Publicado por: MontePituco | 18/11/2023

ESPAZO SETE CAMIÑOS, CON FERNANDO PINTOS E RAFA QUINTÍA

“Querer, saber, poder” é o titular do faladoiro que compartimos este pasado xoves, co gallo do Día Mundial do Patrimonio, arredor do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños con dous dos seus promotores, o antropólogo Rafa Quintía, que formou parte da comisión técnica do proxecto, e o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, a única das tres comunidades de montes -San Xián foi a primeira en desentenderse, seguida de Lourizán tempo despois- que segue fiel a esta iniciativa de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e natural deste espazo.

As comuneiras e comuneiras de Salcedo queren conservar, promocionar e desfrutar dos xacementos arqueolóxicos que atesoura o seu territorio; saben porque se rodean de bos asesores que, como explicou Rafa Quintía, levan moito tempo desenvolvendo un intenso labor de pedagoxía entre a veciñanza; e poden impulsar accións encamiñadas á mellora de todos estes recursos porque contan cos fondos económicos necesarios para financialos e co aval da parroquia. Por iso esta entidade é un espello no que mirarse, un exemplo a seguir, a envexa de quen padecemos, en San Xián, o veto e a censura, o desprezo e a represalia.

Estas VII Xornadas de Patrimonio de San Xián continúan mañá domingo cunha RUTA DE SENDEIRISMO POLO MONTE DE SALCEDO, con saída ás 10:00 horas dende o cruce do Regueiriño. Finalizaremos ás 17:00 horas coa celebración da Homenaxe a Xan Montenegro, organizada pola súa familia e achegados, no lugar do Carballal.

Dende o Colectivo Monte Pituco queremos dedicarlle tamén unha lembranza especial a unha persoa extraordinaria e inspiradora, animosa e sensible, investigador da natureza e do patrimonio cultural, gran defensor e divulgador do río Gafos: Amancio Castro, sempre na nosa memoria. Apertas ás súas compañeiras e compañeiros de Vaipolorio e á súa familia.


Respostas

  1. […] ao profesor Elixio Rivas polas súas investigacións sobre a toponimia marinense e o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños foron as temáticas abordadas nas pasadas edicións das Xornadas, que contan co apoio da Rede do […]


Deixar un comentario

Categorías