
Este pasado fin de semana varios representantes das comunidades de montes integradas na Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común reuníronse en Pontevedra para avaliar o anteproxecto da Lei de Montes de Galicia, que se vai debater entre marzo e abril de 2012 no Parlamento galego. A conclusión da xuntanza foi que, malia aplaudiren as melloras que se lle introduciron ao documento na súa fase de elaboración, aínda segue habendo aspectos moi mellorables, polo que nin a Organización Galega de Comunidades de Montes, nin Adega, nin o Sindicato Labrego Galego, nin a Federación Rural Galega, que tamén asistiron á asemblea, apoiarán a Lei de Montes mentres non se acometan no seu articulado outras reformas que propoñen.
Entre os participantes estaban os voceiros das Mancomunidades de Montes do Morrazo e de Pontevedra. A Comunidade de Montes de San Xulián, como vai -erradamente- por libre (ou en caída libre) e non comparte ningún criterio de sustentabilidade, nin defende a multifuncionalidade do monte, nin nada de nada do que representa esta Organización, brillaba (e seguirá brillando mentres non chegue outra directiva máis preparada e profesionalizada) pola súa ausencia. A continuación, a crónica desta asemblea xeral extraordinaria.
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común expresou a súa satisfacción ante as enmendas practicadas, a propuesta deste colectivo, no borrador da Lei de Montes de Galicia. “Fomos quen de avanzar en temas importantes e puxéronse trabas para unha posible privatización” do monte veciñal, destacou o seu presidente, Xosé Alfredo Pereira.
O anteproxecto da Lei de Montes de Galicia, aprobado o pasado 9 de novembro, podería someterse a debate parlamentario a partir do vindeiro mes de marzo de 2012. Mentres tanto, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais pretende reunirse cos responsables dos distintos grupos políticos para seguir perfilando o documento, explicou Pereira.
Xosé Alfredo Pereira indicou que o “intento” de privatizar os montes remóntase xa ao ano 1995 e que “ata hoxe, porque existe un grupo de comunidades organizadas e unidas, puidemos evitalo”. Aínda que o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes considera que existen aspectos negativos, cualifica de “importantes” os avances e prevé que “se a lei saíra tal e como está, xa complicamos moito a privatización dos montes”.
PROPIEDADE XERMÁNICA
Entre as enmendas introducidas, Pereira sinalou que “aceptaron a definición da propiedade xermánica do monte veciñal”, así como a negativa a que as comunidades de montes teñan personalidade xurídica “senón capacidade plena para os seus actos”. En cambio, criticou que “non avanzamos nada” en aspectos como a protección do monte e as “obrigas” da Xunta ante o monte veciñal, do que xa non efectuará deslindes.
Pereira advertiu dun “perigo importante” en relación á xestión dos montes veciñais situadas no interior de Galicia, onde hai pouca poboación e envellecida: “Deixaron a porta aberta a unha posible apropiación polas empresas de cultivos enerxéticos”, asegurou o presidente da Organización Galega de Comunidades, que calcula que pode haber unhas 400.000 hectáreas de terreo nesa situación.
INCENDIOS
Ademais, considera “bastante negativo” que no anteproxecto se elimine a prohibición de forestar 50 hectáreas de monte continuadas tal e como contempla a lei actual de prevención e defensa contra incendios, o que dá pé, alertou Pereira, “a que todo o monte galego se convirta nunha base de cultivos enerxéticos”.
Tamén “empeora moito” a aplicación do concepto forestal ao monte, fronte ao que a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais considera só “un aspecto”, ao que se engaden outros, como a produción de mel, cogumelos, castañas e outros productos que, en conxunto, constitúen a dimensión “multifuncional” destes terreos.
Precisamente, Xosé Alfredo Pereira amósase partidario de “camiñar cara a un monte sustentable, cousa que comezaramos a facer durante o anterior goberno bipartito”. Trátase dunha das causas polas que, segundo Pereira, se producen incendios forestais, que non atribúe unicamente á comisión de accións delictivas.
“A política da Xunta sobre incendios é negativa e xa se avanzou cara atrás”, criticou o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, que lamentou que “esta política axuda a que haxa incendios, e cada vez máis”. Como exemplo, referiuse a que as subvencións concedidas polo bipartito facilitaban a creación de seis postos de traballo por hectárea, mentres que “este ano como máximo creouse un posto por comunidade” debido á anulación das axudas polo actual goberno.
Fonte: Europa Press Galicia.
O anteproxecto da Lei de Montes de Galicia pódese consultar na web da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.





Deixar un comentario