Publicado por: MontePituco | 13/09/2025

MENCIÓN A CARLOS PARATCHA NOS PREMIOS FACENDO HISTORIA

O mestre Carlos Paratcha vén de recibir un recoñecemento nos Premios Facendo Historia 2025, organizados polo Club de Opinión Portocelo. Na entrega da mención especial a título póstumo participou a súa sobriña Charo Rey Portela, a quen o promotor desta iniciativa, Ángel García Carragal, lle entregou un diploma e unha reprodución en miniatura do Priorato de Oseira elaborada polo taller cerámico Alén das olas. A misión que desempeñamos dende o Colectivo Monte Pituco consistiu en presentar uns apuntamentos sobre a súa vida.

Esta celebración foi unha sorte de xustiza poética porque no Salón de Plenos do Concello de Marín onde se escenificou este acto institucional asistimos antano a moitas sesións nas que, inexplicablemente, o legado cultural que Paratcha contribuíu a descubrir foi ignorado e mesmo desprezado. Quizais Don Carlos -que na súa humildade, fuxía de acaparar calquera protagonismo- lle restaría importancia a esta homenaxe. Para o Colectivo Monte Pituco, en cambio, supuxo un certo resarcimento.

Foi en 2019 cando lle dedicamos as III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián á figura de Carlos Miguel Antonio Paratcha Vázquez que, primeiro na sombra, nos acompañou no longo e tortuoso camiño pola defensa do Monte Pornedo, e logo dun xeito consciente, inspirounos a dar un paso máis espallando a riqueza patrimonial da parroquia de San Xián.

Descubrimos entón, da man do arqueólogo Antonio de la Peña e do promotor cultural José Casal, a un persoeiro cunha vida fascinante que principiou en marzo de 1900 na casa natal da rúa Vicenti, no seo dunha familia con raigame mariñeira.

Pescudamos na súa traxectoria docente para concluír que, tralo seu paso pola Escola Normal de Mestres de Pontevedra a principios da década de 1920, deixou un grato recordo no alumnado que pasou polas súas aulas: en Marín, no colexio masculino católico San Luis de Gonzaga e na Escola do Pósito de Pescadores; na escola de Feás en Calvos de Randín; na escola masculina de Vilar de Infesta en Redondela; na década de 1940 en Moraña, onde permaneceu 22 anos vencellado á escola de Laxe; ata a súa volta a Marín en 1963 para ocupar as aulas do colexio público O Grupo.

Atopamos tamén as referencias bibliográficas que dan conta da súa vinculación ao sindicalismo agrario e o rastro infame da represión franquista a través dun “expediente de depuración” atribuído á súa filiación socialista.

Tocados polo “mal da pedra” do que lle falaba aos estudantes, seguimos as súas pegadas polo monte e reparamos no papel destacado que tivo Paratcha na descuberta de enclaves singulares do patrimonio prehistórico marinense.

Vai para seis anos, cando se ía cumprir o 120º aniversario do seu nacemento, o Colectivo Monte Pituco trasladoulle formalmente ao Concello de Marín a proposta de impulsar un recoñecemento público en memoria de Carlos Paratcha. Porque cómpre darlle o lugar que merece na historia local, tanto pola súa dedicación á formación académica de moitos marinenses, como pola súa achega desinteresada para que Marín conte cun amplo e valioso catálogo de bens arqueolóxicos. E porque cómpre retomar os lazos de irmandade co pobo de Moraña, onde tamén foi artífice de grandes achegas á bagaxe patrimonial desta localidade e onde o seu pasamento, en novembro de 1974, lamentouse como a perda dun ilustre veciño.

Tan ilustre que o compromiso cultural de Carlos Paratcha -que tamén foi directivo do Ateneo Santa Cecilia- foi aplaudido por coetáneos tan importantes como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro; quen fora secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén; o investigador Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza; os profesores do Instituto Laboral de Marín Antonio Porta de la Encina e Antonio Vicent Aparici; ou o polígrafo Elixio Rivas…

Grazas ao labor de Don Carlos saíron á luz conxuntos rupestres no Pornedo, en Champás, na Carrasca, na Moreira, na canteira da Laxe, nas Sete Espadas, en Mogor ou no bosque de Cadro, ademais doutros vestixios vencellados ao antigo Priorato. Moitos deses descubrimentos foron documentados polo propio Paratcha a través de fotografías, debuxos e descricións manuscritas; algúns destes materiais forman parte do arquivo do Museo de Pontevedra e outros atópanse -ou atopábanse- entre os fondos da Biblioteca Municipal de Marín.

Fotografía tomada por Carlos Paratcha no que puido ser o descubrimento dos petróglifos do Pornedo

Sen dúbida, urxe a catalogación deses materiais, garantir a súa conservación e poñelos á disposición tanto dos expertos como da veciñanza, dando a coñecer a traxectoria vital e intelectual de Paratcha a través dalgunha iniciativa social, cultural ou educativa.

Os achados de Paratcha foron noticia en xornais como La Noche e El Pueblo Gallego, ademais de quedar recollidos en publicacións especializadas como “Arqueología gallega” e “Adiciones a la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra” editadas polo Museo de Pontevedra, “Gravados rupestres de la provincia de Pontevedra” publicada pola Fundación Barrié, ou “Cuadernos de Estudios Gallegos” do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Pero máis aló do brillo efémero dos titulares ou do eco momentáneo dun aplauso, o que verdadeiramente importa da transcendencia de Carlos Paratcha é que 125 anos despois de inscribir o seu nome na historia, haxa quen sigamos invocando ese bendito “mal da pedra” para camiñar xuntos na procura dun pasado que, segundo el, achegaba “leccións altamente proveitosas” para diversos campos do coñecemento.

Por tanto, volvemos reiterar que se recoñeza ese labor seu tan “desinteresado e fecundo que” – en palabras de Antonio de la Peña- “logrou descubrir e dar a coñecer a maior parte das estacións rupestres que hoxe fan de Marín un territorio clave neste fenómeno”.

Ademais de felicitar a Charo Rey Paratcha por esta merecida lembranza ao seu tío, tamén nos sumamos aos parabéns ás premiadas nesta edición, a profesora e deportista Raquel Carragal Dacosta e a doutora especialista en oncoloxía María del Rosario García Campelo.


Deixar un comentario

Categorías