Publicado por: MontePituco | 30/08/2025

O REVERDECER DO MONTE QUEIMADO

Entre as feridas que deixou o fogo no Pornedo, o pasado 7 de xullo, descubro con asombro os restos do niño dunha vespa no que a propia inquilina quedou carbonizada polas lapas… E xa camiño de dous meses tralo incendio, os fentos e a vexetación de matogueira comezan a reverdecer sobre a negrura da paisaxe, onde os piñeiros foron deitando as súas acículas a modo de manto acastañado.

Na senda dos castiñeiros atopamos unha chamativa fronteira natural entre o que ardeu -alimentado pola abundancia de especies pirófitas- e o que sobreviviu, cos ourizos atesourando os froitos dun magosto magoado pola cinza. Esa cinza que aínda se apega aos pulmóns, encollendo o corazón só de imaxinar a magnitude que tería acadado esta traxedia se ocorrese en plena vaga de lumes deste inesquecible mes de agosto, a máis devastadora na historia do país…

Porque con todo, os xacementos rupestres do Pornedo e Sete Camiños seguen enteiros, agardando por unha urxentísima intervención de limpeza e posta en valor. Concello de Marín, u-lo Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico? Comunidade de Montes de San Xián, u-lo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños?

E mentres, que chova… 

“Por fin nos chega a calma, pinga a pinga”

(‘Esperando o amencer’, de Fabiola Anchorena. Kalandraka, 2022)


Deixar un comentario

Categorías