Publicado por: MontePituco | 12/07/2025

VISITA AO PORNEDO TRALO LUME

Estado actual do Monte Pornedo (Pituco) tralo incendio

Foron días de anguria dende que o lume prendeu no Pornedo nun serán de moito vento e altas temperaturas, complicando o labor dos operarios de extinción, non só os que actuaron cos medios aéreos, senón tamén os que loitaron contra as lapas en canto caeu a noite. Foron días de incertidume, alcanzando a imaxinar o impacto das chamas sobre o terreo e asimilando a posible perda do patrimonio arqueolóxico, alén do obvio dano ao medio natural.

Durante tres días os bombeiros forestais traballaron arreo no monte para controlar e extinguir por completo un incendio que calcinou entre dez e doce hectáreas. Precisamente, na tarde previa a dar por concluída a súa misión, puidemos conversar cun deles, que nos deu novas tranquilizadoras sobre o estado do conxunto rupestre do Pornedo, asegurando que non estaba afectado.

Puidemos confirmar as súas palabras este xoves, cando o acceso ao monte quedou restablecido con seguridade e sen entorpecer as tarefas dos profesionais.

O miradoiro está intacto pero, a uns cantos centos de metros cara atrás, baixo a liña de alta tensión, en terreos de Lourizán, xa se distingue o rastro ennegrecido do lume. Avanzamos cara aos petróglifos do Pornedo, que se salvaron das lapas a pesar do seu lamentable estado de conservación: o toxo e os fentos rodean as dúas laxes e os piñeiros medran ao seu arredor; unha biomasa que cómpre desbrozar coa maior urxencia para reducir o risco de que futuros (e indesexables) incendios poidan arrasalas. A Lei de patrimonio cultural de Galicia e a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia dispoñen as medidas que tanto os propietarios dos terreos -a Comunidade de montes de San Xián- e as Administracións públicas deben cumprir.

O val dende o alto do Pornedo ata Sete Camiños foi o espazo peor parado, onde o incendio levou por diante a matogueira e os piñeiros que poboaban a zona. Por fortuna -ou mesmo, se cabe, por milagre- a laxe que contén os gravados zoomorfos de Sete Camiños quedou intacta, a pesar de que as lapas rodeárona e reduciron a cinsa a vexetación circundante.

A afección na parte inferior á pista forestal foi puntual grazas á rápida intervención das brigadas que, a base de gabias trazadas como cortalumes, evitaron que ardera a plantación de piñeiro realizada pola Comunidade de montes logo da tala a matarrasa en xullo de 2019.

“É o noso traballo”, respondeu aquel bombeiro forestal que tan alentadoras palabras nos dera cando lle agradecemos o seu esforzo. Mais o mellor incendio é aquel que non se produce, polo que toca esixir responsabilidades e accións preventivas. Isto non vai quedar así!


Respostas

  1. […] as estimacións da Consellería de Medio Rural, unhas dez hectáreas de terreo arborado e matogueira resultaron afectadas polo lume, que requeriu ata tres días de intenso traballo por parte dos efectivos para dalo por […]


Deixar un comentario

Categorías