Española e da Real Academia Galega. (Meus pobres… canta patada!).

        …”Pasaba por aquí”, é o teu turno.

    • Mire, señorita Andrea, excusa vir máis veces por este blog a mentir descaradamente, a difamar e a cuestionar a educación de quen suscribe estas palabras. Con esa descrición que acaba de expoñer, tan afastada da realidade, o único que fai é retratarse a si mesma como o que é: unha FALSA e unha mentireira sen escrúpulos e sen personalidade propia, que o único que fai é actuar como “a voz da súa ama”, ou da súa “profesora”, neste caso. Pero precisamente lle dou de alta o comentario para poderlle responder nestes términos tan rotundos: non teñen vostedes NINGUNHA CREDIBILIDADE. Irán “todas a unha” e poranse de acordo para TERXIVERSAR o que aconteceu, aproveitando a súa superioridade numérica, posto que comigo non ía ninguén máis. Deberíalles dar vergoña a súa actitude por faltar á verdade dun xeito tan flagrante, e por faltarlle ao respecto á persoa que fixo o comentario anterior, que arestora debe estar esmendrellándose de risa de todas vostedes.
      Para que lle quede claro, por se en vez de estar vostede naquela sala, estaba vostede noutro lugar, ou abducida por algún ente extraterrestre, non ocorreu ningún percance. Petei na porta suavemente, abreuna esta señora, e saudei breve, pero educadamente. Non estiven no interior da sala para nada, quedei a carón da entrada porque ninguén tivo o detalle de invitarme a pasar. E dende alí, coa porta entornada, expúxenlle a esta señora a miña petición, que rexeitou unha e outra vez cos seus argumentos, por chamarlles dalgunha maneira, porque non deixaban de ser excusas. Non dei ningún berro, tampouco o dou a señora profesora, e toda a conversa transcorreu sen unha voz máis alta que outra, da maneira máis normal. Ao ver que non había posibilidade de convencela para que me deixara poñer un simple cartel no tablón de anuncios, deille as grazas por atenderme e baixei polas escaleiras. E parei diante do panel para ver os anuncios que había. Chamoume a atención o cartaz do partido de fútbol, primeiro, porque xa se celebrara o domingo e alí seguía posto, e segundo, porque non tiña nada que ver coa casa de Cultura, porque segundo me acababa de dicir esta señora, esa era a condición para poder poñer un cartel. Así que decidín subir outra vez para dicirllo. Petei de novo, abreu a porta, fíxenlle esa observación dende fóra, e contestoume que ese cartel estaba mal posto e xa o ía sacar, ao que lle contestei que non se molestara. E volvinme despedir despois de darlle outra vez as grazas.
      …E máis nada, señorita Andrea, máis nada. Mentir está moi feo, sabe? Non llo dixeron na casa e na escola cando era vostede pequena? Teña un pouquiño de decencia, faga exame de conciencia e RETRÁCTESE, faga o favor.

  2. Moitas grazas, “Pasaba por aquí”. Volvemos concordar unha vez máis en que a xestión dun verdadeiro Centro Cultural non se pode facer de forma sectaria e caprichosa. A persoa que negou, con tan febles argumentos, a posibilidade de poñer un simple cartaz (e tiñámolos de todos os tamaños, pequeno, mediano e grande, non fora ser que saíra coa excusa de que “non” había espazo para máis anuncios) é a mesma que acude aos plenos no medio daqueles que “a título persoal” (xa, xa…) portan cartaces co lema “polígono xa nos Sete Camiños”.
    É máis que evidente que esta persoa da directiva da Comunidade de Montes o que non quere é que se publicite na Casa de Cultura na que é “a xefa”, unha actividade que vai contra os seus intereses. E por tanto, utiliza o seu “cargo” para silenciar voces discordantes e ben documentadas que apostan xusto polo contrario do que eles están empeñados en facer contra vento e marea.
    Para a corrente de pensamento “oficial”, o tablón de anuncios superfashion, co seu cristal para que se vexa ben o tempo que faga falta, e para o resto, o cacho de madeira á intemperie. Velaí esta peculiar vara de medir.
    Saúdos.

    • Buenas tardes a todos los conectados…
      He tardado en recuperar el estado de shock en el que e quedado cuando mire estos comentarios pateticos , puesto a que yo soi una de las alumnasde las clases de corte y confección impartidas en el centro cultural de la comunidad de montes de San Julian , yo estaba presente en el momento de dicho percance del cual solo es verdad su interruccion a gritos en la clase , como una absoluta maleducada sin decir nisiquiera las buenas tardes a los presentes y entrar como una autentica ”loca” !! y faltando el respecto a nuestra profesora dicha tambien es la tesorera de la comunidad de montes! y ella sabra lo que tiene que poner en el tablon de anuncios mejor que usted. !!

  3. Señorita Andrea, eu non vou entrar en polémica con vostede porque ó fin e ó cabo sólo é unha alumna dun curso de corte e confección. Iso faime pensar que nin pincha nin corta (valga a redundancia) no tema dos carteis informativos, vamos, que non manda nada.
    Eu, a verdade é que nunca escoitei a Montepituco decir unha palabra mais alta que a outra. Na miña presencia nunca berrou e sempre dou os “bos días, boas tardes, e se estades a comer que aproveite”.
    Dispense se me da un ataque de risa imaxinando cómo entrou a berros no cuarto onde estabades as “señoritas” e rompeu a vosa beatífica paz, dándovos tal susto que a traxectoria das tesoiras errou o seu rumbo e se vos destragaron as prendas.
    Aproveito a ocasión para invitala mañá venres a que acuda ó teatro Principal para disfrutar do documental, xa verá cómo lle encanta.
    Boas tardes señorita

    • Maxistral, coma sempre, “Pasaba por aquí”.
      …Mais non te molestes en invitar a señorita Andrea á presentación do documental. Tanto ela como as súas ilustres compañeiras de corte e confección deberon entrar outra vez en “estado de shock” debido ao insoportable eco dos meus berros retumbando nos seus delicados oídos.
      Boa tarde.

  4. […] como mostra, o que contabamos en xaneiro de 2012 no artigo titulado “Os criterios para anunciarse na Casa de ‘Cultura’ de San Xulián”, sobre a arbitrariedade coa que se poñían según que anuncios de actividades e presentacións […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: