Publicado por: MontePituco | 15/10/2011

PLENO DE OUTUBRO: NOTA DE URXENCIA

Por motivos profesionais, quen administra esta páxina non puido asistir, moi ao seu pesar, ao pleno ordinario da Corporación Municipal de Marín correspondente ao mes de outubro. Ao seu remate, infórmannos brevemente dunha serie de feitos esperpénticos que aconteceron nesa sesión: non tanto pola presentación por parte de Psoe (co apoio do Bng) dunha moción urxente sobre o PXOM e o chan industrial, como pola presenza de directivos da comunidade de montes de San Xulián portando pancartas nas que reclaman a inmediata instalación dun polígono no Monte Pituco.

…Dende DEFENDE O MONTE PITUCO só cabe expresar vergoña allea ante un comportamento tan necio: unha acción unilateral por parte duns representantes que veñen de “impoñerse” nunhas eleccións que foron impugnadas debido ao incumprimento flagrante duns estatutos que manexan ao seu antollo e comenencia; unha acción unilateral que non se someteu á consideración previa da asemblea de comuneiros; unha acción unilateral na que se investiron cartos da comunidade para elaborar unhas pancartas cuxa mensaxe carece do máis absoluto fundamento, habida conta de todos os argumentos legais e técnicos que desaconsellan a construcción dun parque empresarial nun espazo que non reúne as condicións elementais para acoller semellante infraestrutura; unha acción unilateral que os seus promotores terán que asumir tela exercido a título individual, a risco de acabar asumingo as consecuencias de incumprir unha suposta vontade “popular”, unha vontade “manipulada” polos intereses económicos e especulativos dos directivos da comunidade de montes de San Xulián.

…Ladran, logo cabalgamos!

Un día despois da escenificación dese despropósito -Psoe, Bng, comunidade de montes- DEFENDE O MONTE PITUCO participa nunha andaina reivindicativa por este monte e polo territorio que abarca o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, organizada a petición de dúas asociacións culturais. Que mellor maneira de combater a ignorancia, a torpeza e a prepotencia de quen pretende conseguir un obxectivo “porque si”, recorrendo ao argumento falso e demagóxico da creación de emprego, asoballando os dereitos lexítimos de veciños que disinten claramente dese pseudocriterio baixo o que se agochan intereses escuros; veciños que apostan por outro xeito de xestión do monte que pasa pola ordenación dos recursos madeireiros, a posta en valor do patrimonio histórico e o deseño dun plan multifuncional de aproveitamento sostible, NON DA DESTRUCCIÓN DO MONTE a base de taludes de dimensións desproporcionadas, da perda dos mananciais naturais, e do salvaxe atentado ao medio ambiente, tal e como propón de forma totalmente inxustificada a comunidade de montes de San Xulián.

…Ladran, logo cabalgamos!

 

…ACTUALIZACIÓN: Anotamos a continuación a mensaxe enviada a Monte Pituco por un testemuño deste pleno. (Moitas grazas por ser os nosos “ollos” e “oídos”). 

A moción foi presentada polo PSOE. O BNG apoiouna. 

O discurso de Fran Veiga (Psoe) foi totalmente vomitivo, demagogo e manipulador. Repetía unha e outra vez que a xuventudede Marín está no paro e precisa que veñan novas industrias para Marín porque agora non hai. (A boas horas se acorda). 

Recalcou varias veces que os polígonos grandes que hai por Galicia adiante están valeiros e o Pornedo é un tamaño apropiado. 

Cando Isabel Martínez Epifanio (Marinenses Independentes) lle dixo que o chan do Pornedo, entre unhas cousas e outras, non chegaría a medir mais de douscentos mil metros cadrados e que era mellor Pastoriza, Xosé María Vilaboa (Bng) e mais Francisco Veiga berraron ó mesmo tempo que facelo en Pastoriza sería unha aberración porque é un monte protexido. 

Entón eu berrei dende a miña silla que o Monte Pituco tamén está protexido. 

Sentín murmurios pola banda dos carteis que portaban os da comunidade de montes, pero doume igual.

Non podo soportar a hipocresía dos políticos que van de progresistas cando en realidade non sabe o que esa palabra significa.


Responses

  1. Quedei sorprendida no pleno de onte cando vin entrar a seis ou sete persoas con carteis que decían:
    Os veciños de San Xulián queremos un polígono industrial en Sete camiños XA!
    Mais sorprendida aínda cando Fran Veiga defendeu acalorada, enardecidamente, unha moción urxente solicitando que se pida con caracter INMEDIATO a supramunicipalidade do polígono industrial en Monte Pituco para que empecen coas obras canto antes, xa que a demanda de solo industrial en Marín é moi urxente e hai moitos xóvenes que están no paro agardando que veñan empresas de fora a dar traballo para todos.
    Resaltou Fran Veiga que no Pornedo hai catrocentos mil metros cadrados. O tamaño ideal para este pobo, xa que hoxe en día os polígonos demasiado grandes acaban estando valeiros, e o mellor é ter unha cousa pequena que, ademais é mais barata.
    “Marín non pode agardar un PXOM que vai tardar mais de seis meses en aprobarse, a xuventude precisa un polígono empresarial-industrial Xa!!!”
    Os portadores dos carteis aplaudiron a rachar as paroles de Fran, e Coquito levantouse rapidísima para inmortalizar os carteis coa súa cámara.
    Supoño que a foto sairá no Diario do domingo.
    É a primeira vez na vida que escoito a Fran solicitando chan industrial. E de que maneira!!

    Isabel Epifanio respondeulle que o Pituco non é o sitio mais apropiado e que ademais é insuficiente. E se demandamos a supramunicipalidade, fagámolo ben e pidámolo en Pastoriza, que hai mais espazo e compartiriamos gastos con Moaña.
    María Ramallo sorprendeuse polas presas do ex, e dixo que o PP respaldou a aprobación dun PXOM a pesar de que algúns dos seus plantexamentos non lle gustaban (tal é o caso do polígono no Pituco, xa que eles queríano en Pastoriza), e que hai que agardar a chegada do PXOM, a ver que pasa.
    Fran insisteu en que hai que darse presa porque o día menos pensado hai que botar abaixo os recheos do porto e a xente vai ir ó paro. Miraba para os veciños dos carteis e facíalles xestos de comprensión.

    Non hai coma estar na oposición para amosarse amable e comprensivo cos veciños.
    Cando reinaba el non era así

    Saúdos e apertas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: