
Celebrouse recentemente en Pontevedra unha xornada sobre “O réxime xurídico das comunidades de montes” na que non foi posible participar ao coincidir coa convocatoria do roteiro polos Montes do Morrazo. O contido destas ponencias quedou recollido nos medios de comunicación de ámbito local. Nembargantes, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que organizaba as sesións, achegounos un documento coas principais conclusións, que se reproducen integramente a continuación. Cómpre reflexionar sobre estas cuestións se, en verdade, se aposta por manter a figura das Comunidades de Montes como custodios da riqueza, da explotación racional e da posta en valor dos nosos montes.
1ª.- O Monte Veciñal en Man Común debe estar conceptuado xuridicamente como con “CAPACIDADE XURÍDICA” e NON con “PERSONALIDADE xurídica”. Con elo evitaremos que estes territorios entren no tráfico comercial ao poder dividirse ou venderse.
2ª.- A Xunta de Galiza acomete as actuacións en materia de axudas e subvencións cunha orientación que conleva a PERDA DE RENDABILIDADE dos montes veciñais, coa obsesión -que dura moitos anos- de dirixir todos os orzamentos hacia os incendios forestais e NON A VALORIZACIÓN do monte. Eliminan proxectos dinamizadores e de prevención de incendios con medidas de mellora das masas forestais.
3ª.- A Consellería do Medio Rural asume públicamente a súa INCOMPETENCIA para asesorar e adoptar medidas revitalizadoras do mundo rural, preocupada pola maior ou menor INCIDENCIA DOS INCENDIOS FORESTAIS COMO ARMA POLÍTICA.
4ª.- O borrador da futura Lei de Montes de Galiza, deixa entrever cara a unha NOVA LEI DE MONTES VECIÑAIS en Man Común, medidas tendentes a PRIVATIZACIÓN destas terras, contra a que presentaremos alegacións.
5ª.- As Comunidades de Montes supoñen un ESTORBO para as políticas ESPECULATIVAS do goberno galego no apoio a determinadas empresas e ao capital trasnacional: parques eólicos, liñas eléctricas, POLÍGONOS INDUSTRIAIS…
Precisamente, vén de saberse que a rede de colectivos “Galiza non se vende” está a tramitar unha queixa ante o Valedor do Pobo contra o proceso de elaboración do borrador da Lei de Montes de Galicia, que foi aprobado o pasado 9 de xuño polo Consello da Xunta. GNSV denuncia que o borrador da Lei de Montes de Galicia elaborouse sen ter aberto sequera un proceso de participación pública “real e activo” dos sectores implicados e da cidadanía en xeral. GNSV asegura que o borrador comezou a ser distribuido entre os medios de comunicación e as organizacións sen que, con carácter previo, fora publicado oficialmente. Un comunicado de GNSV di o seguinte:
…É o 17 de xuño cando a Consellería de Medio Rural publica o anuncio polo que se acorda someter a información pública o borrador do anteproxecto da Lei de Montes de Galicia, de conformidade co artigo 16,1 da lei 27/2006. A Rede GNSV DENUNCIA que, con este anuncio, a Consellería tentou confundir a poboación no que é o proceso de exposición pública e o de participación pública, xa que no anuncio di literalmente que “se da apertura ao proceso de participación pública en base á lei 27/2006”, cando o que se está abrindo é o proceso de exposición pública. Lembrámoslle á Consellería que o proceso de exposición pública dun documento para presentar ao mesmo alegacións, é posterior ao verdadeiro proceso de participación pública activa e real.
Ademáis, o prazo que dá a Consellería para formular alegacións é de 20 días que, tendo en conta a extensión deste borrador, non parece que se busque facilitar a participación. Esqueceu a Consellería que no artigo 3.2 da mesma Lei fálase do dereito a acceder á información con antelación suficiente, ou que no artigo 16.1.b) di que se farán observacións “cando estean abertas todas as posibilidades ANTES de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral”.
Dificilmente poderanse facer observacións previas cando se vén de recibir XA o borrador da lei.
DENUNCIAMOS que na elaboración do borrador da Lei de Montes de Galicia non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos, aspecto fundamental na política forestal e medioambiental da Unión Europea e, en teoría, da propia Xunta de Galicia. Xa no ano 2008, o Consello Económico e Social de Galicia ditaminou que a participación dos sectores afectados era un aspecto esencial no proceso de tramitación e na busca do consenso tan necesario en normativas con vocación de ampla duración temporal.
DEFENDEMOS que aparticipación pública constitúe un factor clave no sistema democrático, trátase de que a participación dos cidadáns na toma das decisións públicas que poidan afectar ao coxunto da sociedade sexa unha realidade, unha intervención efectiva e real, e non un mero trámite ou técnica funcional do proecedemento. Desta maneira favorécese a responsabilidade e transparencia dos procesos decisorios e contribúese á toma de conciencia por parte dos cidadáns sobre os problemas que afectan a todos.
Por último, non desbotamos tramitar os escritos pertinentes para pór en coñecemento doutras Administracións, como as europeas, cales son o tipo de procesos participativos que promove o Goberno autonómico galego.





Deixar un comentario