
Tralos dous incendios forestais que afectaron os montes Pornedo e Penizas este pasado mes de xullo era necesario escoitar voces expertas e contrastadas que analizaran a situación do monte, que puxeran o foco sobre as eivas e as debilidades ás que cómpre poñer solucións urxentes… niso consistiron as IX Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que se inauguraron no Museo Manuel Torres de Marín.
O voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez, fixo memoria para contextualizar un negrísimo balance coas 119.000 hectáreas queimadas en Galicia no que levamos de ano, segundo as cifras da Consellería de Medio Rural. Unha dinámica que non só se remonta á vaga de lumes do 2006 que deu lugar á Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, de 2007; senón que tivo continuidade coas seguintes ondadas de 2017 e 2022. A súa intervención centrouse en denunciar a falta de prevención nas redes terciarias de xestión de biomasa, amosando unha extensa reportaxe de imaxes ilustrativas do pésimo estado no que se atopan os camiños e as pistas forestais do monte Pornedo e, por extensión, outras moitas no resto da bisbarra, con abundante presenza de acacia, mimosa moura, eucalipto, matogueira alta…
A súa cámara tamén retratou os danos que causaron as lapas na área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo e na área de protección integral do petroglifo de Sete Camiños, na masa forestal e na matogueira, ademais dos movementos de terras realizados con maquinaria pesada durante os labores de extinción.

O director do Instituto Galego das Terras Comunitarias, Claudio Quintillán, explicou que o “abandono xeralizado do medio agro-monte” remóntase á ditadura franquista cun modelo forestal baseado nunha repoboación imposta; unha xestión que se foi herdando ata chegarmos á actualidade, tamén dende que a Xunta asumiu as competencias en 1984. “Non houbo ningún cambio sustancial”, criticou Quintillán.
Abundaron os datos na súa intervención: que hai 1.600.000 propietarios de parcelas agrícolas e forestais; 700.000 propietarios de parcelas de montes; 2.800 comunidades de montes, das cales 1.200 están “desaparecidas” por falta de poboación e, das vixentes, non máis de 500 estarían xestionando correctamente o seu territorio. “¿Quen se relaciona dende a Administración coa propiedade? Cal é o apoio da Administración ao propietario de monte veciñal en man común?”, cuestionou o director do INGATECO. “Cero”, engadiu, afirmando que “non hai xestión do territorio” e advertindo que o Goberno galego está “tomando medidas cada vez máis contundentes para que desapareza esa figura”.
Dende o INGATECO estase traballando, precisou Claudio Quintillán, “para que se recoñeza o monte comunal como propiedade comunitaria, como en Portugal”; para que esas 2.200.000 hectáreas de monte -máis das tres cuartas partes do territorio galego- teñan unha “atención especial” fronte á ausencia de xestión no momento actual.
O vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría, Benito Andrade, aproveitou a súa faceta como docente de bioloxía para elaborar un argumentario con moito peso científico, mais certamente pesimista sobre o futuro. Analizando os efectos dos incendios, non só no Pornedo, senón noutros puntos da xeografía galega con maior afectación dos lumes, referiuse á perda de solo fértil, á destrución das posibilidades de vida, aos efectos colaterais noutros sectores como sucedeu na ría de Pontevedra en 2006, arruinando a campaña de marisqueo ao depositarse as cinzas e os restos da erosión nos areais… E lonxe de que todas estas consecuencias fagan reaccionar a cidadanía, Andrade lamentou que “non hai conciencia social”.
Para o vicepresidente da APDR, o cambio climático supón un “risco dificilmente reversible”, por iso condenou as políticas que o “favorecen”, entre elas, a plantación de eucaliptos. E para que esta non sexa “a crónica dunha catástrofe anunciada”, avisou -parafraseando o lema das xornadas- Benito Andrade fixo un chamamento a reverter esa “desmobilización social” que percibe o cambio climático como algo “imposible de combater”.

Os ponentes nestas IX Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián abordaron a incidencia dos lumes na parroquia e na bisbarra, ampliaron o foco no ámbito autonómico e no global, para rematar cunha experiencia que, dende o Monte Pornedo, está contribuíndo a xerar coñecementos susceptibles de beneficiar a todo o territorio.
Trátase dun traballo impulsado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán baixo a supervisión da xefa do Departamento de Protección Forestal, Noela Carrera Pérez. Consiste en facer ensaios de retardo no crecemento da vexetación baixo as liñas eléctricas aéreas combinando a utilización de coberturas ou acolchados biodegradables coa plantación de especies rastreiras ou de baixo porte -hedras, romeu…- para protexer o solo con vexetación distinta da matogueira ou do eucalipto que, por norma, non están permitidas nestas franxas. Naturgy colabora neste proxecto, que ten como obxectivo reducir a frecuencia de desbroces nos 15.000 quilómetros de liñas de alta e media tensión que hai en Galicia.
Pero alén do aforro de custes ao que aspira a empresa eléctrica, se esta experiencia depara resultados positivos durante os dous anos que durará a etapa de seguemento, poderíase aplicar en zonas illadas, espazos protexidos e, paralelamente á súa función reducindo a masa vexetal baixo os tendidos aéreos, estes tamén actuarían como cortalumes.
A todos os asistentes sorprendéronnos os materiais cos que traballa o equipo de Noela Carrera: mallas biodegradables de ácido poliláctico para as cubertas, restos de poda triturados procedentes de parques urbanos, achas de castiñeiro e la de ovella. Ogallá a iniciativa que se está desenvolvendo no Pornedo e mais noutra ubicación situada nun monte de Bueu teña un resultado positivo e funcione tamén para combater os incendios forestais.
A falta de que se reprograme a ruta de sendeirismo nunha data na que o tempo sexa máis favorable para gozar mellor do patrimonio arqueolóxico e da paisaxe, estas IX Xornadas de patrimonio de San Xián volveron homenaxear a memoria de Xan Montenegro co encontro no Carballal organizado polas súas amizades. Como indicou Xosé Vilas, do Grupo Cultural Ronsel, Xan era a “solidariedade personificada”, de aí a presenza dunha bandeira palestina ao carón do estandarte nacionalista. Un ano máis, unha lectura literaria e unha ofrenda floral no monumento que reproduce o seu característico sombreiro serviron para testemuñar a lembranza a quen fora presidente da Asociación de veciñas e veciños de San Xián, activista cultural e político, exemplo de liberdade e compromiso.






Deixar un comentario