
…E a consecuencia desta resolución xudicial firme e inapelable, é cando ao Concello de Marín lle entra unha présa bárbara por axilizar ao máximo a dotación de chan industrial no Monte Pituco, como única posibilidade e sen ningunha outra alternativa. A Plataforma en Defensa de Praceres e a Asociación pola Defensa da Ría están pedindo xa a execución inmediata da sentencia. É moi probable que os representantes veciñais de Praceres comenten na súa intervención o seu rexeitamento a que, para cumprir coa legalidade no Porto de Marín, haxa que incumprila no Pituco.
Se xa se cimentou en exceso a ría, gañándolle espazo ao mar co agravante de non contar co estudo de impacto ambiental pertinente, sería outra aberración hormigonar agora o monte, un espazo protexido que queren desprotexer para xustificar a necesidade de dotar a Marín dunha ubicación para empresas xa existentes en situación alegal e empresas vindeiras. Esta será a mensaxe que lles transmitiremos aos responsables locais do BNG e ao concelleiro de Urbanismo, que nos citaron a un encontro previsto para este sábado ou o luns, a máis tardar. Os voceiros municipais do PSOE aínda non contestaron á solicitude de entrevista que lles formulamos por escrito.



Deixar un comentario