
As VII Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián celebraranse o vindeiro 16 de novembro, co gallo do Día Internacional do Patrimonio. O Museo Torres de Marín acollerá un faladoiro a partir das 19:30 horas arredor do “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, coa participación do presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Salcedo, Fernando Pintos, e do antropólogo Rafael Quintía. Para o Colectivo Monte Pituco, o labor de defensa e promoción do patrimonio que se desenvolve na parroquia veciña de Salcedo é un exemplo para outras comunidades de montes e colectivos sociais. Fronte ao desinterese das demais comunidades que integran o Espazo Sete Camiños, San Xián e Lourizán, Salcedo é a única que mantén o seu compromiso co coidado, sinalización e divulgación dos elementos patrimoniais existentes no seu ámbito territorial, mesmo ampliando a oferta de recursos coa construción dun parque etnoarqueolóxico en Outeiro das Mouras.
O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños foi unha iniciativa do arqueólogo Lukas Santiago que tomou forma en 2010 coa creación dunha comisión técnica da que formaron parte Rafael Quintía e o Colectivo Monte Pituco, canda outros integrantes dos movementos asociativos de Marín e Vilaboa, e que contou co aval de sete profesionais da arqueoloxía e numerosas entidades sociais e culturais. Inaugurado en 2015 baixo a xestión das comunidades de montes de Salcedo, Lourizán e San Xián, esta última axiña se desentendeu das súas responsabilidades, ignorando os actos vandálicos que afectaron a sinalización instalada, retirando os paneis informativos nos seus accesos e incumprindo o compromiso de ampliar o Espazo Sete Camiños ata o Lago de Castiñeiras a través dos conxuntos rupestres de Champás e A Carrasca.
As concellerías de Cultura e de Turismo do Concello de Marín tampouco colaboraron neste tempo na promoción do Espazo Sete Camiños, alén dunha única andaina celebrada en 2015 no marco do programa municipal de Rutas Culturais.
Por tanto, cómpre reivindicar este conxunto de bens que atesouran as tres parroquias -petróglifos e mámoas, elementos de interese etnográfico, lendas, natureza e paisaxe- e darlle a importancia que merecen, tamén como mecanismo de recoñecemento e identificación para a veciñanza. Só con educación, sensibilización e promoción será posible que San Xián deixe de ter o seu valioso patrimonio arqueolóxico nun pesimo estado de conservación, e que se erradiquen comportamentos incívicos como as recentes pintadas que afectaron á igrexa parroquial; accións impunes que se suman á agresión que o pasado ano sufriu o cruceiro da Chisca, situado no exterior do adro, resultando gravemente danado no seu fuste pola posible acción dunha radial.
OUTRAS ACTIVIDADES
As VII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián completaranse o domingo 19 a partir das 10:00 horas cunha ruta de sendeirismo polo monte veciñal de Salcedo guiada por Fernando Pintos e Rafael Quintía para visitar o xacemento arqueolóxico de Outeiro das Mouras e as cabanas de estilo prehistórico que completan este conxunto rupestre, ademais de percorrer os arboredos do Vello e da Carrasqueira, repoboados con milleiros de árbores en terreos antano invadidos polas acacias.
Finalmente, celebrarase o Memorial Xan Montenegro, organizado por amigos e familiares de quen fora presidente da Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia, ademais de activista político e cultural. Será ás 17:00 horas no lugar do Carballal, ao carón do monumento na súa memoria. Con esta homenaxe honrarase o legado ético e social de Xan Montenegro, o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e dos servizos, e a súa defensa do patrimonio histórico e ambiental, cando se cumpren 12 anos do seu pasamento.



Deixar un comentario