Publicado por: MontePituco | 22/08/2025

LUMES NUNCA MÁIS

O mesmo día no que vemos na prensa local a repercusión da concentración organizada pola Plataforma Por un monte galego con futuro -representada en Pontevedra pola Asociación Pola Defensa da Ría– contra esta terrible vaga de lumes forestais, lemos tamén que o Goberno local de Marín está contactando coas comunidades de montes “co obxectivo de coordinar esforzos, actualizar medios a disposición cos que se pode contar de cara á extinción de incendios e para facer balance do traballo de prevención que se vén realizando no último ano”, informa a web municipal. Isto, despois de que a Xunta convocara os alcaldes e alcaldesas a unha reunión virtual xusto cando Galicia arde polos catro costados, batindo todas as marcas históricas pola extensión da superficie queimada e polas perdas incalculables no patrimonio natural, cultural e no medio de vida de milleiros de familias afectadas polas lapas.

O monte Pornedo, ou Pituco, ardeu o pasado 7 de xullo; vinte días despois, tamén o monte da Moreira e Penizas. O 1 de agosto mantivemos unha xuntanza coa alcaldesa María Ramallo e co concelleiro de Urbanismo Manuel Santos para compartirlles un balance -documentado graficamente- da pegada do lume no ‘balcón da ría’ e nos xacementos arqueolóxicos do Pornedo e de Sete Camiños. Naquel encontro reclamouse que o Concello de Marín asumira as súas responsabilidades activando o “Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios”, integrado no “Plan de emerxencias municipais”. Tamén se pediu información sobre a situación na que está o “Plan de protección do patrimonio” aprobado en 2017, do que agardamos recibir información sobre as medidas concretas que contempla, a súa dotación orzamentaria e o seguemento que se estea facendo sobre as accións e os prazos fixados para a súa aplicación.

Todo isto, lamentablemente, son preguntas, desexos, inquedanzas que quedan no aire e tempo perdido nun efémero ‘desafogo’ con quen se supón que ten a obriga de activar todos os mecanismos posibles en canto unha mínima faísca prende no recuncho máis recóndito do territorio marinense. Pero todo é retórica: dende recibir -coa maior cortesía, iso si- a quen expón a anguria que supón ver unhas inmensas laparadas á porta da casa en plena madrugada e prometerlle información, ata comunicarse cos presidentes das comunidades de montes a 21 de agosto porque “arde Galicia co lume forestal”, como dirían os Diplomáticos pero, desta volta, si queima.

“Coordinar esforzos?”. En San Xián, mentres os medios aéreos carrexaban auga para sufocar o incendio na Moreira, na Comunidade de Montes estábase celebrando unha asemblea xeral na que non se dixo ren sobre a ducia de hectáreas calcinadas no Pituco.

“Medios dispoñibles de cara á extinción de incendios?”. Mentres a única estratexia do Concello e da Xunta sexa apagar, estamos perdidos porque, como se está vendo no actual contexto climático, co abandono do medio rural -tamén a nivel local- e diante dunha ausencia total de xestión previa por parte da Administración, hai lumes incombatibles. Urxe un cambio de modelo, a todos os niveis.

“Balance do traballo de prevención no último ano?”. U-la prevención neste 2025, xa na recta final do verán? Coa Policía Local petando nas portas a un mes do outono, a prevención chega tarde.

Diario de Pontevedra, 22 de agosto de 2025

Web municipal, 21 de agosto de 2025

En definitiva, a “situación dos montes” é “chunga”. E “coordinarse para previr incendios” a estas alturas, ídem.


Deixar un comentario

Categorías