Neste 22 de maio, Día Internacional da Diversidade Biolóxica, volvemos reivindicar o valor natural do Monte Pituco (Pornedo), a riqueza deste ‘balcón da ría’ dende o punto de vista da flora e da fauna que habitan nos espazos abertos da matogueira, nas zonas húmidas que propician os nacementos de auga, nos piñeirais…
Aproveitamos tamén este Día da Biodiversidade para anunciar que no vindeiro mes de xuño celebrarase unha nova andaina, en colaboración coa Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, polos montes de San Xulián ata o alto do Pornedo.
O obxectivo deste roteiro, ademais do interese divulgativo, é defender a protección dos montes da parroquia, reclamar a conexión do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños co Lago de Castiñeiras a través da posta en valor real dos complexos rupestres da Carrasca e de Champás, e rexeitar unha vez máis o proxecto de construcción dun polígono industrial no Monte Pornedo.
O voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e promotor de Luita Verde, Cándido Martínez, bríndanos este fermoso álbum de fotos que tomou nunha andaina dende a contorna do complexo rupestre da Carrasca, seguindo polo rego da Grela, a Fonte das Pulgas e Sete Camiños, ata O Pornedo.
Animámosvos a visitar o ‘balcón da ría’ e os seus arredores, nestas datas de plena explosión bioclimática primaveral, para gozardes do colorido das flores, do verdor das árbores, do bulir dos insectos que habitan neste espazo e, con algo de sorte e paciencia, dar tamén con algunha especie faunística de maior envergadura, como aves rapaces que sobrevoan estes lares, ou cabalos ceibes que frecuentan estes pastos.
…Moitas grazas, Pichi!

Carrasqueira de Erica umbellata no alto do Pornedo

Erica umbellata, carrasco

Anagallis arvensis, herba do garrotillo, herba da rabia

Anthemis arvensis, macela brava

Caleosthopus myconis, pampillos

Carduus asturicus

Frangula alnus, sanguiño

Galium aparine, chapizo, herba do rodicio

Gnaphalium luteo-album, borrosa

Illecebrum verticilatum, fálago

Lotus corniculatus

Lotus parviflorus

Ornithopus compressus, serradela

Ranunculus bulbosus

Ranunculus ololeucos, ouca, herba da prata

Ranunculus repens, herba do ouro, bugallón, patelo

Rumex bucephalophorus, acedas

Salix atrocinerea, salgueiro

Sphagnum fimbriatum, esfagno

Trifolium arvense, pé de lebre

Trifolium dubium

Vicia parviflora, veza, herba da fame

Zygaena trifolii, zigena de cinco puntos

Calopterix virgo, cabaliño do demo, gaiteiro azul

Euphydryas aurinia, ondas vermellas



Deixar un comentario