Publicado por: MontePituco | 21/04/2010

14 PÁXINAS E CUARTO DUN CADERNO 15×21

Un “documento vivo”, que ha de se “adaptar ás normas” e que ha de servir, entre outras moitas cousas, para “protexer os montes e conservar a paisaxe do litoral”.

Se non fora porque estas verbas saíron da boca do alcalde de Marín, mesmo as aplaudiriamos. Pero como sabemos que se trata dun discurso falso, dunha traizón ás súas verdadeiras intencións e dun engano para a cidadanía, poñémolas en evidencia, facemos escarnio do seu xeito de facer literatura barata e demagóxica, que soa ben ao oído pero que perxudica seriamente a saúde democrática desta vila.

Con este aire de inxenuidade comezaba a súa intervención inicial o rexedor local no pleno urxentísimo e extraordinarísimo para pretender a aprobación provisional dun documento de PXOM que, xa de entrada, ten que incluir unha ristra de obxeccións que lle fixo a Xunta á Memoria Medioambiental e tamén as consideracións dos informes técnicos, para que posteriormente o equipo redactor teña que facer un texto refundido. E tantas présas porque a modificación da Lei do Solo entra en vigor en poucas horas e, xa de paso, o goberno municipal fai un alarde de pericia ante a opinión pública escenificando que, grazas á súa esforzada xestión, Marín por fin vai ter unhas normas urbanísticas consonte o século XXI.

Puro teatro. Total, para que o raio do PXOM siga dando tumbos nas dependencias do Concello. Total, para que a Xunta e Costas, que son os organismos aos que lles corresponde darlle o visto bo definitivo, o manden de volta nun paquete con laciño vermello. Total, para que acabe vindo o Plan de Ordenación do Litoral a pór todo patas arriba novamente. Os veciños que se molestaban en perder dúas horas do seu tempo non eran conscientes do paripé, pero a prensa e os membros da Corporación sabíano. Na oposición queixábanse de ter zampado, de golpe e sen bicarbonato, preto de 200 folios farragosos. E no goberno botaban en conta que de perdidos, ao río, pero eles xa zafaban, non sen cumprir a promesa de pórlle unha vela así de gorda a Santa Rita, avogada dos imposibles.

Un alcalde que podería acabar presentando Pasapalabra, do veloz que pode ser lendo os epígrafes da orde do día das sesións. Un alcalde ao que sorprendentemente non lle crece o apéndice nasal por afirmar que o Informe de Sostibilidade Ambiental tivo un “papel protagonista”, cando na práctica o están a pasar polo arco de trunfo obviando toda a defensa que este documento fai do Monte Pornedo-Pituco, da súa elevada intervisibilidade e do seu ámbito de protección ambiental. Un alcalde que a próxima semana volverá convocar por enésima vez a comisión de seguemento do PXOM para seguir mallando no mesmo centeo.

Un concelleiro de urbanismo que nos quere dar clases de “xogo político versus xogo administrativo”, citando realesdecretosdenonseique e pasando de puntiñas sobre o futuro do Monte Pornedo-Pituco. Un concelleiro de urbanismo que, como dixo Isabel Martínez Epifanio, tiña na docencia a súa “profesión frustrada”, pero ao que non lle aconsellou exercer “porque aburre ás ovellas co seu discurso monótono”. Un concelleiro que non ten gracia ningunha do malos que son os seus chistes, ao presumir de que máis dunha vintena de organismos públicos informaron sobre o PXOM, “menos a NASA, e porque os cohetes non pasan por aquí”.

Un concelleiro socialista de discurso tímido e inseguro. Das 14 páxinas e cuarto cheas de notas feitas con letra de médico, nun caderno tamaño 15×21, apenas unha carilla chega para recoller as súas impresións.

Unha oposición que coincide en dúas cousas: en non aceptar as desculpas do alcalde polas formas deficientes nas que se fixo a convocatoria do pleno, e en desconfiar plenamente das garantías do PXOM aprobado. Unha oposición que diferiu no seu posicionamento: os populares votando a favor, e os independentes absténdose. Unha Isabel Martínez Epifanio que calificou o documento de “impresentable”. Unha María Ramallo acusando ao goberno local de “facerlle oposición á oposición” e colleitando os primeiros aplausos do respectable ao desexarlle “que paguen nas urnas” o seu desprezo a PP e Mar-In.

Antes de empezar a teclear estes parágrafos pensaba que non tiña tempo, nin ganas, nin pacencia de resumir semellante tostón. Seguro que BreaSeixo, Metropolitano, Erasmo e quen máis se tercie na blogosfera, o fan moito mellor e con máis precisión técnica e analítica. Agora que o punto final está ao caer, sigo pensando o mesmo: non tiña pacencia, nin ganas, nin tempo, pero é a penitencia terapéutica que nos impón o sabio e ecuánime Monte Pituco-Pornedo.

Advertisements

Responses

  1. Estupendo comentario.

    • …Unhas veces escribo Pornedo-Pituco, outras invirto a orde, se non poño un dos nomes entre parénteses. O arqueólogo do proxecto Sete Camiños non para de reprenderme para que utilice unicamente o topónimo tradicional. E a outro xornalista que coñezo gústalle máis a denominación polo alcume. Hai criterios para todos.
      Simplemente unhas liñas para agradecer as túas visitas ao blogue terapéutico-penitente en Defensa do Monte Pituco, e que contribúas a dinamizar os seus modestos contidos cos teus comentarios. Ocorréuseme escribir isto mentres tecleaba unha carta para Fernández Leiceaga e outros deputados autonómicos socialistas que mañá se van reunir co alcalde para analizar as necesidades da vila en materia de dotacións e infraestruturas. Cae de caixón que o chan industrial vai estar na orde do día, de aí que queira poñelos en antecedentes, aínda que sospeito que o meu correo acabe no limbo electrónico. Dito sexa de paso para comentar que se admiten suxerencias de accións nas que poida seguir rompendo a cabeza per secula seculorum.
      Un saúdo con arrecendo a terra mollada.

  2. Moitas grazas pola visita ao blog, pola lectura do artigo e pola opinión.

  3. Vin o largo da democracia como equipos de goberno pasados tomaron decisions erradas e a lixeira, pero como o co-presidido por os Srs veiga e Ruibal non hai quen lle gane de momento. Mais que aprobar o planeamento, queren darlle legalidade as recalificacions e chanchullos dos concelleiros do goberno, amigos, e familiares. En San Xulian aparte da aberracion no Pornedo, hai casos sangrantes de descriminacions e criterios contrapostos na calificacion dos terrenos. A uns legalizalles as ilegais casas no monte e a outros metenlle a proteccion de cauces na sua parcela, un pouco mais arriba da churrasqueria San Xian, habendo tamen casos donde o Sr ruibal mete a sua parcela en Cidras en chan urban, sendo dita actuacion un autentico pelotazo urbanistico.
    Pero o que é realmente bochornoso e que tenhan o plan e as alegacions gardadas nun caixon mais de ano e medio, cando hai catro dedicacions exclusivas que nos valen 222.000 euros o ano. Aparte de trapalleiros e anti-democratas son uns vagos e maleantes.

  4. […] https://montepituco.wordpress.com/2010/04/21/14-paxinas-e-cuarto-dun-caderno-15×21/#comments […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: