Publicado por: MontePituco | 21/01/2026

FERNANDO PINTOS, PREMIO CIDADE DE PONTEVEDRA

Quen fora presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo durante os últimos 15 anos e, actualmente, presidente de honra desta entidade, Fernando Pintos, vén de recibir o Premio Cidade de Pontevedra 2026. Dende o Colectivo Monte Pituco fomos unha das moitas organizacións e persoas a título individual que apoiamos esta candidatura. Queremos compartir o escrito de adhesión que, modestamente, achegamos: non é un panexírico pomposo de simple recheo, son verbas sentidas e baseadas na experiencia obxectiva de quen foi seguindo e observando o seu labor na distancia, coa mágoa de carecer dun ‘Fernando Pintos’ na propia parroquia que turrase polo monte de San Xián coa mesma vocación de servizo, sensibilidade e bo tino que tiña el, fronte ao panorama de arbitrariedade, opacidade e mala baba que se aturaba neste lado escuro da fronteira con Salcedo.

Orgullo para a veciñanza de Salcedo, para a xente do rural. Parabéns ao premiado, con todo o merecemento!

Fernando Pintos é unha das figuras que máis estimamos na nosa contorna e a quen máis agradecemento lle debemos polo seu compromiso na defensa do monte, do patrimonio natural, cultural e histórico que atesoura, polo seu apoio a diversas causas sociais e veciñais, pola súa preocupación a prol da igualdade e do ben común.

Seguimos con interese e tomamos o seu exemplo inspirador na longa e exitosa causa xudicial que permitiu que a veciñanza de Salcedo recuperara a posesión dos montes apropiados polo Ministerio de Defensa na construción da base militar da Brilat. Ese labor titánico continuou restaurando os terreos afectados polas manobras militares que danaron notablemente o patrimonio natural e poñendo en valor os xacementos prehistóricos que antano -baixo o mando castrense- nin sequera se podían visitar. E aplaudimos con entusiasmo que, baixo a súa presidencia, a Comunidade de Montes de Salcedo fose unha das entidades que puxo en marcha o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños a partir do proxecto desenvolvido por unha modesta comisión técnica da que formou parte o colectivo Monte Pituco.

Os consellos e o respaldo de Fernando Pintos tamén contribuíron moi positivamente na causa xudicial que, promovida polo colectivo Monte Pituco, impediu a instalación dun polígono industrial proxectado polo Concello de Marín e pola Xunta de Galicia no Monte Pituco, ou Pornedo na súa denominación tradicional. Lindante co monte veciñal de Salcedo, o Monte Pituco sitúase no trazado do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. E aínda que a Comunidade de Montes de San Xián de Marín se desvinculou desta iniciativa e o grao de conservación dos xacementos arqueolóxicos pertencentes ao seu ámbito territorial distan moito do envexable estado no que se atopan os recursos prehistóricos de Salcedo, potenciados coa recreación dunha aldea castrexa, dende o colectivo Monte Pituco mantemos unha excelente relación coa Comunidade de Montes de Salcedo e, con frecuencia, visitamos esa contorna veciñal.

Froito desta colaboración, Fernando Pintos Pereira foi un dos participantes nas VII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián organizadas polo colectivo Monte Pituco, celebradas en novembro de 2023 no Museo Torres de Marín e dedicadas a repasar a traxectoria do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Tras 15 anos á fronte da Comunidade de Salcedo, o Premio Cidade de Pontevedra sería un merecido recoñecemento ao seu labor polos avances e o nivel de excelencia acadados na súa xestión.


Deixar un comentario

Categorías