Publicado por: MontePituco | 26/07/2025

DESBROCE TARDÍO DA ÁREA RECREATIVA

Traballos de desbroce na arboreda do Monte Pituco (Pornedo) realizados o sábado 19 de xullo de 2025

Tivo que pasar un mes dende o comezo do verán para que a Comunidade de (des)Montes de San Xián se dignase a desbrozar a área recreativa do Pornedo, situada a carón da estrada provincial. Pero esta medida tan tardía non se debeu a ningún inocente despiste, nin a hipotéticas dificultades para contratar a profesionais que se dedican a este sector e que teñen as axendas cubertas a meses vista… Se pola Comunidade de (des)Montes fose, nesta arboreda seguiría medrando a vexetación ad infinitum e a herba acabaría por engulir as mesas e os bancos de pedra, e as fontes que non funcionan endexamais volverían a funcionar e todo se convertiría nun inmenso e inespugnable silveiral porque así o teñen decidido as mentes obtusas que (des)gobernan esta entidade coa mala fe de consumar a degradación programada e progresiva do Monte Pornedo e da súa contorna.

O lume que o pasado 7 de xullo feriu gravemente o ‘balcón da ría’ e afectou tamén de xeito importante os seus xacementos arqueolóxicos foi o que fixo mudar a posición de desleixo e indiferenza da Xunta rectora que, a golpe de sábado 19, dispuxo a limpeza deste espazo cun tractor de cadeas. Curiosamente, a prensa local e as redes sociais comezaban tamén a difundir o comunicado no que, 24 horas antes, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e o Colectivo Monte Pituco criticabamos o incumprimento da lexislación en materia de prevención de incendios e esixiamos medidas urxentes para evitar males maiores no que queda de tempada estival. Semella que, de súpeto, á Comunidade de (des)Montes entroulle a présa.

É unha mágoa que, ademais de actuar ao rebufo dunha emerxencia tan seria como un incendio forestal, este aviso non servira para que os mandamáis da Comunidade aparquen o autoritarismo, a soberbia e o desprezo co que (mal)tratan esta parte tan significativa do monte veciñal. Cos cartos que regalan a mans cheas a entidades parroquiais para contentar/comprar a veciñanza tiñan máis que de sobra para acometer algunha das propostas de mellora para o Monte Pituco que se lle trasladaron en xullo de 2016. Lonxe de aproveitar esa man tendida como xesto de confianza, o tempo demostrou que calquera Xunta rectora pasada -túzaros incluídos- foi mesmo mellor.

Trala recente limpeza desta área recreativa comprobamos que, por fin, as familias e os grupos de amigos volven frecuentar este espazo para gozar dun xantar, dunha merenda, dun petisco ou dunha xuntanza á sombra das catalpas e dos castiñeiros. A ver se de aquí ao remate do verán a alguén na Comunidade de (des)Montes se lle ilumina a bombilla para rematar a faena e, de paso que rozaron as herbas, tamén encargan a retirada das pólas rotas ou caídas polos temporais deste ano, e do anterior, e do outro… #VaiSerQueNon

Estado que presentaba a arboreda do Monte Pituco (Pornedo) ata o venres 18 de xullo
A altura da vexetación impedía desprazarse con seguridade pola arboreda, impedindo distinguir as irregularidades do terreo


Deixar un comentario

Categorías