Veciños e veciñas
prestade moita atención,
pois do monte de Marín
vai esta humilde canción.
O Pituco xa advertimos
que é espazo protexido,
mais o alcalde, que insensible!
sabe pouco de urbanismo.
Quere facer no Pornedo
un polígono industrial;
nada lle importa, aínda que
o desnivel sexa bestial.
E por eso defendemos
a súa conservación
e lle pedimos á Xunta
que o salve da destrucción.
Petroglifos, mananciais,
paisaxe, natureza…
Calquera con sentidiño
coidaría tanta riqueza!
Políticos de Marín,
comuneiros de San Xulián:
Non ao polígono aquí!
Buscade outro lugar!
Ben-veñas, maio!
…Improvisamos unhas coplas para celebrar de xeito reivindicativo esta festa tradicional, de tanto arraigo na vila de Marín e onde o Ateneo Santa Cecilia leva 57 anos organizando o concurso de maios e embarcacións. Alguén sabe se o alcalde e a concelleira de Cultura asomaron o nariz pola praza do reloxo para asistir ao certame e felicitar aos gañadores das diferentes categorías? (…que foron todos, por certo, porque tanto se repartiron os premios que ningún grupo marchou de baleiro, cousa que o xurado tivo a ben en valorar).
Participaron tres embarcacións, unha cifra que o Ateneo aspira a incrementar o ano próximo incentivando a creación de maquetas mediante algún obradoiro de carpintería. Dos nove maios que actuaron, o Maio Landeiras cumpría xa 25 anos de historia, polo que recibiu unha homenaxe. Tamén se recoñeceu o mérito dos cativos pertencentes ao Maio Meniñeiro, que viñan dende o concello coruñés de Rois.
…Pero máis aló da troula infantil, do espírito competitivo por presentar o maio máis vistoso, a embarcación mellor equipada ou a cantiga de temática máis afiada, está o valor esencial desta celebración: enxalzar a natureza en todo o seu esplendor, reatoparnos co campo e co monte cando xa o mal tempo vai vencido. A natureza, que todo nos dá e todo nos quita, ten ese poder máxico que nos enfeitiza. Por iso recibimos o mes de maio berrando “meigas fóra” con ramos de xesta.
Neste principio do mes de maio queremos reivindicar o espírito silvestre. E invitamos a todos e todas a achegarse ata o monte Pornedo-Pituco, que ten tantos elementos naturais e patrimoniais por descubrir. Se é certo que só se valora o que se coñece, será que as persoas que insisten en destruilo ignoran a súa riqueza e desprezan o potencial que posúe? Como é posible entón que nos gobernen persoas que non coñecen o territorio que administran, sexa no Concello ou na comunidade de montes?





Deixar un comentario