O pasado fin de semana celebrouse un novo roteiro pola Serra do Galiñeiro contra o proxecto de instalación dun parque eólico neste emblemático espazo natural do Val Miñor. Como xa ten exposto en numerosas ocasións a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, outro lugar ameazado polos aeroxeneradores é Pedras Negras. Este parque eólico prevé instalar 14 muíños de 119 metros de alto e 112 metros de rotor, afectando os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña. Ata o 5 de outubro está aberto o prazo para presentar obxeccións e suxestións ao proxecto. Ademais de expresar o seu rexeitamento formal contra esta iniciativa que provocaría un irreparable impacto ambiental, os colectivos a prol da protección integral dos Montes do Morrazo seguirán realizando unha campaña de charlas informativas nos tres municipios para concienciar a veciñanza da necesidade de paralizar esa hipotética obra, e andainas dende Chan da Arquiña ata Pedras Negras e o Coto do Home, para dar a coñecer a riqueza paisaxística, da fauna e da flora da contorna. Fronte aos intereses económicos e especulativos, ogallá estas actividades contaran con tanto apoio social como o que suscita a conservación da Serra do Galiñeiro.
A continuación, o relato da andaina pola Serra do Galiñeiro, segundo un artigo publicado na web do Instituto de Estudos Miñoranos. As fotografías son de Xilberte Manso. Parabéns a tod@s e ánimo.



A segunda andaina pola Serra do Galiñeiro convocou cerca de 2000 persoas que reclamaron a protección deste espazo natural e a súa inclusión dentro do Parque Natural Monte Aloia, o pasado domingo 18 de setembro. Algo máis da metade dos concorrentes participaron dunha percorrida de dez quilómetro pola serra. O resto dos participantes esperou a chegada dos camiñantes para participar da lectura dun manifesto a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, na que salientou a necesidade de protexer este patrimonio natural por parte das administracións galegas.
Polbo preparado na propia serra e pratos achegados polos participantes, vestiron unha festa gastronómica que se prolongou ata a tardiña. Animaron o encontro a charanga A vaca pinta e o Coro Tradicional Cantares do Brión.


No transcurso da xuntanza non só expresouse o rexeitamento ao previsto parque eólico (en fase de tramitación na Xunta de Galicia), senón tamén o reclamo de ampliación do Parque Natural do Monte Aloia, para que inclúa a Serra do Galiñeiro na Rede Natura 2000. No manifesto lembrouse que fai tres anos o conselleiro de Medio ambiente e os alcaldes da zona anunciaron dita ampliación. «Foi unha declaración baleira», afirman, á vez que recordan que a día de hoxe só os concellos de Vigo e Porriño clasifican nos seus plans urbanísticos as súas respectivas partes de serra como chan rústico de protección de espazos naturais.
A defensa do patrimonio xeolóxico, etnográfico e biolóxico do Galiñeiro, así como as numerosas pegadas que aínda amosan a presenza humana dende épocas prehistóricas foron algúns dos valores que a Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro, salientou como bases das reivindicacións. A utilización da serra como parque industrial, advertiron, poñerá en perigo tesouros como o conxunto de petróglifos de Agua da Laxe (Vincios) e as mámoas de Chan das Moutas (Prado, Morgadáns). Esta intervencións tamén prexudicaría actividades das comunidades de montes locais, como a explotación silvícola, gandeira, micolóxica, etc., informouse durante a xornada.







Deixar un comentario