
Xoán Eladio Torres asina unha carta publicada en Diario de Pontevedra na que se queixa polo trato despectivo e a falta de respecto coa que os dirixentes políticos actúan ante certos colectivos sociais e veciñais que lles resultan incómodos. Traballador e sindicalista, dirixente veciñal, divulgador da paisaxe e do patrimonio de Galicia, e candidato á alcaldía de Pontevedra en representación de Iniciativa Cidadán Os Praceres (ICP), Xoán Eladio Torres -Xoan Arco da Vella na súa dimensión máis artística- critica a desfachatez do alcalde de Marín pola súa negativa reiterada e desafiante a recibir a DEFENDE O MONTE PITUCO e a coñecer o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Está claro que, chegados a un “nivel”, hai “políticos” que perden a perspectiva, os seus pés parecen irse elevando do chan e comezan a ollar para os seus semellantes dende un plano de superioridade e arrogancia crecentes e preocupantes, como Francisco Veiga. Cómpre que existan partidos pequenos, ICP en Pontevedra ou Mar-In na nosa vila, salvando as distancias ideolóxicas que os separen, para estar ao carón dos veciños, ser partícipes dos seus problemas e dialogar para procurarlles unha solución.
Grazas a Xoán Eladio Torres por lembrarse de DEFENDE O MONTE PITUCO.



Deixar un comentario