Publicado por: MontePituco | 15/11/2010

O MOSQUEO DA COMUNIDADE DE MONTES

Que a Comunidade de Montes de San Xulián non nos ten ningún aprezo, que nos vilipendia e difama, que para os seus directivos as reivindicacións de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) son un incordio e un ataque directo aos seus intereses, non é ningunha novidade. Algo tan simple como solicitar os estatutos non só cae en saco roto, senón que a propia petición é atendida con auténtica xenreira e cunha ollada fulminante como se demandar algo que nos pertence por dereito aos comuneiros fora unha ousadía imperdoable e digna de ir parar ao paredón.

A última pataleta vén por parte do vicepresidente, quen acuñou a famosa frase “prefiro que o monte o leve o polígono antes que o leve a Brilat pola cara”, que pasará aos anais das crónicas parroquianas pola súa incomensurable desvergoña. Presentarlle ao presidente da Comunidade de Montes un sinxelo escrito lembrándolle que non se fixo nada por erradicar os verquidos, nin por desbrozar a área recreativa anexa á estrada de Figueirido, nin por evitar a presenza de motoristas en zonas inapropiadas, e dando conta da recente aparición dun vehículo calcinado, é pouco menos que misión imposible. O presidente sempre está ausente.

Plan B: dirixímonos ao vicepresidente. E cal é a súa reacción? A primeira, non asinar a copia do documento como proba de conformidade da súa recepción. Xa non é a primeira vez que actúa así: anteriormente, outros membros da xunta rectora xustificaran que xa o asinaría “cando el sexa o presidente”… O que se interpreta claramente como unha manobra para ser o próximo galo do galiñeiro. A segunda, respostar airadamente amosando a súa disconformidade por ter denunciado publicamente as deficiencias desta parte do monte comunal: “Agora calquera pode mandarlle un escrito á prensa”, veu dicir, máis ou menos con estas palabras o vicepresidente.

Señor vicepresidente e pro-sucesor do máximo cargo da xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián. Dous puntos: afortunadamente, nun Estado de Dereito non ha ser vostede, nin moito menos, quen permita ou poña veto á liberdade de expresión. Se a vostede lle molesta que en DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) haxa persoas capacitadas abondo para opinar con rigor, para cantarlles as corenta en bastos pola súa inoperancia, e mesmo para acudir aos medios de comunicación social para compartir co resto da cidadanía (se a axenda do medio o considera oportuno) calquera cuestión de interese público, é problema seu. Estará evidenciando o seu carácter pseudo-fascista e intolerante. Se, ademais, o que lle molesta é que en DEFENDE O MONTE PITUCO haxa mulleres críticas, insumisas e desobedientes cos dictados que vostedes marquen, é que por riba é vostede un machista incorrixible. Se tamén lle molesta que en DEFENDE O MONTE PITUCO haxa xente nova con formación e preparación, con criterios asentados no coñecemento e con interese por traballar a prol da parroquia á marxe do grupo ao que pertence, é que vostede encarna o prototipo de cacique recalcitrante, pegado coma unha lapa ao poder e alérxico aos cambios.

Non ten vostede abondo con presidir a asociación de veciños Virxe dos Remedios, que segue turrando incombustible contra o muro do adro da igrexa e contra o cura párroco, que xa hai tempo obtivo o apoio dos tribunais. Será vostede gafe, porque a mesma “sorte” neste caso lamentable estase trasladando tamén á problemática encol da titularidade do terreo que se lle disputa a Romero na zona do Pituco e que, pola ineficacia da Comunidade de Montes no enfoque xurídico, vai polo mesmo camiño, co conseguinte desgusto e frustración para os veciños afectados.

Non ten vostede abondo coa corte de adeptos que o rodean, que ultimamente non perde ningún pleno ordinario da Corporación Municipal e sempre acaba arrimándose ao grupo político de turno, do que pretende algunha clase de favor. Porque semella que a súa presenza no salón de plenos non responde á preocupación pola mellora dos actuais servizos públicos en San Xulián, nin pola dotación de novas infraestruturas que favorezan a esta parte do rural marinense. Porque sobre a proliferación das escombreiras, sobre a maleza que invade as zonas de lecer próximas ao monte e sobre os efectos do vandalismo parece que só se preocupan DEFENDE O MONTE PITUCO e a Asociación de Veciños de San Xulián da que vostede é firme detractor. E por riba, moléstalle que denunciemos estas situacións.

E a razón? Está moi clara. Porque o Seprona xa se dirixiu á Comunidade de Montes da que vostede é vicepresidente, para tirarlles das orellas por non daren pau á auga e por non gastar un céntimo en acondicionar as zonas cheas de silvas e bancos rotos, por non velar pola limpeza dos puntos onde hai lixo e cascallos, por cruzarse de brazos fronte aos que pilotan motos e quads que destrozan o terreo, e por estar en babia mentres unha panda de delincuentes queima un coche roubado en pleno monte, co inmenso risco de producir un incendio forestal.

Traballen polo monte e deféndano. Non vale con termar dunha pancarta co lema “San Xulián en defensa dos nosos montes” cando o que proclaman na práctica é todo o contrario: vendelo ao mellor postor e, se acaso, poñer a man por detrás por se cae algo de rebote. Invistan no monte os xenerosos ingresos económicos que lles deparou o paso da Liña de Alta Tensión e o trazado da Variante. E sobre todo, déannos conta aos comuneiros, de cal é o estado financeiro da Comunidade de Montes, con luz e taquígrafos. Que menos!


Responses

  1. Joer, me encanta tu verborrea.
    Ahí, con un PAR!!

  2. Después nos sorprende que los representantes públicos sean como estos señores….. opositores a más de lo mismo, dictadores frustrados en miniatura.

    Muy buena entrada ¡y muy clarita!

    • Moitas grazas pola visita e pola mensaxe. Gústanos… o chocolate espeso. 😉


Deixa unha resposta a MontePituco Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: