Publicado por: MontePituco | 18/07/2025

URXIMOS MEDIDAS PARA PREVIR MÁIS LUMES NO PORNEDO

As lapas estragaron solo rústico de especial protección de espazos naturais, con hábitats de interese comunitario de queirogal seco europeo e rochedal silíceo con vexetación pioneira, e plantacións de piñeiro, abeto de Douglas, castiñeiro e carballo americano

A nula eficacia do Plan de Protección do Patrimonio aprobado polo Concello de Marín provocou que ardera a área de protección integral dos petróglifos de Sete Camiños e a área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo

Máis dunha semana despois do incendio forestal que se iniciou no monte veciñal de Lourizán, pertencente ao concello de Pontevedra, e que impactou de xeito importante no monte limítrofe de San Xián, en Marín, concretamente unha parte do Monte Pornedo (ou Pituco), o Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo esixen que se tomen medidas urxentes para cumprir a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e o PXOM de Marín.

Dende as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en setembro de 2017 e xaneiro de 2018 que anularon os proxectos do Concello de Marín e da Xunta para instalar un polígono industrial no Pornedo, este territorio vén padecendo un progresivo e deliberado proceso de degradación por parte da Comunidade de Montes de San Xián, como xa advertira a asesoría xurídica do Colectivo Monte Pituco tralas súas vitorias legais: a reforestación en réxime de monocultivo con piñeiro, unha especie que favorece a propagación do lume; a execución de infraestruturas pese á oposición veciñal; a ausencia de silvicultura en condicións e en zonas sensibles, como a cercanía de eucaliptais abandonados nos matos privados; a falta real de protección e mantemento perimetral dos xacementos arqueolóxicos catalogados; e mesmo o boicot ás actividades divulgativas que organiza o Colectivo Monte Pituco.

Segundo as estimacións da Consellería de Medio Rural, unhas dez hectáreas de terreo arborado e matogueira resultaron afectadas polo lume, que requeriu ata tres días de intenso traballo por parte dos efectivos para dalo por extinguido. Tal e como puideron comprobar integrantes do Colectivo Monte Pituco e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo nunha visita ao lugar, hai que lamentar a afección directa dos ecosistemas naturais e plantacións forestais, xunto coa súa biodiversidade, parte da cal quedou exánime tralo paso dos lumes. No contexto global de emerxencia climática, tamén son relevantes os procesos erosivos que os incendios conlevan para o solo, o subsolo, os acuíferos e a contaminación atmosférica.

DANOS AOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS

Con todo, o complexo rupestre do Pornedo -con gravados prehistóricos consistentes en círculos concéntricos con coviñas e varios trazos de armas- non resultou directamente tocado polas lapas, que quedaron a uns poucos metros de distancia. Neste caso, os danos sitúanse na súa área de protección de cautela. En canto aos petróglifos de Sete Camiños, a súa área de protección integral está moi afectada, aínda que a laxe que contén os gravados -zoomorfos e círculo con coviña- non chegou a sufrir de cheo o paso do lume.

Ao estrago provocado polo incendio na contorna engádese o producido no chan forestal e nos camiños pola utilización de maquinaria pesada con pala excavadora durante os labores de extinción e que, en maior ou menor medida, teríanse evitado se houbera un mantemento e un control previos da biomasa.

Amais, cómpre lembrar a proximidade da zona incendiada a varios núcleos de poboación -O Regueiriño, O Marco, Arealonga, A Pena, O Caeiro, O Casal, Os Bravos- nos que abunda a vexetación pirófita -eucaliptos e piñeiros, principalmente- que, nunha tarde e noite con altas temperaturas e fortes ventos, puideron verse expostas a situacións de grave perigo pola expansión de muxicas; un extremo ao que, por fortuna, non se chegou grazas á intervención das brigadas contra incendios que, neste inicio do verán, contaron con recursos suficientes debido a que non se rexistraron lumes de maior calibre no distrito a nivel provincial.

Sobre a orixe das lapas e a presenza de varios focos, as fontes do servizo de extinción consultadas non descartan o factor accidental pola incidencia dos tendidos eléctricos aéreos e as torres de alta tensión, unido á adversidade das condicións atmosféricas. Á parte de xerar un impacto severo no territorio e na paisaxe, e de ser susceptibles de causar incendios agravados pola falta de supervisión da vexetación que medra aos pés destas estruturas, o incendio no Monte Pornedo deixou sen electrificación a centos de veciñas e veciños nas súas vivendas da parroquia de San Xián.

