Publicado por: MontePituco | 21/09/2011

ANTE OS OBSTÁCULOS, FIRMEZA E COHERENCIA

DEFENDE O MONTE PITUCO faise eco dun escrito apoiado por varios comuneiros de San Xulián e que vai ser presentado ante a Xunta de Galicia nos seguintes termos:

O 21 de setembro de 2011 acódese á sede da Comunidade de Montes de San Xulián para presentar un recurso sobre o procedemento co que se celebrou a asemblea extraordinaria do 21 de agosto, dentro do prazo dun mes que, a tal efecto, fixan os estatutos desta entidade no artigo 70º do capítulo XII: “Os acordos da asemblea xeral contrarios á Lei de Montes Veciñais en Man Común, os que infrinxan as presentes ordenanzas e os non adecuados aos intereses xerais da propia Comunidade, poderán ser recurridos por calquera comuneiro ante a propia asemblea xeral, cuxa resolución esgotará a vía administrativa, podendo recorrerse contra a mesma ante os tribunais de xustiza. Os recurso deberá ser formulado no prazo dun mes desde a data do acordo, se o impugnante asistiu á reunión na que se adoptou e, no outro caso, no prazo de dous meses”.

Ante a ausencia de representantes da xunta directiva, sendo en torno ás 20:00 horas, unha empregada da Casa de Montes empraza a volver a partir das 21:00 ou das 22:00 horas, como así acontece. Atopándose o vicepresidente da Comunidade nas instalacións da mesma, remítenos ao presidente da Comunidade quen, en conversación telefónica, alega non estar dispoñible nese momento e remítenos á súa vez ao Secretario. Este último, tamén en conversación telefónica, rexeita a posibilidade de recepcionar persoalmente o escrito e tampouco facilita que o vicepresidente da entidade, alí presente, asine o documento confirmando a súa entrega en tempo e forma.

Ante a imposibilidade de entregar o escrito de impugnación, malia axustarse os comuneiros asinantes do mesmo ao prazo estipulado polos estatutos, óptase por notificarlle esta incidencia á autoridade para que quede constancia oficial da xestión. Unha patrulla da Policía Nacional preséntase finalmente na sede da Comunidade de Montes de San Xulián e rexistra os datos personais de quen representa os veciños, co obxectivo de poñer en coñecemento do departamento competente a queixa oportuna contra os directivos da Comunidade de Montes de San Xulián pola súa negativa a recibir o recurso no mes hábil para interpoñelo.

Acompáñase o citado recurso con outro recurso presentado anteriormente con motivo das presuntas irregularidades observadas tamén na asemblea xeral do 31 de xullo de 2011, para que a Xunta teña coñecemento das mesmas.

(…CONTINUARÁ).


Respostas

  1. […] -Ante os obstáculos, firmeza e coherencia (21 de setembro de 2011) 6. Rogos e preguntas […]


Deixa unha resposta a ESTE DOMINGO, ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE MONTES « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) Cancelar a resposta

Categorías