
As IX Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián concluirán mañá sábado, 22 de novembro, cunha ruta arqueolóxica que sairá ás 10:00 horas dende a arboreda do Pornedo. Organizada polo Colectivo Monte Pituco, percorrerá os xacementos rupestres situados nos lugares de Pinal de Caeiro, Cachada do Cura, A Carrasca, Sete Camiños e O Pornedo. Durante o itinerario, de trazado circular e dificultade media, tamén se comentarán aspectos da flora, da fauna e do interese paisaxístico da contorna. Pola presenza de diversos regatos, brañas e nacementos de auga, cómpre que as persoas participantes dispoñan de calzado axeitado para as condicións do terreo.
Esta andaina completa as sesións previas que se celebraron a semana pasada: o venres 14 no Museo Manuel Torres de Marín, cun faladoiro co lema “Crónica dun incendio anunciado” no que interviron Benito Andrade (Asociación pola Defensa da Ría), Claudio Quintillán (Instituto Galego das Terras Comunitarias), Cándido Martínez (Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo) e Noela Carrera Pérez (Centro de Investigación Forestal de Lourizán); e o domingo 16 -coincidindo co Día do Patrimonio Mundial- a homenaxe ao activista social e cultural Xan Montenegro, que presidiu a Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián.





A ruta permitirá apreciar as denuncias formuladas polo Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tralo lume forestal que afectou a unha ducia de hectáreas no Pornedo, o pasado 7 de xullo: “o exceso de biomasa combustible” nos montes da bisbarra “polo abuso dos monocultivos forestais con especies pirófitas como eucaliptos e piñeiros, ao que se lle suma unha falta xeralizada de silvicultura preventiva e de xestión da biomasa nas redes de faixas, en especial das secundarias e terciarias”, como ten advertido Cándido Martínez.
Esta situación proxéctase especialmente nas pésimas condicións de conservación nas que se atopa o patrimonio arqueolóxico de San Xián, a parroquia marinense con maior densidade e variedade de gravados rupestres: rodeados de especies pirófitas e matogueira densa que compromete a súa conservación en caso de incendio. Precisamente, nese incendio resultaron afectadas a área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo e a área de protección integral do petroglifo de Sete Camiños.
Outro dos aspectos salientables do roteiro é a visita ao campo de traballo onde o equipo que dirixe Noela Carrera Pérez, xefa do Departamento de Protección Forestal do CIF de Lourizán, está desenvolvendo un proxecto de ensaios de retardo no crecemento da vexetación baixo as liñas eléctricas aéreas combinando a utilización de coberturas ou acolchados biodegradables -a base de mallas biodegradables, restos de poda triturados, achas de castiñeiro e la de ovella- coa plantación de especies rastreiras ou de baixo porte.
Naturgy colabora neste proxecto, que ten como obxectivo reducir a frecuencia de desbroces nos 15.000 quilómetros de liñas de alta e media tensión que hai en Galicia. O monte Pornedo foi un dos dous puntos elixidos no Morrazo, canda outro emprazamento en Bueu, para desenvolver esta iniciativa que se prolongará durante os dous anos que vai durar a fase de seguemento e que, en caso de resultados positivos, non só permitirían reducir a masa vexetal nestas franxas, senón que estas tamén actuarían como cortalumes.
[Fotos: Cándido Martínez, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo]



Deixar un comentario