
Na aba do Monte Pituco hai vagalumes. Foi o achado especial desta xornada de San Xoán: dúas luces brillantes agochadas debaixo dunha silveira, ao pé dunha maceira.
Contan os nosos interlocutores nas redes sociais que abundaban hai moitos anos, pero que a contaminación dezmou a poboación destes insectos coleópteros.
Non deixa de asombrar a capacidade desta especie para xerar luz. Esa bioluminiscencia é o que os fai especiais; e a súa presenza na aba do Monte Pituco induce a pensar que verdadeiramente estamos nun Espazo Natural cunhas condicións de calidad máis que idóneas para que esta especie se desenvolva. Nada hai dese lugar degradado que os pro-polígono intentan facer calar na cidadanía. Moi ao contrario, a presenza do vagalume ou lucecú súmase á existencia doutras especies -saramaganta rabilonga, aves rapaces diversas- que demostran claramente que o Monte Pituco ostenta por dereito e mérito propio a categoría de Espazo Natural que se lle outorgou nas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento, e que os pro-polígono pretenden furtarlle con mentiras e xogo sucio.
Así é esta especie que seguiremos moi de cerca, en diante, para saber máis sobre a súa bioloxía, costumes e lendas.

Habitan en lugares húmidos, onde as súas larvas -denominados vermes de luz- se alimentan principalmente de lesmas e cascarolos. Precisamente, nunha ocasión atopamos un exemplar desta cría no interior da cuncha dun caracol.

As luces de cor verdoso-fluorescente que atopamos debaixo das follas de silveira correspondían con dúas femias de vagalume, que prenden a súa antorcha polas noites para atraer os machos, que voan ao seu arredor. Mentres que os machos teñen un aspecto semellante ao doutros coleópteros, as femias non acadan ese nivel de desenvolvemento morfolóxico e o seu aspecto é larvario, polo que non teñen capacidade para voar.
Vagalume, lucecú, bicho do lume, cociñeiro, coco de luz, meiga, vella, vella do caldo, vella dos valados, vella facendo as papas, vella facendo o caldo, vella sen dentes, velliña da cea, verme canteiro, verme carpinteiro, verme da luz, verme de luz, lucerna, luceiro, corcoño, coroceiro, cagalume… Son moitos os nomes que recibe en Galicia esta criatura. En Portugal coñécense como pirilampos ou luzecus.
“…Tempos de cereixa e vagalume
polas encostas lemavas
que soben o circo das montañas…”
Lois Diéguez, fragmento de “Sete poemas e un maio”



Deixar un comentario