Ante a gravidade dos feitos e o pésimo estado de conservación no que se atopaban os xacementos do Pornedo e Sete Camiños -que contan coa máxima cualificación de protección como Ben de Interese Cultural de Galicia-, o Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo critican que este patrimonio rupestre pertencente ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños estea abandonado pola Comunidade de Montes de San Xián, que permite a acumulación de vexetación pirófita, como mato alto, piñeiral e eucaliptal sen control; un vergoñento panorama que se estende á maioría dos xacementos arqueolóxicos situados no monte veciñal desta parroquia.

O Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo destacan que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece que as zonas arqueolóxicas deben contar cunha contorna de protección, que os propietarios dos terreos están obrigados “a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración”, e que as Administracións públicas -a Xunta, tamén en colaboración co Estado, comunidades autónomas, organismos internacionais e Goberno local- deben garantir a protección e a seguridade do patrimonio cultural. No caso do Concello, a lexislación tamén determina que o planeamento urbanístico estableza medidas que garantan “a protección dos valores culturais dos bens inmobles incluídos no seu catálogo”. Porén, “as accións e omisións que supoñan o incumprimento das obrigas establecidas nesta lei” son motivo de infracción administrativa.

PLAN DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO E REXENERACIÓN AMBIENTAL

Precisamente, e para que esta circunstancia non se repita neste verán que está superando as marcas en seca e en exceso de biomasa combustible, o Colectivo Monte Pituco vén de solicitarlle unha reunión á Alcaldía do Concello de Marín para reclamar a aplicación do Plan de Protección do Patrimonio aprobado en 2017; un plan que, para esta entidade, naceu eivado por carecer de planificación, orzamento e participación dos axentes sociais e culturais dedicados á defensa e á promoción destes bens.

Por outra parte, o Colectivo Monte Pituco insta ao Concello a avaliar o funcionamento do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que a lexislación obriga a integrar no Plan de Emerxencias Municipais, ademais de emprazar á Comunidade de Montes de San Xián a que se responsabilice do mantemento da súa zona de influencia forestal “en condicións que contribúan a previr ou evitar” que se produzan ou propaguen os lumes, “especialmente as relativas á xestión da biomasa vexetal e das redes de faixas”, como estipula a Lei de Prevención contra os Incendios; tamén a controlar a biomasa perimetral dentro da área de protección dos xacementos arqueolóxicos, en aplicación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, sempre de forma respectuosa e contando coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura.

Por último, o Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lembran que a lexislación autonómica contempla medidas para o mantemento e a restauración dos terreos incendiados. Tratándose dun espazo cunha forte pendente -por tanto, sensible á erosión- e onde se localiza o nacemento de varios acuíferos que abastecen os núcleos de poboación próximos de auga para consumo doméstico e de regadío, e que nutren a conca de nacemento dos regos das Presas e de Pornedo, ambas as entidades solicitan que se derive á Xunta unha petición para incluír a zona afectada nas actuacións previstas para a conservación e rexeneración dos ecosistemas naturais, dos recursos forestais, hídricos e do solo.

Requiren tamén a substitución dos monocultivos con especies pirófitas en beneficio doutra liña de xestión que aposte pola biodiversidade con especies frondosas e autóctonas, tanto terrestres como de ribeira. Igualmente, demandan o mantemento do monte baixo mediante o fomento da silvicultura e das actividades silvopastorís tradicionais.


Respostas

  1. […] tractor de cadeas. Curiosamente, a prensa local e as redes sociais comezaban tamén a difundir o comunicado no que, 24 horas antes, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e o Colectivo Monte Pituco […]

  2. […] causas que derivaron nos lumes forestais do pasado verán nos montes veciñais de Marín –7 de xullo no Pornedo e 27 de xullo en Penizas– e a situación das zonas afectadas catro meses despois centrarán […]

  3. […] causas que derivaron nos lumes forestais do pasado verán nos montes veciñais de Marín –7 de xullo no Pornedo e 27 de xullo en Penizas– e a situación das zonas afectadas catro meses despois […]


Deixar un comentario

Categorías